Novas da Marea

SGR_20180421_coordinadora_G88B6750

Xa temos nova coordinadora: plural e con maioría feminina para reforzar a confluencia

Dezaseis persoas, 9 mulleres e 7 homes, integran o órgano que foi renovado segundo o mandato da Marea Viva. As voceiras da organización serán Sabela Pérez e Xan Xove.

A Rede, a asemblea da Marea Atlántica, nomeou este 18 de abril á nova coordinadora da plataforma cidadá, composta por 16 persoas, 9 mulleres e 7 homes, para reforzar a organización e facer fronte ás demandas da cidadanía. Sabela Pérez e Xan Xove foron designadas como voceiras da coordinadora.  Con este paso, a Marea segue a medrar e reinventarse para responder aos retos e ser fiel aos principios básicos que a moven desde os seus comezos.

Trátase dunha coordinadora plural, que suma as sensibilidades diversas da Marea Atlántica, e que ten o mandato de avanzar nos obxectivos políticos aprobados pola mareancia: reforzar a confluencia cara as eleccións de 2019, acompañar as loitas sociais na rúa, coidar e estender o modelo municipalista en clave metropolitana e apoiar as políticas transformadoras do goberno municipal da Coruña

Segundo o procedemento aprobado na Marea Viva, a finais de xaneiro, o Grupo de Proposta levou á rede unha lista de 16 nomes para formar parte da coordinadora, seleccionadas entre a mareancia activa pola súa capacidade de traballo e perfil de consenso. A súa responsabilidade é servir de nexo e impulsar as distintas áreas de traballo, tanto ás que xa funcionan como as que é necesario crear de novo.

 

Mudar para ser fiel aos principios

As mareas nunca están quietas. Mudan, medran, baten e rebaten. Por iso mesmo son capaces de fender as pedras. Con ese espírito deseñouse a nova estrutura interna na Marea Viva, conservando o que funciona ben e ofrecendo respostas para superar as eivas. Case catro anos despois do nacemento na Ribeira do Cómaro, e tres desde a investidura dun goberno do cambio no Concello da Coruña, esta Marea muda e medra para ser fiel a si mesma.

As persoas que pasan a formar parte da coordinadora son as seguintes:

  • Formación e voceiría: Sabela Pérez.
  • Área Metropolitana e voceiría: Xan Xove.
  • Comunicación e organización interna: Carmela Diz.
  • Comunicación externa: Antía Paz.
  • Argumentario: Cristina Díaz.
  • Finanzas: Carlos Nogueira.
  • Proxectos: Xulio Vázquez.
  • Mediación: María Martínez.
  • Institucional: Iago Martínez.
  • Benvida e acompañamento: Loli Patiño.
  • Feminismos: Eva García.
  • Dereitos sociais: Carmen Armada.
  • Confluencia: Mariano Fernández.
  • Horizonte 2019: Daniel R. Cao.
  • Movementos: Adrián García.
  • Territorio: Victoria Mejuto.

As concelleiras e concelleiros do goberno municipal da Coruña quedan fóra da coordinadora por unha decisión de separar o institucional do orgánico. O seu esforzo e tempo resérvase para a máis importante das tarefas, gobernar da man da veciñanza.

Have your say