Mareas

IMG_20170308_154249

Mulleres que transforman realidades. Manifesto do 8 de marzo de 2017

Polo seu interese, reproducimos o manifesto que o Concello da Coruña fixo público este 8 de marzo, Día das Mulleres

Foi lido pola Concelleira de Igualdade, Rocío Fraga, durante a inauguración das prazas 8 de marzo e Elvira Bao

 

O Concello da Coruña súmase coa conmemoración do Día Internacional das Mulleres, aos actos institucionais de restitución da memoria, recoñecemento do valor e vindicación dos dereitos das mulleres. Coa decisión de incluir este 8 de marzo de 2017 entre os días de festa local estendemos o convite aberto á cidadanía para vivilo nesta dobre dimensión: a vindicativa e tamén a festiva, de visibilidade, de artellamento de redes e de alianzas polos dereitos das mulleres e o avance cara un municipio en igualdade.

Baixo o lema de Mulleres que transforman realidades rendemos unha homenaxe a todas elas, ás de todos os tempos, ás de onte e ás de hoxe. Se trata dunha débeda histórica desta sociedade para con todas as mulleres. E, aínda que a restitución non é posible, queremos abrir un acto de reconciliación que dea visibilidade ás súas realidades. É unha cuestión de xustiza social rachar co silencio e facer explícito este recoñecemento e agradecemento polas súas contribucións á vida da cidade.

Hoxe rendemos tributo ás mestras, as sandadoras, ás farmacéuticas, ás lavandeiras, ás panadeiras, ás forneiras, ás tendeiras, ás mariscadoras, ás pescantinas, ás redeiras, ás cigarreiras, ás obreiras, ás sindicalistas, e tamén ás coidadoras, ás comerciantas, ás investigadoras, ás viaxeiras, ás creadoras, ás tecedoras de soños, ás activistas e a todas as loitadoras e compañeiras da vida. Todas elas, na súa gran diversidade humana, forman parte do noso imaxinario e tamén das nosas realidades.

Mais non é só unha data porque, unha vez máis, o Concello de A Coruña reafirma o seu compromiso explícito por traballar activamente durante todo o ano para facer realidade a consecución dos dereitos das mulleres, e da mellora das condicións de vida de todas. Queremos avanzar cara á Igualdade efectiva e, nesta tarefa, precisamos poñer o foco de atención nas condicións que posibilitan a súa emancipación, a súa independencia e o seu incuestionable dereito a gozar dunha vida plena, sen violencias, nin física nin económica, nin sexual, nin psicolóxica.

Por este motivo, desde a Concellaría de Igualdade e Diversidade, alentamos a recoñecer as achegas de todas, os progresos acadados e tamén os retos pendentes.

Conscientes do momento histórico que vivimos e da necesidade de superar as trampas patriarcais, asumimos como propia a reivindicación feminista do dereito efectivo das mulleres a elixir como queren vivir e gozar da súa vida plena e apoiamos a vindicación de xustiza de xénero xa na que se basa a chamada ao Paro Internacional de Mulleres.

Establecemos como obxectivo prioritario a eliminación das desigualdades e o artellamento dun Pacto Social por unha Cidade libre de Violencias Machistas.
Apelamos á corresponsabilidade cidadá e á necesaria colaboración entre institucións e organizacións para garantir o exercicio efectivo dos dereitos das mulleres.

  • Aos gobernos, para facilitaren recursos e resposta institucional adecuada que garanta o dereito das mulleres a unha vida plena.
  • Ás organizacións/entidades empregadoras, para que coas súas políticas de xestión contribúan a diluír as desigualdades económicas e a fenda salarial por cuestión de xénero.
  • Ao movemento feminista, para que siga artellando redes de empoderamento colectivo, observando e denunciando as dificultades e vulnerabilidades ás que se enfrontan mulleres e nenas e achegando a súa perspectiva crítica na construción doutro modelo de sociedade.
  • Aos homes, para que exerzan a súa parte de responsabilidade no proceso de autonomía das mulleres; asumindo que, só cando eles renuncien aos privilexios que lles outorga o sistema patriarcal as mulleres terán acceso ás condicións da equidade redistributiva.
  • Ás mulleres, para que participen, tomando a palabra e ocupando os espazos que lles pertencen naquelas iniciativas sociais e de convivencia cidadá que constrúan igualdade.

Neste 8 de marzo de 2017, o goberno do Concello de A Coruña reafirma o seu compromiso coa igualdade de xénero e coa superación das dinámicas baseadas na desigualdade, comprometémonos a practicar tolerancia cero ante calquera violación dos dereitos das mulleres como parte da historia incompleta dos dereitos humanos.

Have your say