Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

Xulio Ferreiro abre un blog facendo públicas a súa declaración de bens e de IRPF: “Somos transparentes, non temos nada que agochar” 

O candidato da Marea á alcaldía lembra que a candidatura que encabeza “dotouse dun Código Ético que obriga a publicar a nosa declaración de IRPF, algo que ningún concelleiro do goberno local fai ” e engade que “a honestidade non se negocia, senón que é un principio básico que nos aplicamos agora a nós mesmos e que aplicaremos despois en María Pita respecto a todo o relativo á xestión municipal”

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, puxo en funcionamento esta mañá o seu blog presentando as súas contas persoais, nun espido de bens e de IRPF co que pretende “demostrar unha vez máis que na Marea a transparencia e a honestidade non se negocian, senón que son principios básicos que nos aplicamos agora a nós mesmos e que aplicaremos despois en María Pita respecto a todo o relativo á xestión municipal”. “Volvemos probar con feitos que nada temos que ver coa escuridade que rodea ao goberno do señor Negreira e o PP, onde ningún dos seus concelleiros e concelleiras amosou a súa declaración do IRPF”, afirma Ferreiro. “Na Marea non temos nada que ocultar”, engade.

“Somos transparentes, xusto no extremo contrario dun PP coruñés que na campaña de 2011 xa negociaba favores con empresas concesionarias mesmo antes de gañar as eleccións, o que demostra que non os corrompeu o poder senón que viñan corrompidos de casa. Pola contra, na Marea Atlántica amosamos os nosos bens sen que ninguén nolo pida e poñemos por diante un Código Ético que expulsa a calquera imputado. Non pode dicir o mesmo o señor Negreira, que mantén como man dereita a Julio Flores e mesmo sopesa que repita como candidato a pesar das gravacións xudiciais que o sitúan no epicentro da trama Pokémon, pola que tamén está a ser investigada máis da metade da Xunta de Goberno Local”, apunta Ferreiro, cuxas declaracións de bens e de IRPF son públicas desde xa “porque a transparencia é un dereito da cidadanía cuxa negación municipal esperamos que chegue ao seu fin este 24 de maio”.

“Podo xustificar cada euro que teño, non como o PP de Bárcenas ao que pertence Negreira”, afirma o cabeza de lista da Marea Atlántica e profesor de Dereito Procesual da Universidade da Coruña, que engade: “Mentres uns nada máis chegar ao poder o primeiro no que pensan é en enriquecerse e enchufar aos seus amigos, nós deixamos claro cal é o noso estado financeiro antes de presentarnos ás eleccións, algo ao que a lei non nos obriga pero si o Código Ético do que nos dotamos na Marea. Deste xeito a cidadanía poderá comprobar como, unha vez rematado o mandato, as nosas contas seguirán estando claras, sen ningunha cousa rara, o que evidenciará que non usamos o cargo para enriquecernos senón para servir á xente”.

Así mesmo, Xulio Ferreiro recorda que a Marea xa anunciou algunhas outras medidas para favorecer a transparencia no Concello, como “facer públicos todos os contratos do Concello, tamén os menores, así como os acordos das sociedades e fundacións municipais, incluídas as retribucións dos seus órganos directivos”. Ademais, “nas Mesas de Contratación terán presenza todos os Grupos Municipais, estean no goberno ou na oposición, e será obrigatorio nos Plenos abrir unha quenda de rogos e preguntas da cidadanía”.

Espido de bens e IRPF do noso candidato