Saltar ao contido
MAREA DA CULTURA
«Non sabería explicar moi ben por que estou na Marea Atlántica. Pero creo que ao vervos hoxe aquí xa vou entendendo algo. Unha sensación semellante á que tiven en xullo na Ribeira do Cómaro. Un grupo de xente do común, sen ánimo de lucro, sen ansias de medrar en política (ata onde eu vexo) nin de vivir dela, que simplemente quere achegar ideas, tempo e forza de traballo para que a nosa cidade sexa mellor gobernada. Porque todas somos cidadás, e polo tanto, políticas.

Nos últimos anos, pola miña presenza en movementos culturais, sociais e comunicativos, recibín algunhas ofertas para integrarme nalgún dos partidos políticos existentes. Pero por razóns que non sabería explicar, non me sentín nada inclinado a aceptalas. Pola contra, cando oín falar da Marea Atlántica, o manifesto inicial e, sobre todo, a forma de participación, que xa coñecía dalgúns dos colectivos nos que colaboro, e as persoas que me invitaban a entrar, nas que teño unha cega confianza, fixéronme pensar que botar unha man neste proxecto non sería unha perda de tempo.

Algunhas persoas alineadas nalgunha formación política que poderíamos considerar afín, afirman que a Marea Atlántica non ten sentido de existir, porque todo o que nós reivindicamos e defendemos xa o abandeiran esas organizacións. Non coñezo a ningún político actual que non se crea na absoluta posesión da verdade e a representatividade social.

Pero eu non son así. Estou seguro de que as miñas ideas non son as máis brillantes, e por iso quero debatilas e contrastalas coas dos meus iguais, para que todas xuntas deseñemos un ideario mellor.

Eu só quero ser unha gota na Marea. Grazas a todas por permitirmo.»
Roberto Catoira
_MG_7312

Intervencións :: Acto do Paraninfo | Marea da Cultura