Concello

mare-fondo

A Marea Atlántica esixe unha rectificación e desculpa pública á portavoz do PP local polas súas acusacións falsas e por defender a discriminación de persoas polas súas ideas

Tanto a Marea Atlántica como persoas asinantes do manifesto co que naceu a candidatura municipalista amosan a súa disposición a tomar todas as medidas pertinentes ante as graves palabras de quen formou parte dun goberno que si tivo que responder ante os tribunais por importantes casos de corrupción

A Marea Atlántica quere amosar o seu máis contundente rexeitamento ante as falsas acusacións que a portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular na Coruña, Rosa Gallego, pronunciou no Pleno de onte luns, cando sen ningún tipo de proba e mesmo sendo consciente de que mentía asegurou que “dos 99 asinantes do manifesto da Marea todos son concelleiros, teñen contratos ou semellantes”.

A portavoz do PP no Pleno —que vén de ser relevada do seu liderado a nivel local— facía así referencia ás 99 persoas que en verán de 2014 asinaron o chamado ‘Manifesto do 99%’ co que naceu a Marea Atlántica, que convertida en candidatura municipalista de unidade popular conseguía poucos meses despois facerse coa alcaldía da cidade. As 99 mulleres e homes que daquela solicitaban, entre moitas outras cousas, “unha cidade sen corrupción” sumaron forzas de xeito totalmente libre e sen máis interese que o de “procurar un novo xeito de organizar a vida en común, honesto e transparente, construído pola cidadanía, ao servizo da cidadanía e baixo o control da cidadanía” nunha época na que A Coruña era noticia case diaria por escándalos como o da Pokémon. Pasados case tres anos -e dous de goberno da Marea Atlántica- a corrupción no Goberno municipal é xa só un mal recordo de tempos superados. Non obstante, protagonistas daquel ciclo negro seica pensan que todos son da súa condición. E non.

A Marea Atlántica esixe á portavoz do grupo municipal do PP que pida disculpas e rectifique publicamente e co mesmo grao de difusión as súas falsas acusacións. En caso contrario, tanto a Marea Atlántica como as persoas asinantes do manifesto que foron acusadas estudarán tomar todas as medidas ao seu alcance para restituír a súa honra tras as manifestacións de Rosa Gallego, a todas luces unha mentira que só se pode entender desde o enfoque crispado e manipulador co que a portavoz popular asume as súa funcións públicas. Por certo, non deixa de ser curioso que por estas frases desafortunadas a cidadanía da Coruña teña que pagar 180 euros á portavoz do PP, xa que só ela e os seus compañeiros de bancada Martín Prado e Lorenzo cobran dietas por asistir a cada Pleno, algo ao que renunciou o resto da corporación.

Tanto Rosa Gallego como o PP saben que é mentira que “todos” os asinantes do Manifesto da Marea Atlántica estean ‘enchufados’ (o absurdo da acusación faise evidente só co feito de que varios e varias das asinantes levan anos xubiladas) e tamén son conscientes de que eles si formaron parte dun goberno municipal desta cidade que segue involucrado en casos de presunta corrupción como a Pokémon e que pertencen a un partido imputado por decenas de irregularidades feitas cos cartos de todos e todas. O PP fede a corrupción e ten colapsados os xulgados de todo o Estado con tramas de diverso tipo que chegan ata a mesma Moncloa. Non están para dar leccións a ninguén e menos ao goberno que teñen rematado con esas sucias prácticas.

A maiores, tamén resulta moi representativo da forma de pensar de Rosa Gallego e boa parte do PP as súas críticas sobre os poucos casos nos que profesionais de prestixio que á vez asinaron o manifesto da Marea prestaron servizos ao concello nos últimos dous anos. Parece que a señora Gallego considera que o feito de exercer a liberdade de expresión e facer públicos uns posicionamentos -políticos neste caso- debe convertirse nun feito que afecte ou impida o traballo das persoas. Pide Rosa Gallego censura e veto sobre profesionais na mellor tradición reaccionaria dunha formación con evidentes lazos co franquismo. Para o PP coruñés, un profesional de prestixio debe ser discriminado polas súas ideas. Soa a cinismo tendo en conta que o PP si converteu o Concello nunha axencia de colocación de amiguetes, tal e como consta en varios sumarios xudiciais. Xa non ocorre iso coa Marea Atlántica, por moito que intente manipular o PP.

Polo tanto, volvemos esixirlle a Rosa Gallego que pida disculpas e rectifique as súas falsas acusacións do Pleno do pasado luns 5 de xuño, así como recomendarlle que dedique o seu tempo a traballar pola cidadanía que lle paga, un digno obxectivo que nada ten que ver coa súa principal actividade coñecida que é a de pasar horas en twitter opinando no máis puro estilo chiflado de Donald Trump ou outros da súa especie. Non é isto o que merece A Coruña e si un goberno honrado e honesto como o da Marea Atlántica.

Have your say