Novas da Marea

Laicidade institucional

O Goberno da Marea Atlántica non participará na Ofrenda do Antigo Reino ao Santísimo que se celebra en Lugo este domingo

Xulio Ferreiro, que con toda seguridade será investido alcalde o sábado, remarca o seu respecto por calquera tipo de credo, como o católico, e por suposto as boas relacións entre as cidades da Coruña e Lugo; pero cumprirá coa defensa do laicismo que incluía o programa electoral da Marea Atlántica

O goberno da Marea Atlántica cumprirá co seu programa electoral e manterá a laicidade das institucións públicas, polo que o próximo domingo 14 de xuño o alcalde da Coruña Xulio Ferreiro (que será investido con total seguridade o día antes) evitará participar da Ofrenda ao Santísimo do Antigo Reino de Galicia, á que adoitaba acudir o rexedor coruñés -ao igual que os e as das sete antigas capitais de provincia galegas- nun acto católico que inclúe unha procesión baixo palio e unha ofrenda que resultan contrarias ao principio de neutralidade relixiosa que defende a Marea Atlántica. Deste xeito, Xulio Ferreiro non acudirá á Ofrenda ao Santísimo do Antigo Reino de Galicia, se ben quere deixar claro o seu “respecto ás persoas crentes e, por suposto, á cidade de Lugo e os seus habitantes e institucións municipais”.

No programa electoral da Marea incluía o compromiso de “respectar a laicidade da institución Municipal, de acordo ao principio de neutralidade relixiosa. O Concello da Coruña, en canto administración pública, e os cargos da Marea, en canto representantes públicos da cidadanía, axustarán a súa práctica ao principio de neutralidade ideolóxica e relixiosa, garantindo a súa independencia e a efectiva aplicación do principio do laicismo”.

 

4 comments

  1. Paréceme ben .felicidades.

    Responder
  2. Por fin, a relixión pertence ao ámbito privado, e vivimos nun país laico, que debe respectar desde as institucións a todas as persoas que representan.
    Noraboa!

    Responder
  3. Por fin!!

    Responder
  4. Foches pioneiro en demostras a separación da ingresia e Estado recoñocida na nosa Constitución, pero como dixo CERVANTES no seu dia:Sancho, con la Iglesia hemos topado, e isto lamentablemente aina esta vixente no seculo XXI.Causa risa sair non xornal internacional por non ir a misa.Demostrache que as creencias relixiosas, como calquer outras crencias, teñen que formar parte do ámbito privado das persoas, e non do ambito público

    Responder

Have your say