Mareas

Crónica | Marea Feminista

Marea Feminista

Por TATI MANCEBO

Sabíao desde hai moito tempo, comprobárao na rede e agora estámolo sentindo na cidade: só se precisa ter algo en común para a xente asociarse e facer cousas boas. Quen descalifica o traballo asembleario podería ter pasado pola #MareaFeminista na Palloza e tería atopado máis de 150 mulleres e homes de diferentes idades e pelaxes coa vontade de mellorar as condicións de vida das mulleres da cidade e, por tanto, de toda a coruñesía.

Silencio, respecto polas quendas de intervención, discursos breves e concisos directos ás raíces dos problemas, nin sequera se repiten as ideas, hai tanto por facer… Determinación para solucionalos de vez ou progresivamente, segundo os casos. E tamén a sensación de que o discurso politico non ten que ser necesariamente un mercado de promesas senón unha unión de compromisos, porque comezar por nós mesmxs é a única garantía de suceso.

Eu acredito, denuncio e demando que :

Precisamos verdadeiros centros de planificacion familiar -eu, de paso, mudáballes o nome- que inclúan servizos agora inexistentes como a revisión xinecolóxica, e que sexan suficientes en número.

Debemos visibilizar a prostitución, discutir moito e chegar a un programa de actuación.

Precisamos revisar o papel da muller no deporte.

Queremos políticas concretas desde a infancia para evitarmos ser atacadas polo simple feito de sermos mulleres.

Reivindicamos un espazo publico aberto, libre e seguro para as mulleres tanto de día como de noite.

Debemos crear redes de apoio a mulleres maltratadas porque incluso unha simple chamada pode ser suficiente para salvar unha vida.

Visibilicemos todas as horas de traballo non retribuído na familia tradicional e desempeñado sistematicamente polas mulleres. A volta a atrás nas políticas de dependencia e a redución dos recursos asignados a elas sobrecargan a xornada de traballo, de por si máis longa e peor retribuída de moitas mulleres.

Marea Feminista 2

 

Belén resume a sesión e engade que precisamos mellorar as leis e políticas activas que atendan as prioridades, mais tamén educacion nas familias, no propio concello e nos centros educativos, que Coruña se declare municipio defensor da igualdade e desenvolva algo mais que unha politica de conmemoracións.
Pasan os minutos e tamén neste aspecto se respecta a orde do día. Hoxe celebramos un primeiro encontro no que poñemos sobre a mesa os asuntos urxentes e importantes que nos unen hoxe na Palloza; a partir de mañá hai outras asembleas nas que participar, moitas áreas nas que calquera membro da comunidade pode fornecer traballo valioso.

 

Paula lembra a acción programada para o 27 de setembro, unha foto de mulleres espidas no Monte de San Pedro formando cos corpos as letras da mensaxe ABORTO LIBRE, a posibilidade de creación dun grupo nocturno e unha folga de mulleres ainda sen concretar.

Abandono a Palloza coa confianza posta nas nosas mans.

Marea feminista 3

Have your say