Campaña

Hai cultura. Hai galego. Hai Marea.

 

_MG_4898

“A lingua e a cultura galegas son un ben común. Un recurso para a vida, non un atributo da morte. E temos que coidalo entre todas e entre todos. Con sentidiño, porque os caladoiros poden esgotarse se non os protexemos, pero tamén converterse nun deserto se os explotamos agresivamente. A lingua e a cultura galegas perténcenlle á xente e non imos deixar que ninguén as desprece ou as privatice. Ninguén.

A lingua e a cultura galegas necesitan unha marea. Unha marea que sume, que seduza, que poña no centro o que nos une e nos proxecte cara ao futuro, máis alá das paixóns tristes. Unha marea radical na defensa do común. Unha marea alegre e creativa no combate contra o sectarismo e a ignorancia. Nas aulas, nas rúas, nos bares, nas pantallas ou na intimidade das nosas casas.

Temos, como xeración apartada até agora das institucións, unha responsabilidade enorme. É hora de recuperar o orgullo e o respecto polo noso superando a cultura do reproche. É hora de abandonar dunha vez o Medulio e baixar á vida imperfecta e vizosa da xente común. É hora de substituír os trebellos que xa non serven e imaxinar un novo discurso para a lingua e a cultura galegas do século XXI. Non imos conseguir resultados novos cos métodos vellos e obsoletos de sempre. É unha lei elemental.

Precisamos ferramentas novas que aseguren o respecto dos dereitos das galegofalantes e os galegofalantes, porque sen voz, sen lingua, non hai tampouco vida digna. Precisamos ferramentas que poñan de novo a andar a factoría de ideas desta cultura e lle devolvan a condición que nunca debeu perder: a de ser o software da imaxinación, o código aberto do futuro.

Porque hai que escoller entre o que hai e o que queremos, e nós escollemos a vida, queremos facerlle unha homenaxe ás voces baixas, a todas esas persoas anónimas que no seu lugar de traballo, na súa casa, nas redes sociais, no seu tempo de lecer, fan un traballo inmenso e moitas veces invisible para facer do galego unha lingua viva, solidaria, útil e innovadora. Unha lingua ampla e acolledora.

As voces baixas que traducen ao galego os subtítulos das nosas series favoritas. As voces baixas que deixan a voz, tamén en galego, en Riazor, na miña bancada de General. As voces baixas que viven e traballan a lingua e a cultura galegas fóra das zonas de confort. As voces baixas que falan de política nunha taberna de barrio. As voces baixas que aquí, na Coruña, acaban todas as frases, neno, desa maneira tan nosa. As voces baixas que na intimidade len a Lois Pereiro ou a Luísa Villalta, cantan bravú ou sorrín ao lembrar episodios d’Os Novos. Esas voces baixas que converten a lingua no que é: un músculo do pracer.

A todas esas persoas que lonxe do foco dos medios, dos libros de historia, do oficialismo e da liturxia institucional, e moitas veces sen sabelo, fan un traballo valiosísimo: construír o futuro. A todas esas persoas, moitísimas grazas.

Hai cultura.
Hai galego.
Hai Marea
“.

 

Texto lido por Xulio Ferreiro, candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, ao remate do roteiro cultural celebrado este sábado 16 de maio na véspera do Día das Letras Galegas

 

1 comment

  1. Mentras non se diga o contrario, a universidade e a cuna do saber, onde ademas de instrucción academica, enseñanche a ser crítico ante a vida e non decir a todo amén.Perdoame po lo meu galego, porque residín mais tempo en BARCELONA que na miña terra, pero nunca deixei de falar galego, aida que a miña xeneración, loxicamente, non sabemos escribir-lo correctamente

    Responder

Have your say