Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

Máis de 200 persoas participaron nun percorrido festivo polo bordo marítimo da Coruña, no que se explicou o risco de que os peiraos interiores caian no casino da especulación inmobiliaria

“Ademais de ter a razón, precisamos ter a forza da rúa para impedir a venda dos terreos portuarios”, afirmou o alcalde, Xulio Ferreiro, cun chamamento á manifestación do 7 de maio

 

Comezo do roteiroA loita sempre é a mesma. Dun lado, os espazos abertos do común. Doutro, os muros dos lugares privatizados. Unha loita que se está a dar agora mesmo nos peiraos interiores da Coruña, entre quen quere privatizalos para facer caixa e quen agarda conservalos como patrimonio da cidadanía. E así se explicitou onte, na camiñada festiva Gañemos o Porto, á que se sumaron máis de 200 persoas.

Foi unha xornada alegre e divulgativa, na que a veciñanza organizada e non organizada avanzou ao lado de concelleiras e persoal técnico do goberno municipal, e do alcalde Xulio Ferreiro, para coñecer sobre o terreo a operación especulativa que ameaza os peiraos interiores. Unha ameaza que é, ao tempo, unha oportunidade para abrir un novo horizonte litoral. Foi un día para compartir a memoria do pasado, discutir o presente e soñar cun futuro no que a cidade coide a súa conexión co mar.
[Galería de imaxes]

O convenio de 2004

Xiao VarelaA primeira parada foi na mesma entrada da Autoridade Portuaria, a propietaria dos terreos que están en xogo, e o lugar onde se pelexa a parte administrativa desta loita. Alí, e logo dunha pequena introdución de Mercedes Boñalo, o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela explicou a situación actual. “En 2004, asinouse un convenio para permitir a venda dos peiraos de Calvo Sotelo, Batería e San Diego, coa escusa de financiar o Porto Exterior. Unha operación propia daqueles tempos de urbanismo depredador, que foi introducida no planeamento municipal en 2009 e 2013, por anteriores gobernos”, explicou Varela.

As consecuencias dese convenio detalláronse en varias ocasións durante o percorrido. No futuro próximo, boa parte da actividade dos peiraos da Coruña vaise trasladar ao Porto Exterior. Cando iso suceda, a Autoridade Portuaria -é dicir, o Ministerio de Fomento- ten luz verde para vender os terreos e deixalos en mans privadas. E quen os compre, ten luz verde para a especulación urbanística. Poderán erguerse hoteis e centros comerciais en Calvo Sotelo e Batería, e 4.000 novas vivendas en San Diego, en edificios de ata 10 plantas de alto. Iso é o herdado, pero pode cambiarse.

 

Economía azul, economía verde

María García, en primeiro termoA loita é sempre a mesma. Entre a riqueza compartida e a riqueza acaparada. A concelleira de Medio Ambiente, María García, sinalou que “é un erro pensar que o cemento e o ladrillo son as únicas formas de crear riqueza. Toda Europa está a apostar pola economía azul, por aproveitar os recursos naturais sen sobreexplotalos. E aquí temos unha magnífica oportunidade para facelo coa pesca”.

Un dato: a lonxa da Coruña factura 75 millóns de euros ao ao. Un erro: co plan herdado de 2004, vai quedar enterrada entre centros comerciais e pisos de luxo. Lembrouno Loli Patiño ante o muro que pecha o porto dos pasos da veciñanza: “Mentres pensan en especular cos terreos portuarios, esquecen unha das principais fontes de riqueza da Coruña: a pesca“. Fronte a iso, a proposta da Marea Atlántica e converter San Diego nun centro da economía azul, vinculado coa auga e centrado na actividade pesqueira e na investigación mariña. Nada inventado, simplemente unha posta ao día da Coruña pescadora e mariñeira de sempre.

Xoán MosqueraUnha historia recente de urbanismo depredador deixou á Coruña con carencias de espazos públicos e zonas verdes. “A superficie arborada da cidade está moi por debaixo das recomendacións da OMS, algo que podemos mudar cando se abra a oportunidade do porto. En Calvo Sotelo, apostamos por crear un parque á beira do mar, que continúe os xardíns de Méndez Núñez e axude á cidade a respirar”, detallou Xiao Varela. Será moito mellor que construír un centro comercial ao lado doutro centro comercial case baleiro, como os Cantones Centro de Ocio.

A memoria: Isto xa pasou antes

A loita é sempre a mesma. Entre as que son máis e os que teñen máis. Aló por 1860 rematouse o recheo portuario, terreo gañado ao mar para deixar sitio á actividade pesqueira. E, como lembrou Xoán Mosquera, xa houbo quen pensou en aproveitar o espazo para facer vivendas. Por sorte, a cidadanía tomou partido e alí naceron os xardíns de Méndez Núñez.Pero a loita polo espazo seguiu. Mosquera amosou o proxecto inicial do Hotel Atlántico, unha mole o dobre e grande do que é hoxe, construída derrubando o Kiosko Alfonso. De novo, evitouse o peor. Pero só en parte.

En datas máis recentes, hai exemplos claros do que pode supoñer a venda dos terreos portuarios. Como o caso do Palexco e o Centro de Ocio dos Cantóns, “edificios polémicos que retorceron a normativa urbanística para erguerse ocultando o mar”. Lembrouno á sombra destas “ás de gaivota que nunca chegaron a despegar”, en referencia á forma do tellado do pazo de congresos. Para erquelo, por certo, foi demolida a histórica Estación Maritíma.

Santiago LameloTamén as obras da Mariña, proxecto ‘estrela’ do goberno do PP, levaron por diante o edificio de Sanidade e unha grande cantidade de árbores, para substituílas por cemento. Santiago Lamelo lembrou que “foi unha obra ue representa o que queremos combater, un pésimo uso do espazo público, sen respecto polo patrimonio e deixado en man de empresas implicadas en casos de corrupción, como son Copasa e a antiga Movexvial -actualmente Civis Global-. Agora, a venda dos terreos portuarios pode ser moito peor”. A loita é a mesma, pero a maior escala.

 

A necesaria mobilización na rúa

O roteiro concluíu no mirador do Xardín de San Carlos, cunha vista sobre os peiraos interiores. Alí interveu o alcalde, Xulio Ferreiro, recollendo o sentir das intervencións anteriores. “Queremos manter o uso produtivo e a titularidade pública dos terreos do Porto. Porque a economía do mar ten que ser abondo para xerar riqueza, sen repetir fórmulas fallidas do pasado”.

Intervención de Xulio FerreiroTemos que decidir que queremos para A Coruña, un modelo de cemento ou de creatividade”, sinalou Ferreiro. “Nós temos unha proposta, pero queremos consensuala coa cidadanía, as administracións e as forzas políticas. Apoiamos a petición da Comisión Aberta en Defensa do Común, e celebraremos unha consulta cidadá para abrir este importante debate”. Do mesmo xeito, animou á cidadanía a acudir á manifestación convocada o 7 de maio por esta mesma entidade.

O alcalde insistiu en que a mobilización dos últimos meses, a raíz do intento de venda dos terreos da Solana e o Hotel Finisterre, serviu para poñer en dúbida o plan trazado en 2004 para o porto, e que ata o de agora ninguén discutía. E a mobilización ten que seguir para que “ademais de coa forza da razón, contemos coa forza da rúa á hora de negociar e mudar os convenios herdados”. A loita é a mesma. O común contra o privado. E desta xogámonos moito.

Paso a paso, a loita para gañar o porto