Saltar ao contido

O nome técnico é “recoñecementos extraxudiciais” e son pagos pendentes pola caducidade dun contrato. É un tramite normal, que PP e PSOE tentan converter en sospeitoso, a pesar que de os seus gobernos empregárono constantemente.

‘Facturas irregulares’ son as que se ocultan en sobres e no fondo dos caixóns, as da Gürtel, a Púnica e tantos outros casos de corrupción que o PP coñece de sobra.

No Pleno do Concello da Coruña do 7 de maio, PP e PSOE sumaron os seus votos para impedir o pago de facturas pendentes por valor de 1,3 millóns de euros, tomando como reféns a provedores, traballadores e traballadoras e algúns servizos básicos como a recollida de lixo.  Non existe ninguna dúbida de que hai que facer este abono, pero o PP e a súa máquina de enlamar falan de ‘facturas irregulares’, sementando sospeitas e medias verdades sobre un trámite administrativo normal.

O nome técnico destes pagos é “recoñecementos extraxudiciais”. Empréganse cando unha factura se emite logo do peche do ano fiscal, ou cando un contrato de prestación de servizos caduca. Obviamente, o servizo non desaparece –a ninguén se lle ocorrería deixar de recoller o lixo na cidade– e comeza a pagarse con facturas mentres o novo contrato non está listo.

A cifra máis baixa en 10 anos

Todos os gobernos empregan este sistema, cos mesmos informes e en situacións semellantes á que agora se bloquea. De feito, este ano é o que ten a cifra máis baixa da última década en canto a recoñecementos extraxudicias.

  • 2009: 2,32 millóns (todos sen contrato)
  • 2010: 2,98 millóns (2,8 sen contrato)
  • 2011: 5,25 millóns (5,1 sen contrato)
  • 2012: 1,26 millóns (todo sen contrato)
  • 2013: 4,71 millóns (4,7 sen contrato)
  • 2014: 3,94 millóns (3,9 sen contrato)
  • 2015: 3,15 millóns (2,5 sen contrato)
  • 2016: 2,42 millóns (2,4 sen contrato)
  • 2017: 1,92 millóns (1,9 sen contrato)

Ata agora, nunca houbera problemas para aprobar os pagos pendentes de facturas, que non supuxeran un conflito ata que comezou a gobernar a Marea Atlántica.

Do Partido Popular xa non agardamos nada, temos probas suficientes de que para complicar as cousas ao goberno municipal non dubidaron nin dubidarán en poñer á cidade e ao Concello ao bordo do abismo. Do Partido Socialista aínda agardamos que poda impoñerse o sentido común.

Xa en 2017 o PP intentara botar lama sobre este asunto, sen importarlle o máis mínimo a verdade. Tampouco as consecuencias que a súa decisión poda ter para as traballadoras e trabaladores, nin para a independencia económica do Concello, xa que o atraso no pago pode forzar o estreito corsé que Montoro ten sobre as facendas locais.

‘Facturas irregulares’ son as que se ocultan en sobres e no fondo dos caixóns, as da Gürtel, a Púnica e tantos outros casos de corrupción que o PP coñece de sobra.

A renovación do contrato de recollida de lixo

SGR_20170912_limpeza_viaria_G88B5872A maior parte deses 1,3 millóns en facturas pendentes, uns 850.000 euros, corresponden á recollida de lixo, que está pendente de renovar o seu contrato por primeira vez desde hai 50 anos. Ao ser un servizo crucial, a Concellería de Medio Ambiente ten en marcha un proceso pioneiro de consulta pública previo á licitación, detallado e concienzudo, que se iniciou en febreiro e tivo que ampliarse debido á elevada participación. Pero o traballo xa está feito e, segundo anunciou o goberno municipal, nos proximos días comezará o procedemento de contratación, resolvendo as alegacións e iniciando a fiscalización do expediente.

Con este novo contrato, A Coruña terá un servizo de recollida de lixo adaptado ao século XXI, unha maior limpeza e coidado do espazo público. Entre outras cuestións, terá un plan específico para as zonas con moita hostalería, reforzos de Nadal e no verán e un 25% de contedores adaptados a persoas con diversidade funcional. Tamén incluirá cláusulas sociais para garantir a calidade do emprego, e controis sobre o traballo da empresa.

Tampouco é raro, nos ritmos na administración, que pase un tempo entre a fin dun contrato e a licitación do seguinte. Pasoulle ao PP cun servizo moito máis sinxelo, o mantemento da rede de semáforos, que rematou en novembro de 2011 e non se renovou ata marzo de 2014. Durante eses dous anos e medio, o Concello seguiu pagando o servizo con 90.000 euros ao mes. Un total de 2,4 millóns.

De que falan cando falan de “facturas irregulares”?