Novas da Marea

É tempo de unidade popular

Xulio Ferreiro: “A Marea Atlántica é unha candidatura de unidade popular que converteu A Coruña nunha referencia global e na que contamos co apoio de relevantes forzas da rebelión democrática que se sumaron ao impulso da cidadanía”

O candidato á alcaldía desta plataforma cidadá destaca que “a Marea é o proceso de confluencia e alternativa máis amplo, e dos máis recoñecidos, de todos os que existen no escenario electoral e social de Galicia e o Estado, o que sitúa A Coruña onde ten que estar, á fronte dos desexos da cidadanía, non das versións municipais da corrupción como parece que foi o triste logro do goberno local do señor Negreira”

 

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, destacou hoxe que nas eleccións municipais do 24 de maio mídense “dúas propostas: a fracasada, a do modelo inxusto que sitúa o goberno local na liña da desigualdade e os escándalos de corrupción que teñen o seu maior expoñente nese PP que se move entre Rodrigo Rato e a Pokémon, ou a esperanza dun cambio democrático e solvente que sitúa a cidade na primeira liña da rebelión democrática, do tempo novo, ou sexa, a Marea Atlántica”. “A Coruña que soñamos e que consideramos posible é ese espazo aberto e popular, que nos mapas e na forza da súa xente non pode ser un curruncho que copia o peor do modelo político e económico actual, senón unha onda e un vento novo que se pon á fronte do imparable proceso de cambio e democratización da vida pública. Isto coloca A Coruña onde ten que estar, á fronte dos desexos da cidadanía, non das versións municipais da corrupción como parece que foi o triste logro do goberno local do señor Negreira”, apunta Xulio Ferreiro. Nese sentido, o cabeza de lista da plataforma cidadá destaca o apoio que está a recibir a Marea por parte de “cidadanía sen carné de afiliación mais con coñecementos e visión do que está a ocorrer, pero tamén de organizacións xa constituídas que recoñecen á Marea como un proceso auténtico, construído desde a ética e a máis fonda democracia interna, onde non hai intereses ocultos nin particulares, senón a arela colectiva de recuperar ou conquistar dereitos, de facernos co volante das nosas vidas, ese que os poderes opacos nos usurparon”.

Así, Xulio Ferreiro pon en valor o feito de que “a Marea Atlántica é unha candidatura de unidade popular que converteu A Coruña nunha referencia en Galicia, no Estado e mesmo noutras latitudes, e na que contamos co apoio de relevantes forzas da rebelión democrática que se sumaron ao impulso da cidadanía”: “Esquerda Unida, Anova, Podemos, Compromiso por Galicia, Equo ou o Espazo Ecosocialista apoian esta iniciativa, un caudal que recolle confianza e coñecemento, que sitúa o ben común no centro do campo, como ten ser un goberno pensado para todos e todas, non para unha minoría elitista”. Como lembra o cabeza de lista da Marea, no periódico chamado O 15, “o xornal do ano do cambio” que a plataforma cidadá repartiu a milleiros pola cidade cunha grande acollida, “representantes de diversas forzas que simbolizan o mellor da ruptura coa vella política” explicitan o seu apoio á Marea e a Xulio Ferreiro como candidato á alcaldía. Nese sentido, “referentes de enorme prestixio” como Ada Colau, Xosé Manuel Beiras, Íñigo Errejón ou Yolanda Díaz reforzan a iniciativa da Marea coas súas palabras. Íñigo Errejón, secretario de Política de Podemos, indica que “hai situacións que reclaman que a cidadanía dea un paso á fronte e entre nas institucións para que corra o aire fresco, e ese é o caso da Coruña, da Marea Atlántica e do seu candidato Xulio Ferreiro”. O voceiro nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, asegura que “nas Mareas, como na Marea Atlántica que encabeza Xulio Ferreiro, nin Anova é protagonista nin Beiras é protagonista. Felizmente, o motor do proceso de transformación que é necesario hoxe está na sociedade civil e a súa capacidade de auto-organización”. Yolanda Díaz, coordinadora nacional de Esquerda Unida, apunta que “a Marea Atlántica é un golpe de aire fresco na cidade da Coruña, unha iniciativa que xurdiu grazas a persoas que puxeron o ben común por diante de todo o demais e que supón o exemplo que seguiron outras iniciativas similares no noso país. Será a candidatura do cambio en María Pita”. Xoán Antón Pérez Lema, de Compromiso por Galicia (“Acreditamos nunha candidatura de unidade cidadá, co fin de desenvolver ese gran proxecto de mínimo común denominador”); Xoán Hermida de Espazo Ecosocialista (“A Marea Atlántica foi líder e pioneira en Galicia”); ou Ana Tomé, de Equo (“A Marea Atlántica se está a confirmar como a ferramenta máis efectiva para rachar coa deriva na que caeron as institucións”) son outras das persoas que senten como propio o que representa a Marea Atlántica, que agradece a súa disposición e contará con estas forzas durante o mes que queda por diante para dar a coñecer á maioría social a alternativa esperanzadora que representa a Marea Atlántica de cara ás eleccións municipais do 24 de maio.

 

25 de abril na Cidade Vella

Por outra banda, o candidato á alcaldía da Marea, Xulio Ferreiro, participou este sábado nun encontro aberto da Marea da Cidade Vella, onde fixo referencia á data simbólica do 25 de Abril —a democrática rebelión dos cravos en Portugal— para lembrar que “o pobo é o que máis ordena”. “A Marea Atlántica, fronte a aqueles que gobernan sen ter en conta as nosas opinións nin os nosos intereses, propón un método de goberno participativo, onde os veciños podan decidir cales son os equipamentos e actuacións prioritarias nos seus barrios”. No mesmo acto, a número dous da lista da Marea, Rocío Fraga, criticou que “a Cidade Vella non conta con servizos sociais ou de coidados na proximidade e a administración ten que asumir a súa responsabilidade nese sentido”.

Have your say