Concello

manifiesto_MOVILIDAD

Manifesto polo dereito á mobilidade

A calidade de vida da cidadanía e as súas posibilidades de acceso ás actividades cotiás e ao traballo dependen en gran medida dun modelo de mobilidade que sexa capaz de responder ás necesidades da maioría: eficaz, barato, socialmente inclusivo, que respecte a nosa saúde e a habitabilidade dos nosos barrios.

O modelo de mobilidade actual non proporciona unha resposta adecuada aos habitantes das nosas cidades, e non garante a igualdade de oportunidades nin que a cidadanía teña o mesmo acceso a un espazo público de calidade, en definitiva, limita os nosos dereitos.

Por iso nosoutros, concelleiros e concelleiras de mobilidade de A Coruña, Badalona, Barcelona, Madrid, Pamplona, Santiago de Compostela, Valencia, e Zaragoza, comprometémonos a impulsar nas nosas cidades un modelo de mobilidade:

Polo dereito á cidade: A desproporción entre o espazo destinado ao coche e ás persoas é patente nas nosas cidades. Sen embargo, a maioría de desprazamentos non se realizan en automóbil privado, senón a pé e en transporte público, o que constitúe unha iniquidade no reparto do espazo público, que é o espazo de todas e todos, independentemente da nosa condición social. Necesitamos avanzar cara unha cidade máis xusta, sostible e eficiente, deseñada a escala humana.

Por unha cidade inclusiva: Poder moverse libremente polas nosas cidades non pode ser un problema de renda. Unha cidade que promocione a elección dos modos de transporte non motorizados, os máis baratos, e que impulse unha tarificación social do transporte público, é unha cidade que afronta as desigualdades e que diminúe a fenda social.

Por unha cidade saudable: Moitas das nosas cidades non cumpren cos compromisos legais en materia de emisións contaminantes nin de ruído, causadas en gran medida polo tráfico, o que se traduce en graves prexuízos para a saúde das persoas. O compromiso para reducir as emisións contaminantes e o ruído vai marcar a nosa acción de goberno.

Pola soberanía enerxética: O 40% do consumo enerxético das nosas cidades débese ao transporte. Potenciar os desprazamentos non motorizados, a pé e en bicicleta, é a mellor maneira de diminuír a dependencia do petróleo do noso modelo de mobilidade. Non é posible alcanzar a soberanía enerxética das nosas cidades cun sistema onde o vehículo privado siga sendo predominante no uso do espazo público.

Por unha cidade segura: as nosas cidades sofren anualmente un número intolerable de mortes e feridos graves a causa de accidentes de tráfico. É necesario traballar de forma contundente para neutralizar esta praga, xerando máis espazos para que os nosos fillos e fillas, maiores e persoas con mobilidade reducida poidan facer uso do espazo público e desprazarse de forma autónoma en condicións de seguridade.

Por unha cidade da proximidade: A expansión urbana sen precedentes das últimas décadas contribuíu ao desenvolvemento de máis infraestruturas viarias e non veu acompañado das necesarias infraestruturas de transporte público. O compromiso coa cidade compacta e cun urbanismo de proximidade é imprescindible para avanzar nunha mobilidade máis sostible. Non pode existir mobilidade sostible onde hai urbanismo salvaxe.

Consideramos que unha mobilidade xusta, sostible e eficiente constitúe un dereito social de primeira orde, como tamén o son a sanidade ou a educación. Por iso, comprometémonos a situar entre as máximas prioridades dos nosos concellos a consecución dun modelo de mobilidade que aposte decididamente pola redución do uso do automóbil privado e a promoción do transporte público, a bicicleta e os desprazamentos peonís. Ao mesmo tempo, reclamamos ao resto das administracións, especialmente ao estado central, que se sumen a esta aposta e realicen os esforzos lexislativos, políticos e orzamentarios que merece un dereito que afecta á vida cotiá da cidadanía.

Have your say