Novas da Marea

grazas e avante

Grazas e avante

Á sombra duma aziñeira que ja não sabia a idade ou á luz dun faro dun par de milenios que ilumina a partes iguais mar, ceo e terra… tanto ten: o pobo é quen goberna.

A xente traballadora e honesta é quen ten as chaves dunha cidade. As mans de todas son os grans de area que fan morea. Pinga a pinga fan marea.

O pasado 24 de maio a lúa estaba en crecente. Xúpiter, Venus e o guapiño do grupo, Saturno, andaban polo ceo adiante. A cidade amencía ás 6:59 e o sol púñase ás 22.00. Quince horas de luz solar no distrito postal do quince. O quince, o ano do cambio. O nome do xornal da Marea.

O 15M hai catro anos.

15 centímetros é o que medrou o noso cabelo estes 10 meses, dende o 22 de xullo na Ribeira do Cómaro
en 10 meses namorabamos e desnamorabamos nun curso escolar
10 meses levaranos chegar a Marte
e, a todo gas, en 10 meses percorremos 800 millóns de quilométros arredor do Sol
e uns 9.000 millóns de qms. de nada pola Vía Láctea adiante
Case 10 meses -e non 9- dura un embarazo na especie humana.

Neste período de tempo, de xullo a maio, visitounos o cometa Lovejoy e centos de inmigrantes;
presenciamos un eclipse solar e moitas vidas eclipsadas;
sobreveu un terremoto que tirou casas e entidades bancarias que tiraron xente das súas;
o océano Atlántico ensanchouse uns 2 cms. e a fenda entre riqueza e pobreza bastantes ferrados máis;
houbo dúas superlúas cheas e unha chea de pequenos negocios baleiros;
o nivel dos océanos aumentou case 1 cm e o recibo da auga varios euros…

Levou o seu tempiño chegar aquí, pero estamos na praia do comezar de novo. Hai monte por rozar, moito. A Coruña pode ser un pulmón atlántico, un faro, unha irmandade, si, mais sabemos que por diante queda traballo arreo e cambios substanciais nas institucións e procesos. Para a Marea Atlántica, as Mareas barriais e sectoriais son clave. Os mecanismos de participación nas decisións que atinxen a todos. O código ético. As medidas de aforro e sustentabilidade. Non «facerlles a ola» a entidades que pasen por riba da vida digna dos demais, por moito poder que acaparen.

Malia que o sr. Lobo de «Pulp fiction» nos soltaría esa mítica frase súa para evitar caermos na autocompracencia, queríamos agradecer a todas as xentes que se achegaron á Marea Atlántica, molláronse, arrimaron o ombro para materializala e poñer os alicerces dos vindeiros anos.

Grazas a todas e todos os que se preguntaron «E se…?», a todas as mans que lle deron corpo a un desexo común, que subiron a marea argallando e artellando, porque palabras bonitas, si, pero os feitos son os feitos: dende os primeiros que escribiron aqueles cartóns «Súmate á rebelión democrática» até os que seguen e seguirán nutrindo movementos en contra de despexos, a favor da lingua, a visibilización e equidade cara á muller, contra a corrupción municipal, contra o maltrato animal, pola memoria histórica, a vida digna, a sostibilidade, a transparencia e os dereitos civís; dende as primeiras en daren roldas de prensa, contactar cos colectivos cidadáns, meter a marea atlántica nun punto azul até as que foron explicando o proxecto ás novas, procurando lugares de reunión – prazas, parques e recantos de rúa, antes das chuvias-; dende mandar newsletters e mensaxes a esgalla a tirar e procesar fotografías, presentar proxectos alternativos de urbanismo, deseñar un mecanismo de primarias, aceptar presentarse como candidatas ou preferiren non facelo, inventar memes, buscar equipos audiovisuais, montar haimas, mercar unha alfombra azul, levar a contabilidade, sacarse da manga un xornal, sachar na web, no facebook, no twitter, coser redes, tender nasas a outros movementos peninsulares, sondar achegas voluntarias, sementar paneis con ideas e estratexias de forma de goberno ou de novas formas de mobilidade, non durmir, botarlle salitre ás mentiras e manipulacións de certos medios, tratar de darlle artesanía a un proceso que se xestou con forza, curiosidade e entusiasmo.

Grazas por converter a carraxe en coraxe, o desleixo en desexo, o despexo dos que xa non poden máis no despexo dos poderosos, a mentira en marusía, a ira en marea.

Grazas por dar coa palabra. Dar coas mans. A Marea dá con nós, bate nas portas. María/Marea Pita é a casa de todas.

Unha cidade de coidados, de curiosidade, afouta, xusta. Atlántica.

Grazas por converter as espiñas da espiñeira na sombra duma azinheira que ja não sabia a idade…

Isto non hai quen o pare. Porque se pare entre todos e todas.

Avante a toda.

 

 

Como dicían no Leabhar Gabhála (o Libro das invasións, s. XI, gaélico irlándes) da Tor Breoghain [que podemos pensar que é a torre que nos parece… chi lo sa]: «Unha agradable e deliciosa morada ademais de ser un lugar para mirar e vixiar»

E nunha carta a Manuel Murguía, Rosalía describía a cidade así: «En cambio, La Coruña estaba hermosísima. Una temperatura de primavera y un sol brillante. Estaba por quedarme ya en ella.»

Quixemos ter un lugar para mirar e vixiar. E por fin unha primavera distinta.

CFzaKK5WgAA5Xv5grazas2

1 comment

  1. Rosalia a, mais grande da nosa terra.Filla de clérigo e que se estudia en todas as Universidades do mundo e nos colexigios relixiosos españoles nin siquiera se menciona poque e a vergoña mais grande da iglexia.Ser filla de solteira nunca foi fácil, ainda hoxe, imaxinate naquela época, porque se presupoñia que a muller era unha persoa de vida disoluta, decia a iglexia, e o millor solo tuvo unha sola relación sexual unha soia vez, mira que vida mais disoluta.Hay que joderse, como decimos os galegos.

    Responder

Have your say