Novas da Marea

photo_2016-12-04_14-38-57

Primeiro encontro de traballo co grupo parlamentario de En Marea: cordial e produtivo

Representantes do Goberno da Coruña e da Marea Atlántica mantiveron unha xuntanza co voceiro parlamentario de En Marea, Luís Villares, e as deputadas pola provincia

Repasáronse as contas pendentes da Xunta coa Coruña e os acordos constituíntes do 30 de xuño en Vigo, que configuran En Marea como unha ferramenta radicalmente democrática

 

A Marea Atlántica valora positivamente o primeiro encontro de traballo entre o Goberno municipal da Coruña, o grupo de Apertura da nosa plataforma cidadá e o grupo parlamentario de En Marea no Parlamento de Galicia. O encontro foi un exemplo da relación fluída e transparente que se agarda entre os representantes da confluencia nas institucións autonómicas e as mareas municipalistas. Foi un espazo de intercambio cordial, produtivo e promete ter continuidade nesta lexislatura.

Puxéronse sobre a mesa as principais contas pendentes da Xunta de Galicia coa nosa cidade, que as deputadas se comprometeron a defender no Parlamento. Tamén se cambiaron impresións sobre a construción de En Marea como ferramenta de confluencia, a partir dos acordos constituíntes asumidos o 30 de xullo en Vigo.

A xuntanza tivo lugar na tarde do 2 de decembro, nas horas previas á rendición pública de contas que as deputadas celebraron no local da Marea Atlántica. Participaron as concelleiras María García, Daniel Díaz Grandío, Rocío Fraga, Alberto Lema e Claudia Delso; o xefe de Gabinete da Alcaldía, Iago Martínez; o voceiro parlamentario de En Marea, Luís Villares; as deputadas pola provincia da Coruña Antón Sánchez, Luca Chao, Manuel Lago e Pancho Casal, e varias persoas do Grupo de Traballo de Apertura da Marea Atlántica.

photo_2016-12-04_14-39-21

Encontro aberto do grupo parlamentario de En Marea, na Coruña

 

As representantes do Goberno local trasladáronlle ás parlamentarias as súas preocupacións sobre proxectos que dependen do compromiso da Xunta coa Coruña. É o caso da futura Lei da Área Metropolitana, a mellora da Planta de Nostián, a rehabilitación da Fábrica de Tabacos como sede xudicial, o investimento en manter en boas condicións os centros educativos públicos –para que non se repitan episodios como o do CEIP Ramón de la Sagra–, a construción da sempre adiada Estación Intermodal e do novo centro de saúde para a zona centro; o compromiso coa urbanización do Parque Ofimático e a regulación do transporte interurbano.

Doutra banda, nesta xuntanza repasáronse os acordos da Marea Constituínte celebrada en Vigo o 30 de xuño, e que sentou as bases de En Marea como ferramenta útil para o cambio político, sen esquecer o seu carácter horizontal e radicalmente democrático. As representantes da Marea Atlántica expresaron tamén o seu interese no cumprimento do Código Ético acordado en Vigo e animaron ás deputadas a levar a cabo a formación en materia de xénero que nel se contempla, tal e como fixeron os concelleiros e concelleiras da Coruña no seu día.

O encontro rematou cun compromiso de volverse reunir nas vindeiras semanas, para analizar os Orzamentos da Xunta para o ano 2017 e o seu impacto na cidade da Coruña.

Have your say