Novas da Marea

Fotos: Antía García Sendón

En apoio a Nicanor Acosta

Hoxe, o activista de 76 anos, nomeado Republicano de Honra neste 2015, foi xulgado por impedir o desafiuzamento de Aurelia Rey

Esta mañá, Nicanor Acosta foi xulgado por participar, en febreiro de 2013, na paralización do desafiuzamento de Aurelia Rey, unha anciá de 85 anos que se atrasara un mes no pago do alugueiro. Perante esta inxustiza, varios colectivos sociais da Coruña convocaron unha concentración en apoio a Nicanor, á que se sumou a Marea Atlantica, para defender a este incansable activista que, aos seus 76 anos, ten prestado voz e megáfono a innumerables causas xustas.

Nicanor2

Fotos: Antía García Sendón

Neste 2015, Nicanor, foi nomeado Republicano de Honra polo Ateneo Republicano da Coruña, grazas ao seu “compromiso e coraxe”. Por eses mesmos valores foi sometido a xuízo, acusado de ser “instigador” das protestas que conseguiron parar o despexo de Aurelia, cando foron iniciativas cidadás, coordinadas e “instigadas” pola cidadanía. Se o xulgan a el, xúlgannos a todas. Queren impoñerlle unha multa de 600€, cando cobra 601€ ao mes de pensión. Fan caer sobre el unha das desproporcionadas sancións coas que a Lei Mordaza busca silenciar a contestación social. De nós depende que non o consigan.

Dende hai anos, Nicanor participa nas convocatorias dos movementos sociais da Coruña de xeito constante. Co seu inseparable megáfono, ten defendido a sanidade pública, parado desafiuzamentos, denunciado os feminicidos e as violencias machistas, reclamado unha cidade libre de maltrato animal e sido parte moi activa do movemento 15M. O seu compromiso levouno, tamén, a formar parte da candidatura da Marea Atlántica ás eleccións municipais do 24 de maio. Foron moitas as veces que Nicanor falou contra as inxustizas. Agora, tócalle a el ser vítima dunha inxustiza, mentres outros, corruptos e criminais, permanecen libres e sen represalias logo de décadas de saquear as institucións, destruír o ben común e enriquecerse mediante a especulación co dereito á vivenda. Agora, é o momento de reivindicar os valores que representa Nicanor Acosta.

Galería de fotos en Facebook.

Have your say