Mareas

Intervencións :: Acto do Paraninfo | Marea por outro Urbanismo

MAREA POR OUTRO URBANISMO

Palabras dende a Marea por Outro Urbanismo no acto público de Marea Atlántica. Paraninfo da Universidade de A Coruña. 17 de outubro de 2014

[Podes ver e escoitar esta intervención aquí]

A cidade é o que facemos nós: día a día é un proceso, unha produción.

Esa cidade que facemos, que practicamos de cotiá; co noso traballo, co lecer, cos nosos afectos, dentro e fora de casa, coa veciñanza e no anonimato (sen esquecer o que todo iso ten de político), sucede entre ‘cousas’.

No esceario desta tarde, debuxado no vidro que temos diante: o mar da ría coa costa de Mera ao fondo. Segundo vai pasando o solpor, aparecen as luces e vanse confundindo co reflexo de nós no vidro do esceario, as ‘cousas’ son aquilo que soporta esa constelación de puntiños de luz que vemos, a cada minuto mais mesturados coa imaxe dos nosos rostros.

Son esas ‘cousas’ as que promoven ou dificultan que desenvolvamos a nosa actividade, que fagamos cidade.

O Urbanismo consiste en entender, pensar e dispoñer estas ‘cousas’ no espazo. Para que sexa noso, para poder habitalo, para xerar as mellores condicións coas que nós fagamos cidade.

Niso andamos an Marea por Outro Urbanismo: recoñecer e deseñar esa disposición de ‘cousas’ para a nosa vida.

Porque necesitamos sinalar e denunciar un modo de cidade, da que a maioría somos servos, no mellor dos casos consumidores, e moitos nin sequera son nada para ela. Mais esta denuncia non é dabondo no eido do urbanismo.

Un proceso de empoderamento nunca poderá basearse nunha simple resposta de acción-reacción ante o presente que sofremos.

O deseño desas condicións materiais que precisamos para unha vida digna é parte deste proceso de empoderamento. Condicións materiais que ata fagan sitio á desobediencia.

Por iso a Marea por Outro urbanismo precisa das achegas de todos, para poder ser de todos.

Aquí estamos: Marea por Outro urbanismo é o que ves no vidro tralo esceario, quen tes agora ao teu carón. Marea es ti, porque a cidade es ti.

 

Xoán Mosquera

_MG_7340

Have your say