Saltar ao contido

A Coordinadora da formación municipalista lamenta a “falta de coraxe” amosada polo grupo socialista no Pleno municipal, que rexeitou unha moción que ofrece unha solución global para o bordo litoral

“Ao PP non lle podemos pedir coherencia pero si, cando menos, que non faga oposición á propia cidadanía”, di a voceira da Marea, Sabela Pérez

A Coordinadora da Marea Atlántica lamenta a “falla de coraxe” e a “ambigüidade” amosada no Pleno de onte polo PSOE, que “parece que ten o corazón dividido entre o pasado vazquista do que derivan os convenios urbanísticos de 2004 e o desexo de futuro que representa hoxe o debate sobre a recuperación cidadá do borde litoral da cidade”. Así se manifesta en relación á decisión do grupo municipal socialista de non apoiar a moción da Marea que solicitaba a condonación da débeda da Autoridade Portuaria e a revisión dos acordos urbanísticos de 2004 que poñen en risco o futuro dos peiraos interiores, así como de non aceptar as emendas presentadas á súa moción polo grupo que sustenta o goberno municipal, coas que se pretendía deixar patente a necesidade de garantir os usos e a titularidade pública da fachada atlántica.

“Ante o ocorrido no Pleno da Coruña, é necesario que o goberno de Pedro Sánchez pase dunha vez dos xestos aos feitos e recolla a man tendida polo alcalde, Xulio Ferreiro, no desafío portuario”, salienta a Coordinadora. “É o momento de cumprir coas expectativas depositadas tras a moción de censura. Na defensa do patrimonio da cidadanía e, polo tanto, dos terreos portuarios, sempre atopará á Marea”, recalcou.

Por contra, a MA quere felicitar ao goberno municipal por “manterse firme na defensa do dereito á cidade” e por “acadar un novo paso adiante” na batalla contra a especulación cos terreos portuarios, sumando cada máis vontades en torno a súa folla de ruta.

A voceira da Marea Atlántica, Sabela Pérez, indica que onte, no Pleno, “o goberno local soubo, unha vez máis, manterse fiel ás ideas que nos últimos anos defendeu en solitario”. De feito, “foi o único grupo municipal capaz de sacar adiante un acordo plenario que esixe a condonación da débeda da Autoridade Portuaria da Coruña ligada á construción de Punta Langosteira, a revisión dos nefastos convenios urbanísticos asinados en 2004 por Feijóo, Paco Vázquez e Álvarez Cascos, a constitución dun consorcio público no que participen todas as administracións implicadas no futuro da cidade e o impulso á conexión ferroviaria do porto exterior nos Orzamentos Xerais do Estado de 2019”, recordou.

Ao fío, o tamén voceiro da Marea, Xan Xove, recorda que “a recuperación para a cidadanía do borde litoral é unha conquista cívica e non unicamente institucional”. Nese sentido, quere salientar a implicación dunha morea de axentes sociais, así como o papel xogado en todo o proceso para garantir a liberación dos peiraos interiores da Comisión Aberta en Defensa do Común e a importante mobilización celebrada en maio de 2017, que reuniu a máis de 4.000 persoas nas rúas da cidade.

“A actitude da veciñanza, da rúa, que sempre tivo claro que A Coruña contaba cun patrimonio, como son os peiraos interiores, que debe permanecer público e á marxe de calquera especulación, contrasta co espectáculo amosado onte polo grupo popular”, incide Sabela Pérez. “Agrádanos ver como se ve na obriga de apoiar unha moción da Marea Atlántica que é incontestable pero, á vez, a súa falta de pudor é asombrosa. Logo de ver á aínda conselleira Bea Mato votando a favor da venta da Solana, e logo de defender o protocolo que Feijóo se sacou da manga o pasado abril, como explican esta repentina viraxe cara ao público?”, reflexiona. “Non lles podemos pedir coherencia pero si, polo menos, que non lle fagan oposición á cidade”, di.

A Marea Atlántica insta ao goberno de Pedro Sánchez a “pasar dos xestos aos feitos” e “aproveitar a man tendida” do alcalde no desafío portuario