Concello

2009110318332918

Emvsa, a empresa municipal de vivenda, arrastra unha débeda de 1,2 millóns de gobernos anteriores

O goberno da Coruña aproveitará o remanente do programa de Renda Social Municipal 2016 para tapar o burato deixado polo PP e o PSOE e crear unha oficina polo dereito á vivenda

 

A Xunta de Goberno local aprobou hoxe un modificativo de crédito destinado a tapar o burato de 1,23 millóns de euros que os anteriores executivos deixaron na empresa municipal de vivenda, Emvsa. Foi creada en 2008, e durante os mandatos do PSOE e o PP empregouse para todo menos para a vivenda: : desde a construción dos aparcamentos das Conchiñas e o Materno, ata o cobro das multas de tráfico.

O goberno municipal xa anunciara a súa intención de convertela nunha oficina para impulsar o dereito á vivenda, pero non será posible ata sanear as súas contas. No seu estado actual, non é operativa, e por iso foi necesario procurar fondos amañar o problema.

Finalmente, estes fondos tiveron que sacarse do remanente da Renda Social Municipal, proxecto que aínda está en fase inicial polo bloqueo da oposición na aprobación dos orzamentos, pola demora da Xunta en aprobar o decreto que permitiu desenvolvela, e pola complexidade dun programa sen precedentes na cidade. A Renda Social entrou en vigor o 29 de setembro e xa que non será posible utilizar todo o orzamento previsto para este ano, destinarase unha parte a tapar o burato de Emvsa que o goberno do PP deixou en herdanza a toda a cidadanía.

Isto non quere dicir que se lle retire apoio político ou financeiro á Renda Social, ben ao contrario. O ano próximo, co proxecto a pleno rendemento, terá 3 millóns de orzamento e funcionará coa maquinaria engraxada para axudar ás persoas en risco de exclusión social na Coruña.

 

Impulso ao servizo de Bicicoruña

Doutra banda, e na liña do apoio á mobilidade sostible que mantén este goberno municipal, aprobouse unha segunda modificación do orzamento, que destina 515.000 euros a reforzar o servizo de Bicicoruña. Obtéñense tamén do remanente da Renda Social Municipal, e empregaranse para crear 18 novas paradas (actualmente hai 25) e adquirir 180 novas bicicletas. Esta foi unha das medidas propostas pola veciñanza nos orzamentos participativos, que pode comezar a executarse.

Estes modificativos, necesarios un proxecto de cidade aberta e sostible, irán a pleno municipal o vindeiro 7 de novembro para a súa aprobación definitiva, sempre que a oposición non volva apostar pola parálise.

Have your say