Saltar ao contido

Comunicado da Marea Atlántica, apoiado polos grupos parlamentarios de En Marea no Parlamento de Galicia
e no Congreso, Anova, EU, Podemos Coruña, Ourense en Común é Cerna

Desde a Marea Atlántica lamentamos que a asociación VE-LA LUZ empregue a súa plataforma para realizar declaracións como as que tiveron lugar no pleno do día 9 de xaneiro sobre a casa de acollida para mulleres agredidas por violencia machista da Coruña. As súas afirmacións son esaxeracións, medias verdades ou simplemente falsas, tentando mostrar unha situación na que as mulleres non son dotadas dun espazo de protección adecuado. Unha casa de acollida xestionada polo concello con convenios coa Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia e coa Deputación Provincial da Coruña e incorporada á rede de recursos de acollemento da Xunta de Galicia, polo tanto con tres administracións que tutelan o seu funcionamento.

O fondo do debate onde deberíamos centrar a nosa actividade os movementos feministas e organizacións é sobre se estes recursos de acollemento son precisos ou se o sistema de protección das mulleres que sofren violencias machistas non deben supoñer que sexan elas quen abandonen o seu entorno, senón aqueles que vulneran os dereitos quen debería facelo. Debemos traballar en propoñer solucións que se materialicen en políticas públicas daquelas administracións con competencias na materia que non nos revitimicen unha e outra vez.

Mentres isto non acontece, os recursos públicos desta natureza deben ser espazos onde as mulleres se sintan seguras e onde se traballe para que poidan recuperar a súa autonomía canto antes, a través da xestión dos recursos que as administracións competentes deben poñer a disposición.

O verdadeiro problema destas mulleres é poder saír dunha situación de vulnerabilidade na que polo xeral atópanse soas, sen recursos e carecendo das redes necesarias. A casa de acollida é un recurso para poder saír desta situación e estas declaracións non benefician ás usuarias, ataca o traballo do persoal da casa e fai que novas posibles usuarias non vexan na casa de acollida un medio, poñendo en perigo a súa propia vida.

A casa de acollida de A Coruña conta con persoal especializado, unha directora, unha traballadora social, unha psicóloga, unha asesora xurídica e unha auxiliar de atención cidadá que traballan tamén no CIM, así como 7 auxiliares que cobren as necesidades da casa de acollida durante as 24 horas do día, ademais de estar en proceso de contratación unha mediadora social para a casa. Ante as afirmacións subxectivas de falta de liberdade, ou carencias na comida, apuntamos que todo lugar de convivencia precisa dunha serie de normas e de racionalización de recursos que faciliten unha convivencia amable e respectuosa, e que os menús realízanse en función das pautas establecidas para unha nutrición equilibrada.

Cando o día 10 Ve-la Luz pediu a dimisión tanto da Concelleira de Igualdade como da Concelleira de Asuntos Sociais, para a Marea Atlántica quedou claro cal é o interese real das acusacións vertidas no Escano Cidadán e nas redes sociais. Mais non tiveron en conta que a súa denuncia ía dirixida contra un servizo municipal concreto e as traballadoras do mesmo, máis que ás responsables políticas, e son estas, tanto as traballadoras, como as propias usuarias, as que están a sufrir en maior medida eses ataques.

Consideramos lamentable que unha asociación que polas súas formas de actuar durante anos perdeu toda a credibilidade por parte dos movementos feministas, tanto do país como do Estado, así como das diferentes organizacións políticas, mais alá da súa cor ideolóxica, se faga e utilice estratexias baseadas en confundir ás mulleres, nos momentos de maior vulnerabilidade da súa vida, focalizando os problemas baixo unha mirada curta e sen afondar nos verdadeiros problemas que este sistema imperfecto produce nas nosas vidas.

A Marea Atlántica rexeita as afirmacións da asociación VE-LA LUZ