Saltar ao contido

Forma de Goberno

Descargar pdf

A presente proposta de forma de goberno pretende deseñar o escenario electoral e postelectoral dende unha perspectiva que responda á natureza orixinal da Marea Atlántica. A Marea Atlántica configúrase dende o seu lanzamento público, coa publicación do Manifesto do 99%, como un espazo de confluencia liderado pola cidadanía. Propón, ademais, acabar coas políticas ditadas polas elites e o poder económico e rescatar a democracia, secuestrada polo bipartidismo tamén no ámbito municipal.

Tendo en mente estes obxectivos, presentamos á Marea Alta unha proposta de forma de goberno consonte con eles. Por iso, tanto naqueles aspectos que teñen que ver coa candidatura ás eleccións, como aqueloutros que se refiren ao funcionamento do futuro goberno municipal ou do grupo municipal da Marea Atlántica, entendemos que deben ofrecerse respostas a ese desexo de liderado cidadán, de dar protagonismo aos veciños e ás veciñas da Coruña, e transcender o seu funcionamento como un mero bloque ou agregado de actores diferentes para, creando un ecosistema no que todas e cada unha de nós poidamos estar cómodas, funcionar como un corpo coherente, transparente e democrático.

Por outra banda, a radicalidade democrática da Marea Atlántica esixe xeitos de control político que poñan o futuro grupo municipal e o Concello da Coruña ao servizo e ás ordes da cidadanía. Neste documento de propostas establécese unha relación de xerarquía entre a Marea Atlántica (que manda) e o Grupo Municipal (que obedece), obrigas de transparencia e rendición de contas que faciliten o labor de control sobre o Grupo Municipal, e medidas concretas de carácter institucional para impulsar dende o goberno do Concello da Coruña un novo xeito de gobernar a cidade democrático, horizontal e participativo.

Esta é a nosa proposta, a proposta que xa é de toda a Marea Atlántica.
 

Bloque electoral

1. Forma xurídica de presentación ás eleccións1

As opcións lexislativas que ofrece o ordenamento xurídico para comparecer ás eleccións municipais son tres: agrupación de electoras/es, partido político e coalición de partidos. Sendo conscientes de que ningunha delas é absolutamente acaída á verdadeira natureza da Marea Atlántica, entendemos, porén, que a fórmula a utilizar para presentar a candidatura da Marea Atlántica ás eleccións municipais debe ser a do partido político, creado nas pasadas semanas, como mero instrumento para concorrer ao proceso electoral.

Malia que nunha primeira achega podería semellar máis acaida a utilización dunha agrupación de electores, existen inconvenientes, fundamentalmente de tipo práctico, resultantes da deficiente regulación normativa deste instrumento, que desaconsellan o recurso a esta figura:

  1. A LOREG fai extremadamente complexa a utilización desta fórmula, debendo dedicarse un grande esforzo a recoller —no caso do Concello da Coruña— 3.000 sinaturas en pouco tempo, trala convocatoria electoral e baixo unhas condicións legais estritas, que levarían a dedicar enerxías a este cometido; enerxías que, naquela altura, precisaremos para preparar adecuadamente a contenda electoral..
  2. Presentarse ás eleccións como agrupación de electores impediríanos agregar os votos doutras candidaturas que se presentasen noutros concellos do partido xudicial de cara a obter a maior representación posíbel na Deputación da Coruña, o que se propón máis adiante neste documento como un dos obxectivos da Marea Atlántica para as eleccións do vindeiro mes de maio.
  3. O feito de que a vida da agrupación de electores remate coa celebración das propias eleccións impide dotar á Marea Atlántica da necesaria estabilidade e continuidade para servir, tal e como se pretende na presente proposta, da verdadeira fonte de lexitimidade, control e impulso político do futuro grupo municipal, e faría necesaria a repetición do proceso dende o seu comezo en futuras convocatorias electorais.

A posibilidade de que a Marea Atlántica se presente como unha coalición de partidos debe ser tamén desbotada, debido a que suporía unha deturpación da verdadeira natureza da Marea. Esta ten sido configurada dende o principio como un espazo de confluencia liderado pola cidadanía, non como unha mera agregación de siglas. En consecuencia, converter a Marea Atlántica nunha simple agregación de partidos preexistentes suporía traizoar o verdadeiro espírito da Marea Atlántica. Todo isto sen prexuízo do que despois se dirá para a Deputación provincial.

En definitiva, a Marea Atlántica concorrerá ás eleccións utilizando esta denominación, e vehiculando a súa candidatura a través do partido político homónimo.

A utilización dun partido político para concorrer ás eleccións non significa que a Marea Atlántica deba converterse en tal cousa. Trátase dunha decisión marcada polas circunstancias anteriormente expostas e, polo tanto, condicionada polas fórmulas xurídicas existentes. Porén, tal opción carecerá de consecuencias sobre o futuro funcionamento da Marea, e sobre o futuro funcionamento do Grupo Municipal. A Marea Atlántica seguirá a ser un espazo de confluencia liderado pola cidadanía. En consecuencia, nin o Grupo Municipal nin a Marea Atlántica deben funcionar como un mero agregado de partes independentes, senón que o seu funcionamento debe seguir a lóxica propia do espazo de confluencia, evitándose a conformación de bloques ou sectores, na medida do posíbel. Tal lóxica de funcionamento debe trasladarse ao nomeamento do persoal de confianza, de xeito que a configuración inicial do equipo en cada unha das concellerías non fique unicamente a elección do/a titular desta, senón que sexa produto dunha decisión colectiva da Marea Atlántica, tal e como se sinalará máis adiante.

Tampouco terá repercusión a forma de presentación ás eleccións no que respecta á administración dos recursos propios do Grupo Municipal. Tanto a asignación mensual ao Grupo Municipal como calquera outros ingresos públicos procedentes da participación electoral, deben reverter directamente na Marea Atlántica, como espazo de participación política no que seguirán participando todos os actores da confluencia, particularmente aqueles representados no grupo municipal, sen prexuízo de proceder ás devolucións de anticipos recibidos a conta para o financiamento da campaña electoral.

En definitiva, será no seo da Marea Atlántica e de acordo cos seus métodos de decisión onde se decidirá sobre a utilización dos fondos públicos derivados da acción institucional ou da participación electoral da Marea Atlántica.
 

2. Financiamento da campaña electoral2

A campaña electoral para as eleccións ao Concello da Coruña do vindeiro mes de maio financiarase preferentemente coas achegas económicas da cidadanía. A Marea Atlántica aceptará, dentro da legalidade, as achegas que calquera persoa física estea disposta a facer.

Polo que respecta a persoas xurídicas, sempre tamén dentro do respecto á legalidade, aceptará preferentemente as procedentes de entidades de carácter social, así como as dos partidos políticos que conflúan na Marea. Estes procurarán achegar as cantidades que a súa capacidade lles permita, aínda que tales contribucións non outorgarán dereitos políticos.

En caso de necesitar financiamento externo, a Marea Atlántica recorrerá unicamente a entidades de banca ética e/ou cooperativa ou cun alto grao de responsabilidade social.

En todo caso a Marea Atlántica, e na medida do posíbel o goberno municipal da Marea Atlántica, só traballará con entidades financeiras do espazo da banca ética e/ou cooperativa ou cun alto grao de responsabilidade social.
 

3. Pactos de goberno municipal3

A Marea Atlántica debe estar preparada para un escenario na futura corporación municipal da Coruña onde ningunha candidatura das que concorran ás eleccións alcance a maioría absoluta. Nese caso, o goberno municipal só poderá conformarse previo acordo entre dúas ou máis das listas que acaden representación institucional. En tales circunstancias, os pactos de goberno aos que poida chegar a Marea Atlántica quedarán supeditados en calquera caso ao respecto aos códigos éticos, principios e programa da Marea Atlántica.

No caso de estar a Marea Atlántica en condicións de gañar a Alcaldía da cidade, integrará no seu goberno concelleiros/as doutras candidaturas sempre e cando se comprometan a aceptar os códigos éticos, principios e métodos de goberno da Marea, así como un programa de goberno compartido e as medidas de transparencia, rendición de contas, procedementos de decisión, etc. que se inclúen neste documento.

Noutro caso, a negociación e o apoio para lograr tal obxectivo non pode incluír a integración de persoas procedentes doutras listas electorais no goberno municipal.

No caso de que a Marea Atlántica non estea en posición de liderar un goberno municipal, non debería formar parte do mesmo, nin apoiar outra candidatura cos seus votos, se tal candidatura non garante o abandono das actuais políticas ditadas pola Troika e os poderes económicos, causantes da situación de emerxencia social na que se encontra gran parte da cidadanía da Coruña na actualidade.

Os posíbeis pactos para a conformación do goberno municipal tanto no escenario de que a Marea Atlántica pretenda integrar concelleiros/as elixidos/as noutras listas, como no caso de prestar o seu apoio a unha alcaldía procedente doutra candidatura, serán decididos polos órganos propios da Marea Atlántica. A proposición dun pacto de Goberno será responsabilidade dunha comisión designada pola asemblea xeral, en diante Rede, na que estarán integradas as persoas electas. Os termos deste pacto deben ser aprobados pola Rede.

Á súa vez, a decisión da Rede debe ser referendada en consulta cidadá con idéntico censo ao aprobado para as primarias.

Os acordos aos que se chegue deben ser públicos e o seu incumprimento con carácter grave e/ou reiterado deberá supor a fin da vixencia do pacto.
 

4. Posición da Marea Atlántica no ámbito supramunicipal4

A Marea Atlántica non renuncia a participar activamente no proceso de transformación e creba democrática que está a protagonizar a cidadanía do noso país. Por iso, debe procurar o achegamento e relación, así como ofrecer o seu apoio aos procesos municipalistas galegos que compartan os seus principios, métodos e obxectivos. Isto non ten por que significar necesariamente a promoción dunha marca única a nivel galego ou provincial, nin a existencia de acordos previos, máis alá do que se dirá a continuación para a Deputación, sen prexuízo de explorar todas as vías que se consideren acaídas para a consecución dos obxectivos sinalados.

A Marea Atlántica debe buscar fórmulas para acceder á Deputación da Coruña, buscando que tales fórmulas potencien na medida do posíbel a súa presenza na institución. Certamente, a Marea Atlántica posiciónase de xeito crítico en relación á existencia e funcionamento das Deputacións Provinciais. Sabemos que estas son, trala última reforma máis que nunca, institucións de funcionamento opaco e escasamente democrático, que usurpan a prestación de servizos pola instancia máis próxima a veciños e veciñas de moitos concellos, así como nichos de relacións clientelares e corruptas. Porén, a súa existencia e a importancia das competencias asumidas na actualidade fan que a Marea Atlántica deba posicionarse no seu seo para axudar a mudar as políticas que até o de agora desenvolveron estes entes supramunicipais.

Co obxectivo xa sinalado de maximizar as oportunidades de acceder á Deputación Provincial, a Marea Atlántica promoverá a agregación de votos a nivel de partido xudicial, a través da coaligación con outras iniciativas municipalistas que puidesen existir na nosa contorna. Os pactos aos que deba chegarse para procurar a agregación de votos á Deputación da Coruña serán propostos, seguindo os criterios sinalados, polo Grupo de Apertura da Marea Atlántica e aprobados pola Rede.

Tralas eleccións, as/os deputadas/os provinciais da Marea Atlántica deben traballar e chegar a acordos con outras forzas políticas que compartan principios e políticas homologábeis ás nosas. Particularmente procurarán alianzas que faciliten maiorías alternativas ao PPSOE. En todo caso, os pactos postelectorais no seo da Deputación da Coruña seguirán os mesmos principios e o mesmo réxime que o sinalado para os pactos de goberno no eido municipal.

Máis alá das actuais estruturas xurídicas e institucionais, a visión da cidade da Coruña da Marea Atlántica como ente vivo e habitábel transcende os límites do Concello da Coruña. Por isto, a Marea Atlántica traballará pola creación de políticas e no seu caso, institucións metropolitanas, sempre dende un posicionamento de respecto, igualdade e cooperación co resto dos concellos da contorna, sen asumir liderados non desexados nin tutelas impropias dunha institución democrática.
 

Bloque de goberno

5. Relación do Grupo Municipal coa Marea Atlántica5

Tralas eleccións de maio, Grupo Municipal converterase nun grupo de traballo máis da Marea Atlántica. As persoas que conformen o Grupo Municipal serán participantes da Rede, debendo, cando menos algunha delas, acudir sempre ás súas reunións.

O Grupo Municipal obedece á Marea Atlántica. A Marea Atlántica debe ser un contrapoder do Grupo Municipal, que fiscalice o seu labor e do que parta a iniciativa política cando sexa necesario. A actuación do Grupo Municipal, quer no goberno, quer na oposición, responde aos ditados da Marea Atlántica. En ningún caso, nin xurídica nin facticamente, o Grupo Municipal será a dirección política da Marea Atlántica. A estes efectos, as persoas que conforman o Grupo Municipal non poderán coordinar grupos de traballo ou mareas de barrio ou temáticas, nin ocupar as portavocías da Marea Atlántica.

Como un grupo de traballo da Marea Atlántica, o Grupo Municipal estará presente nas reunións do Grupo de Coordinación.

O Grupo Municipal dará conta trimestralmente do seu traballo institucional na Rede. Tamén deberá responder diante dunha marea ou mareas cando a natureza dos asuntos así o requiran, previa solicitude por parte destas, e a aprobación polo Grupo de Coordinación. En todo caso, os/as integrantes do grupo municipal acudirán periodicamente ás mareas a informar do traballo realizado e a recibir as demandas destas.

Correspóndelle á Marea Atlántica a determinación previa sobre as primeiras decisións da futura Corporación Municipal, no caso de que a Marea Atlántica exercese o goberno, nomeadamente:

  • Pactos de goberno, segundo o establecido anteriormente.
  • Acordos de Xestión da futura Corporación: estrutura de goberno e directiva, retribucións, persoal eventual, etc.

Tales decisións deberán ser obxecto de debate e decisión participativa polos órganos da Marea e aprobadas pola Rede.

O Grupo Municipal da Marea Atlántica responde ademais diante de toda a cidadanía. No caso de ser grupo de goberno, responderá de xeito periódico e, como mínimo, trimestralmente da súa acción diante dos mecanismos de participación cidadá que se determinen, segundo o indicado nos apartados número 8 e 9 do presente documento.
 

6. Estrutura do Grupo Municipal6

O labor, funcionamento e estrutura da Grupo Municipal ou, no seu caso, equipo de goberno da Marea Atlántica, responderá aos principios de democracia, igualdade, transparencia, obediencia, responsabilidade, horizontalidade, respecto á diversidade (afectiva, cultural, funcional), colaboración e funcionamento colexiado.

A Alcaldía asumirá o labor de coordinadora do grupo municipal. Realizará tamén no seu seo labores de arbitraxe e mediación entre os seus membros.

No caso de non gobernar, este labor será asumido polo/a portavoz do grupo municipal, que será a cabeza de lista da candidatura ou quen a/o substitúa.

A persoa na Alcaldía da Marea Altántica ou o/a Portavoz do Grupo Municipal, non debe ser a única cabeza visíbel no Concello. A súa actuación promoverá o traballo cooperativo e procurará garantir a horizontalidade no funcionamento do Grupo Municipal ou, no seu caso, da Xunta de Goberno.

O Grupo Municipal da Marea Atlántica debe actuar de xeito unitario e colexiado. As persoas que resulten elixidas pola candidatura da Marea Atlántica comprométense a integrarse e permanecer como concelleiros/as do Grupo Municipal da Marea Atlántica, de acordo co sinalado no Código Ético. Os/as concelleiros/as integrantes do Grupo Municipal actuarán sempre como representantes da cidadanía e en nome da Marea e só da Marea.

O deseño e estrutura do Grupo Municipal tenderá á horizontalidade, distribuíndo as responsabilidades da mellor maneira posíbel, respectando ao mesmo tempo a operatividade na toma de decisións e o bo funcionamento do grupo.

As decisións tomaranse preferentemente por consenso. En caso de que o consenso non sexa posíbel tras esgotarse as vías precisas para tentalo, as decisións tomaranse por maioría de membros. En ningún caso o voto da alcaldía terá diferente valor que o dos/as restantes integrantes do Grupo Municipal.

Quen ostente algún posto de responsabilidade no Concello recibirá, por parte da Marea Atlántica, formación en materia de igualdade de xénero e feminismos en dous niveis:

  1. Formación inicial e básica en feminismo para entender o movemento e ter unha visión global (historia do feminismo, contexto no que xorde e como evoluciona, conceptos básicos, violencia de xénero e lexislación actual ao respecto, etc).
  2. Formación continuada e actualizada de temas relacionados con igualdade e xénero (cambios a nivel lexislativo na lei integral de violencia de xénero, sentenzas novidosas, etc).

7. Revogación de mandatos7

No caso de que se detecte un incumprimento do Código Ético da Marea Atlántica por parte de calquera membro do Grupo Municipal ou dos cargos designados polo Grupo Municipal ou Alcaldía da Marea ou a proposta destes (asesorías, direccións de área, etc), un grupo de, como mínimo, 10 mareantes/as poderá levar á Rede unha proposta de revogación. A Rede decidirá se admitir a incoación do procedemento de revogación e, nese caso, o grupo de Mediación ou aquel que nunha futura estrutura da Marea Atlántica teña atribuídas as funcións de velar polas garantías e os principios e valores do proceso, designará un equipo instrutor de tres persoas que elaborarán un informe sobre a existencia ou non da contravención do Código Ético, e o seu alcance. Nesta investigación permitiráselle necesariamente á persoa afectada que realice as alegacións e propoña as actuacións probatorias que estime pertinentes e respectaranse as garantías propias do dereito sancionador.

Á vista do informe instrutor, a Rede decidirá se instar ou non un referendo revogatorio.

En tal caso, a decisión definitiva sobre a revogación do mandato efectuarase en votación aberta a todas as persoas integrantes do censo de primarias á data da proposición de revogación. Entenderase aprobada a revogación cando a proposta reciba máis da metade dos votos emitidos.

Ademais deste procedemento de revogación interno, o goberno municipal da Marea Atlántica incluirá no futuro Regulamento de Participación cidadá mecanismos para que a cidadanía no seu conxunto poida impugnar e censurar a acción do goberno municipal.
 

8. Rendición de contas8

A vontade democratizadora da Marea Atlántica implica a necesidade de rebordar os actuais mecanismos de rendición de contas. En consecuencia, ademais da rendición de contas interna, sinalada ao tratar a relación entre Grupo Municipal e a Marea Altántica no punto 5, no caso de exercer o goberno municipal, os/as concelleiros/as da Marea Atlántica renderán contas da súa actuación tanto diante do Pleno como do Consello Social, como das estruturas descentralizadas que se creen nos Barrios ou distritos. Neste último caso, o futuro Regulamento de Participación Cidadá que promova o Goberno da Marea Atlántica, establecerá obrigas concretas e periódicas de rendición de contas diante das instancias de participación cidadá.

No caso de non gobernar, o Grupo Municipal da Marea Atlántica emitirá un informe trimestral da súa actividade, que fará público na páxina web da Marea Atlántica, e será difundido a toda a cidadanía.
 

9. Participación cidadá9

De acordo cos nosos Principios Básicos, o futuro goberno municipal da Marea Atlántica deberá favorecer que a toma de decisións no eido municipal se realice da forma máis participativa posíbel, axeitando os diversos mecanismos de participación ao alcance concreto de cada decisión ou decisións.

En todo caso, as decisións máis relevantes, en termos de gasto público ou de creación de modelo de cidade, ou con significativo impacto urbanístico, social ou ambiental deben ser sometidas a cauces amplos de participación cidadá.

De acordo con estes principios, o futuro Goberno da Marea Atlántica comprométese a promover e someter a aprobación do Pleno do Concello da Coruña, nos primeiros 100 días de mandato, unha reforma do Regulamento Orgánico e do Regulamento de Participación Cidadá, para deseñar as institucións e procedementos que permitan un verdadeiro goberno democrático, participativo e descentralizado da cidade.

Nestes futuros Regulamentos Orgánico e de Participación Cidadá activaranse formas de xestión e decisión descentralizada. Esta descentralización debe superar o simulacro actual de división —inexistente na práctica— de distritos da cidade, creando unha estrutura que responda ás realidades xeográficas e socio-económicas dos diferentes barrios da cidade.

En tal ámbito, as Xuntas de Distrito serán entes que permitan a rendición de contas do Goberno Municipal, a participación cidadá, así como a xestión directa de asuntos propios do Distrito. Na configuración das Xuntas de Distrito terase especialmente en consideración o tecido asociativo veciñal, social, cultural, etc., con implantación nos distintos barrios.

Igualmente garantirase que o Consello Social da Cidade, na súa composición, atribucións e funcionamento sirva para asegurar a participación da cidadanía, evitando a posibilidade de cooptación polas elites.

No caso de que o/a candidato/a da Marea Atlántica acceda á Alcaldía da Coruña, a Marea Atlántica no seu conxunto asumirá o impulso político e de control sobre a actuación do goberno municipal. En consecuencia, e de acordo co sinalado no punto 5 do presente documento, a estrutura da Marea Atlántica debe axeitarse a tales funcións. En todo caso esta estrutura terá como liña fundamental a consolidación e a extensión das Mareas Barriais e Sectoriais, para que funcionen como transmisores de abaixo a arriba dos desexos políticos da cidadanía. As mareas barriais e sectoriais son, e deberán seguir sendo, o pulmón da Marea Atlántica.
 

10. Contratación Pública10

O futuro goberno municipal da Marea Atlántica desenvolverá a súa actuación no ámbito da contratación pública prestando especial importancia aos criterios éticos e sociais.

A estes efectos, no Concello da Coruña priorizaranse os concursos abertos, utilizando o procedemento negociado só con carácter excepcional e extraordinario. Alá até onde a normativa reguladora de ámbito superior o permita, nos Pregos de Condicións incluiranse criterios de valoración en relación a, entre outras, estabilidade, dignidade e xeración de emprego, igualdade de xénero, xustiza social, sustentabilidade e recoñecemento aos sectores produtivos sociais e locais.
 

11. Transparencia11

A Marea Atlántica desenvolverá mecanismos de información transparente na relación entre o goberno ou grupo municipal e a cidadanía. Para isto, nos primeiros 100 días de goberno a Marea Atlántica comprométese a presentar diante do Pleno do Concello da Coruña un Regulamento de Transparencia que regule o acceso á información por parte da cidadanía. A información porase ao dispor da cidadanía de forma aberta, comprensíbel e en formatos que permitan a súa reutilización, seguindo os criterios da filosofía Open Data.

Será pública toda aquela información que non estea protexida pola lexislación de protección de datos ou que se declare reservada por lei.

No caso de que a Marea Atlántica ostente a Alcaldía, e de acordo co sinalado Regulamento de Transparencia, o Concello da Coruña publicará a información relevante para que a cidadanía poda controlar a acción de goberno. Particularmente, as axendas dos/as concelleiros/as, incluída a da Alcaldía, os relativos á contratación pública, as declaracións de bens e actividades dos/as concelleiros/as, etc. serán dadas a coñecer tanto na web institucional como por outros medios ao seu alcance.

Toda aquela información que, non sendo reservada por imperativo legal, non chegue a ser publicada na web ou por outro mecanismo, será accesíbel para calquera cidadán ou cidadá segundo os mecanismos que regulamentariamente se determinen.

No caso de non ostentar responsabilidades de goberno, o grupo municipal da Marea Atlántica fará pública na web da Marea as retribucións, declaracións de bens e actividades e as dúas últimas declaracións de IRPF das persoas que o integran.

Á súa vez, o Grupo Municipal da Marea Atlántica será transparente no relativo á súa actuación, desenvolvéndose tamén na web mareatlantica.org un apartado específico.

Tanto os/as concelleiros/as do Grupo Municipal como os cargos directivos e persoal eventual de libre designación darán conta de todas as reunións nas que participen, publicando un informe ou resumo de cada unha delas, onde se informará dos acordos alcanzados.

O equipo municipal fará públicas as notas das reunións nas que participe, dando especial relevancia aos acordos alcanzados nelas.

Ademais, as contas da Marea Atlántica deben ser públicas. A estes efectos, trimestralmente a Marea Atlántica publicará as súas contas na súa propia web. Do mesmo xeito, e coa mesma periodicidade, o Grupo Municipal da Marea Atlántica fará públicas as súas contas, tanto na web do Concello da Coruña, como na da Marea Atlántica.


1  Neste apartado respóndense as preguntas 1a, 1b e 1c do Guión Marco.

2  Neste apartado desenvolveranse as preguntas 2a, 2b e 2c do Guión-Marco.

3  Neste apartado desenvolveranse as preguntas 3a, 3b, 3c e 3d do Guión-Marco.

4 Neste apartado responderanse os puntos 4a, 4b, 4c, 4d e 4e do Guión-Marco.

5 Neste apartado respóndense as preguntas 5a e 5b do Guión-Marco.

6 No presente apartado responderanse as preguntas 6a, 6b, 6c e 6d do Guión-Marco.

7 No presente apartado respóndense os puntos 7a, 7b e 7c do Guión-Marco.

8 Neste apartado respóndense as cuestións 8a e 8b do Guión-Marco.

9 Neste apartado respóndense as preguntas 9a, 9b e 9c do Guión-Marco.

10 Respóndese neste apartado o punto 10a do Guión-Marco.

11 No presente apartado inclúense as respostas aos puntos 11.a; 11.b; 11.c; 11.d; 11.e.