Novas da Marea

SGR_20170220_xulio_marchas_da_dignidade_G88B4553

As pensións son un dereito. Defendámolas na rúa o 25 de febreiro

A Marea Atlántica convida á cidadanía a participar na mobilización das Marchas da Dignidade en defensa das pensións. O 25 de febreiro, na Coruña, denuncia os recortes encubertos e a perda de poder adquisitivo das e dos pensionistas

 

O día 25 de febreiro as Marchas da Dignidade de toda Galicia virán á Coruña a defender as pensións e os servizos públicos das privatizacións e os recortes. Ás 12 da mañá sairán dúas columnas desde o Pazo da Ópera e o Campo da Leña que percorrerán as rúas para confluír na Praza de Ourense e desde alí marchar conxuntamente ata Méndez Núñez.

A Marea Atlántica apoia este acto, igual que apoiamos sempre as accións das Marchas. Queremos animar a todos os procesos municipalistas, a En Marea, e e a cidadanía no seu conxunto a sumarse ás Marchas da Dignidade na defensa dos dereitos básicos e do ben común.

As pensións son un destes dereitos. E están en xogo. A mala situación económica á que nos levaron ás políticas austericidas dos últimos gobernos do Estado farán que as pensión só suban o mínimo (un 0,25%) ata 2027. As xubiladas e xubilados perderán, de media. 650 euros de poder adquisitivo, pola diferenza co aumento da inflación.

 

photo_2017-02-06_10-21-47Un dereito gañado co traballo

As pensións non son un privilexio, nin un agasallo. Adquirímolas co paso dos anos, co noso traballo, co noso esforzo. Quen teña unha nómina poderá comprobar como cada mes descontan unha parte para a seguridade social, mentres a empresa tamén ten que pagar outra parte. O mesmo ocorre no réxime de autónomos, onde unha parte dos impostos se destina á xubilación.

Non é certo que sexa a mocidade a que paga as pensións. Págaa cada persoa cos seus impostos. Por iso, tampouco é certo que o déficit da Seguridade Social teña a súa orixe nas pensións. O déficit está provocado polos salarios miserentos logo das sucesivas reformas laborais, uns salarios que malamente garanten a supervivencia.

Estes salarios indignos provocan que, para moitas familias, as pensións das persoas maiores sexan o único sustento que entra no fogar. E se xa é moi duro chegar a fin de mes tal e como estamos agora, que pasará cando se recorten as pensións?

Xustificacións hai moitas, todas igual de falsas. O principal motivo do ataque ás pensións é a intención de fomentar os plans privados, que queren facer negocio cos nosos dereitos mentres o goberno é cómplice.

 

En defensa dos servizos públicos

O mesmo ocorre cos servizos públicos. A propaganda, teimuda, repite unha e outra vez que o gasto público é insostible, e o dino mentres gastan miles de millóns en rescatar autoestradas, bancos e outras empresas que non souberon xestionar os seus recursos. Pagamos as perdas, pero nunca recuperamos os beneficios.

As Marchas da Dignidade coñecen ben estas situacións. Por iso levan anos loitando na rúa contra a perda de dereitos, contra os abusos do poder económico. Pan, traballo e teito, berran, un lema que resume moi ben cales son as necesidades básicas que toda persoa debería ter cubertas para levaren unha vida digna.

Pan, traballo e teito

1 comment

  1. Vai sendo a hora de que se utilice as atribucions que teñe as Mareas nos gobernos e menos manifestacions. Xa se esta a gobernar

    Responder

Have your say