Saltar ao contido

Esta cita debe ser de recoñecemento mutuo, pero tamén un punto de partida para a reconstrución do espazo político de ruptura partindo do lugar que o viu nacer: as candidaturas municipalistas.

O próximo día 30 de xuño estamos convocadas en Ferrol todas aquelas persoas que cremos que no ámbito municipal hai un campo de batalla desde o que pelexar polos dereitos sociais, a democracia económica e contra as políticas neoliberais que nos últimos anos veñen golpeando con dureza ás maiorías sociais.

Desde a Coordinadora da Marea Atlántica facemos un chamamento a acudir a este encontro, que debe de recoñecemento mutuo, pero tamén un punto de partida para a reconstrución do espazo político de ruptura partindo do lugar que o viu nacer: as candidaturas municipalistas que lograron botar ao Partido Popular dos gobernos de moitos concellos, e que naqueles que non o conseguiron están plantando cara ás súas políticas.

Municipalismo en código aberto

A unidade popular de 2015 construíuse de abaixo a arriba, desde a proximidade e os afectos, traballando no pequeno e soñando no grande. Desde a pluralidade, a aceptación e a reivindicación da diferencia, facendo da sororidade un valor supremo. O éxito veu da man do código aberto, do coñecemento compartido e da capacidade de innovación política.

Estas ferramentas seguen a ser as nosas mellores armas para adaptarnos ao novo contexto no que a dereita está en proceso de refundación. Tanto as vellas como as novas marcas buscan unha aparencia de innovación programática, comunicativa e dunha nova imaxe que non agochan outra cousa que o autoritarismo e as políticas antisociais de sempre.

A situación do polo conservador non está exenta de crises orgánicas, como demostra o acontecido no presente mes de xuño. O resultado do xuízo da Gürtel non é outro que a chegada dun recambio en Moncloa.  Un feito que, sen colmar en absoluto o desexo de cambio, pode abrir un espazo de oportunidades A conversión da nova conxuntura nunha oportunidade política pasa pola esixencia nas políticas que favorecen ás maiorías sociais, expanden os dereitos fundamentais e as liberdades públicas. Todo isto sen a aplicación de dogmatismos incomprensibles para a cidadanía e que supoñen máis problemas e desafección que solucións e confianza no noso espazo político.

Mirar cara o futuro e non repetir fórmulas xa fracasadas

A inconsistencia do espazo de ruptura en Galicia non contribúe a xerar as bases  imprescindibles para a creación dun ecosistema no que poida agromar en toda a súa diversidade un municipalismo sano, plural e ilusionante. Se ben o programa político do municipalismo pode e debe proxectarse a unha escala maior que a local, non pode ser levada a cabo de calquera forma, con fórmulas xa fracasadas e de discurso baleiro, nin contencioso nin renovador, e que en moitos casos supón derrotas alén do electoral. O municipalismo non é unha bandeira de conveniencia a exhibir en sede parlamentaria coma trofeo, é a manifestación real da nova política.

Estamos a tempo. As mobilizacións das mulleres e pensionistas son a mostra de que existe unha sociedade aí fora que reclama valentía, creatividade e determinación. De nós depende estar á altura. En 2015 o obxectivo era recuperar as institucións para a xente. O encontro de Ferrol debe comezar un camiño, utilizando o aprendido para revalidar o conseguido e estender a experiencia a outras cidades e vilas, que merecen gobernos honestos, que poñan ás persoas por diante.

O #HaiMareas do próximo día 30 é un espazo clave para o intercambio de experiencias e o inicio dunha nova fase dentro do espazo de ruptura. A Marea Atlántica está disposta a pór ao servizo do encontro o seu esforzo e a súa experiencia acumulada, e chama a acudir a Ferrol para que a convocatoria cumpra cos seus obxectivos.

Chamamento a participar no encontro #HaiMareas, o 30 de xuño en Ferrol