Novas da Marea

18_09_06_XiaoAnton2

En Marea e a Marea Atlántica instan ao Goberno do Estado e á Xunta a defender a fachada marítima da Coruña e resolver a débeda do porto

O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, denunciou que o Partido Popular fixo onte “un exercicio de cinismo ao defender a quita da débeda que leva tres anos negando”

Antón Sánchez, vicevoceiro de En Marea: “Agardamos que a Xunta actúe dunha vez por todas e negocie para defender os intereses da cidadanía coruñesa”

O vicevoceiro de En Marea no Parlamento de Galicia, Antón Sánchez, e o concelleiro de Rexeneración Urbana da Coruña, Xiao Varela, compareceron esta mañá para reclamar conxuntamente unha solución para os terreos do borde litoral da Coruña que os defenda da especulación deseñada nos convenios urbanísticos de 2004. Ambos os dous pedíronlle ao PP que deixe de actuar de xeito partidista e non estorbe as negociacións que poden supoñer unha saída á hipoteca que pesa sobre os peiraos interiores da cidade e que o propio Partido Popular fomentou durante anos.

Xiao Varela sinalou que “onte vimos un exercicio de cinismo, cando o presidente da Autoridade Portuaria, Enrique Losada, que leva tres anos negando que a quita fose posible, agora demanda o contrario, coa axuda e o apoio da conselleira Beatriz Mato. A mesma persoa que primeiro votou a favor da venda da Solana e logo en contra, cos mesmos datos e argumentos. Só falta que a vexamos nos próximos días cunha pancarta pola rexeneración da Ría do Burgo”.

“Vimos reclamando dende hai tempo unha solución para a débeda do Porto da Coruña que non implique a venda do litoral coruñés”, indicou Antón Sánchez, que esixe a condonación e denuncia o “agravio” que suporía para Galicia non facelo, logo da actuación impulsada polo goberno central en Valencia.

Iniciativas de En Marea no Parlamento de Galicia e o Congreso

Antón Sánchez e Xiao Varela instaron aos executivos de Núñez Feijóo e Pedro Sánchez a priorizar o interese xeral e sumarse ás propostas do Concello da Coruña, que debuxan unha solución integral para a fachada marítima: condonación da débeda do porto da Coruña, ou unha axuda económica equivalente, creación dun consorcio público para a xestión dos peiraos interiores, revisión dos convenios urbanísticos de 2004, anulación do protocolo asinado pola Xunta e o Goberno de Rajoy (que blinda a operación especulativa na fachada marítima) e financiamento da conexión ferroviaria ao Porto Exterior de Punta Langosteira. Despois de que o Estado anunciase que asumirá 350 millóns de euros da débeda do Consorcio Valencia 2007, vinculada ao porto da cidade levantina, fica claro que é posible facelo se hai vontade política.

Estes puntos defenderanse nunha Proposición Non de Lei que En Marea levará ao Parlamento de Galicia e nunha moción da Marea Atlántica no vindeiro Pleno do Concello da Coruña. Tamén haberá unha iniciativa similar no Congreso dos Deputados.

Os intereses partidistas do PP

18_09_06_XiaoAnton1Xiao Varela denunciou que, como demostrou onte no Consello de Administración da Autoridade Portuaria da Coruña, “o Partido Popular emprega as institucións para bloquear proxectos clave nesta cidade, como a Intermodal ou a recuperación dos terreos portuarios”. O concelleiro insistiu na necesidade de anular o protocolo por Núñez Feijóo co goberno de Rajoy, “que lle deixa a porta aberta á venda dos terreos de San Diego”, nos que están previstas 4.000 vivendas en torres de ata 10 pisos de alto.

Da súa banda, Antón Sánchez, reclamou que “a Xunta actúe, dunha vez por todas, e negocie co goberno do Estado para defender os intereses da cidadanía coruñesa”. E explicou que “o Partido Popular sempre foi a remolque dos acontecementos. Sempre defenderon a privatización dos terreos portuarios, pero non foi quen de vencer o clamor que hai na Coruña en favor do uso público destes espazos. É o momento de sumarse á proposta do goberno da Marea Atlántica”.

É preciso un compromiso claro do Goberno do Estado

O deputado Antón Sánchez referiuse tamén ao cambio de goberno do Estado, “onde fixemos presidente a Pedro Sánchez para botar aos corruptos, pero non agardamos só un cambio de caras, senón tamén un cambio de posicións: non demos un cheque en branco”. Como explicou, “a ausencia dos representantes do Estado no Consello de Administración da Autoridade Portuaria da Coruña non é un bo sinal, e En Marea vai esixir un apoio claro na defensa do borde litoral”.

Na mesma liña, Xiao Varela advertiu de que “foi unha decepción a ausencia do PSOE onte, porque tiñamos a oportunidade de evidenciar unha postura común. O PSOE ten que demostrar que tras as boas palabras hai feitos. Confiamos en que así sexa”.

Have your say