Saltar ao contido

Xulio Ferreiro: “O interese da cidade é que a Solana sexa da veciñanza. Se o Porto non quere eses terreos, o Concello si. Sería bo que non especulásemos cunha zona tan sensible do noso litoral”

Mañá, ás 17.30, a Comisión Aberta Pola Defensa do Común convoca unha concentración fronte á sede da Autoridade Portuaria, para reclamar a devolución gratuíta dos terreos

Nun claro exemplo de deslealdade institucional, a Autoridade Portuaria, gobernada polo PP, vén de contar na prensa que, xa desde outubro, ten sobre a mesa unha oferta privada para mercar a Solana e o Hotel Finisterre, e semella que quere darlle prioridade. Racha así o acordo de poñer por diante ao Concello na compra do complexo deportivo, para poder destinalo a un uso público.

Segundo explicou o alcalde, Xulio Ferreiro, “chegouse a un acordo no Consello de Administración no Porto, no que se lle daba ao Concello a prerrogativa de adquirir a Solana por 1,4 millóns de euros. Se non se respecta acudiremos ás canles legais que entendamos necesarias, mesmo ao xulgado se é necesario”. Para Ferreiro, “o interese da cidade é que a Solana sexa da veciñanza. Se o Porto non quere eses terreos, o Concello si. Sería bo que non especulásemos cunha zona tan sensible do noso litoral”. Mañá, nunha nova xuntanza deste Consello de Administración, o concelleiro Xiao Varela defenderá a postura do goberno municipal.

Ante esta situación, mañá, ás 17.30, a Comisión Aberta Pola Defensa do Común convoca unha concentración diante da sede da Autoridade Portuaria, para reclamar a cesión gratuíta e a devolución á cidadanía destes terreos. Desde a Marea Atlántica sumámonos a este chamamento e convidamos a toda a cidadanía a participar para defender o que é de todas.

Os feitos

  • En maio, o Porto anunciou a súa intención de facer unha poxa coa Solana e o Hotel Finisterre, para recadar cartos.
  • De inmediato, o goberno da Coruña anunciou a súa intención firme de adquirir os terreos da Solana, polo prezo de saída fixado: 1,4 millóns de euros. O obxectivo é recuperalos par a cidadanía.
  • O 31 de xuño, o Consello de Administración do Porto acordou frear á poxa e deulle ao Concello seis meses para presentar unha oferta.
  • E presentouse a tal oferta, o 21 de outubro, con toda a documentación requirida e coa aprobación do interventor municipal.
  • Proba deste compromiso é que no proxecto para os Orzamentos 2017 hai unha partida de 1,4 millóns reservada para adquirir a Solana.

E mentres, en paralelo, o Porto negociaba unha oferta privada na procura do beneficio económico, e sen advertir ao goberno municipal destas conversas. En palabras do alcalde, Xulio Ferreiro, “acabamos de descubrir que a decisión estaba tomada desde outubro por parte da Autoridade Portuaria. E resulta sorprendente que desde entón ata agora mesmo non teña recibido unha chamada do presidente do Porto para avisarme. As cousas non se fan así”.

 

As institucións segundo o PP, beneficio económico ante todo

De novo, unha institución gobernada polo Partido Popular compórtase como unha inmobiliaria, buscando o beneficio económico e a especulación antes que o ben común. Fíxoo o Ministerio de Defensa cando tentou vender os terreos da Maestranza sen preocuparse polos restos arqueolóxicos que hai neles. E faino agora a Autoridade Portuaria, negociando de costas ao Concello unha oferta privada para especular cuns terreos no borde litoral da Coruña.

Se a Autoridade Portuaria non é quen de facer rendible a súa actividade, debera buscar outras fórmulas distintas da especulación urbanística propia doutros tempos para financiarse. Xogar ao pelotazo inmobiliario non semella o mellor xeito de comportarse nunha entidade pública. O goberno municipal está disposto a facer todo o posible para que a Solana sexa pública, mesmo acudir aos xulgados se é necesario.

 

Na Solana, o Porto elixe especulación antes que uso público