Saltar ao contido

Antía Pérez-Caramés, Alfonso Mascuñana e Nadia Hariri falaron no local da Marea sobre as inxustizas que se están a cometer coas refuxiadas.

A profesora Antía Pérez-Caramés, a representante do colectivo SURIA, Nadia Hariri, e o voluntario Alfonso Mascuñana participaron nun faladoiro sobre a situación das refuxiadas nesta Europa de valados, muros e arames de espiño. O 4 de marzo, no local da Marea Atlántica denunciaron a situación inhumana que sofren os migrantes e moveron á cidadanía a expresar a súa solidariedade e alzar á voz contra esta inxustiza.

_MG_9792Coa concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, actuando como moderadora, Antía Pérez-Caramés abriu a charla cunha análise da política migratoria da Unión Europea. “Baséase na creación de ‘estados-tapón, un papel que representa moi ben Marrocos, que bloquea o paso de persoas a cambio dunha compensación económica”, con métodos polos que esta Europa non se preocupa. En paralelo, “militarízanse as operacións de vixilancia no Mediterráneo, colocando soldados onde antes había servizos de rescate. Esquecéronse por completo os Dereitos Humanos”.

Tamén anunciou que Turquía pasaría a asumir ese rol perante a chegada de centos de milleiros de refuxiadas sirias, como se confirmou co vergoñento acordo desta semana. “Dos 900 millóns que a UE reserva para afrontar a crise migratoria siria, 700 están reservados para Turquía. Vai ser o novo estado tapón, xunto a Macedonia, mentres se externalizan as fronteiras a Xordania e o Líbano”, revelou a profesora.

Antía Pérez-Caramés afirmou que “canto máis se limitan as canles de paso, máis se lucran as mafias de tráfico de persoas”. Pero o “negocio da xenofobia” beneficia tamén a “empresas privadas que se ocupan da seguridade, vixilancia e control de fronteiras”. As vítimas da guerra son o último na escala de prioridades.

“As cifras frías, a palabra refuxiadas, non definen o que somos”

_MG_9814Pola súa banda, Nadia Hariri realizou unha breve e fermosa intervención, contando a súa historia persoal, a dunha filla de pais sirios que medrou na Coruña, a medio camiño entre dous mundos. Desde o colectivo SURIA, divulga a cultura do seu país de orixe, “para que nos coñezan e vexan que non somos xente estraña, que hai moito que nos une”. Con bágoas asomando aos ollos, Nadia asegurou que “Os números, as cifras frías, a palabra refuxiadas, non definen o que somos. Somos persoas”

De seguido, Alfonso Mascuñana compartiu a súa experiencia como voluntario na illa de Lesbos, onde pasou un mes axudando ás refuxiadas. “Non son un heroe, O que fixen non é difícil, só se precisa tempo, vontade e uns poucos cartos”, asegurou desde a humildade.

Mascuñana explicou que “as fronteiras están pechadas. Hai máis de 11.000 persoas agardando, e cruzan 400 ao día”. Ou cruzaban. Agora, tras o pacto con Turquía, nin iso. “Son vello, e un pouco sabichón, pero o torrente de humanidade que vin en Lesbos impactoume”. Lembrou que “a barbarie que se comete coas refuxiadas non é algo illado, forma parte do sistema. É buscado e planificado” e insistiu en que “a cidadanía e as formacións políticas non deberíamos deixarnos cegar polas miserias do día a día, senón poñer o foco nas maiorías explotadas, nas vítimas do capitalismo”.

Cando se abriu o debate co público puxéronse sobre a mesa máis datos que amosan a terrible situación que vive quen fuxe da barbarie da guerra só para atopar unhas institucións xordas e cegas, parapetadas tras un muro. A UE só recibiu máis dun millón de solicitudes de asilo, pero só aceptou 160.000, pouco máis do 10%. En contrapartida, Xordania e o Líbano acolleron cada un a máis dun millón de refuxiadas. Siria foi un país de acollida para as persoas desprazadas polas guerras en Oriente Medio, e agora se atopa so con insolidariedade.

Neste sentido, iniciativas como as #CidadesRefuxio, da que forma parte A Coruña, estanse a atopar coa pouca ou nula colaboración de organismos superiores, que ignoran a solidariedade e a hospitalidade dos pobos. Nas nosas mans e nas nosas voces, como cidadás, está facer ver o noso descontento con estas políticas e loitar para cambialas.

Galería de fotos do coloquio

Fronte á barbarie, escoitamos ás voces migrantes