Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

Somos marea de cambio, pero aínda nos queda moito para a preamar.

Se deixamos de ser intrusos nas institucións, teremos perdido algo moito máis valioso que unhas eleccións ou un concello. Perderíamos á xente. E a xente é a única razón pola que estamos aquí.

O 13 de xuño foi un día alegre e histórico para A Coruña. A praza entrou por fin no pazo. Aquel día prometemos que a xente non se sentiría nunca máis intrusa no seu concello, como nos sentíramos nós antes. E este luns vai ser outro día alegre e histórico na Coruña. Por primeira vez, a xente do común vai tomar a palabra, desde o seu propio escano, o escano cidadán, no Salón de Plenos. Dous veciños e dúas veciñas van poder exercer un dereito que até agora se lles negara: o dereito de facerse escoitar. E volveremos a emocionarnos.

Como nos emocionamos cando recibimos, nada máis poñer un pé no concello, a quen defenderan coas súas mans un pulmón da cidade que o PP quería vender a prezo de saldo para o capricho duns poucos. Como nos emocionamos cando compartimos coas traballadoras sociais o proxecto da nova Renda Social Municipal, que activaremos de contado para que ninguén careza do esencial para vivir dignamente. Como nos emocionamos cando conseguimos que se readmitisen aos traballadores despedidos nunha empresa concesionaria. Como nos emocionamos, Martiño, cando decidimos, no noso primeiro día como alcaldes, aturar a presión, manternos fieis a nós mesmos e deixar as institucións democráticas, desde o máximo respecto, á marxe das cerimonias relixiosas.photo_2015-09-04_23-23-27

En realidade, emocionámonos cada vez que cumprimos coa nosa palabra: cando lle retiramos os fondos públicos ás corridas de touros, cando nos baixamos os soldos moi a pesar dalgúns, cando abrimos portas e xanelas, cando rendemos contas, cando poñemos unha xigantesca bandeira coas cores do arco da vella na fachada dun concello orgulloso de ser rebelde. E emocionámonos, sobre todo, cando alguén nos para pola rúa para lembrarnos que non estamos sos. Que mesmo naqueles días en que non o parece, hai unha marea aí fóra.

Porque non estamos sos. Nin estamos sos nin estaremos sos. Repetímonolo cando nos enfrontamos á complexidade da Administración pública. Cando nos damos de fociños cos partidos que non falan nin queren falar a nosa linguaxe. Cando descubrimos que hai obstáculos difíciles de sortear desde un concello, porque alguén, nun ministerio en Madrid, decide por nós onde está o teito, que pode facer e que non pode facer unha cidade, que é e que non é o ben común. Tampouco estamos sos cando loitamos contra o zombie dun modelo urbanístico pensado para a especulación, e non para garantir o dereito á cidade. Nin cando pisamos unha trampa, porque somos inexpertos e aínda pisamos algunhas trampas. Nada que lamentar. Ao contrario: ogallá conservemos esta inxenuidade até o derradeiro día.

Algúns de nós -Ada, Pedro, Manuela- lembramos un acto moi semellante a este na Praza do “Reina Sofía”. Aquel día, 6 de maio, comprometémonos a facer isto xuntos, a pór en man común, como dicimos en Galicia, o desexo de cambio. Hoxe volvemos a emocionarnos aquí en Barcelona porque compartimos, e celebramos, a confianza de milleiros de persoas nas nosas cidades, a oportunidade de pór as persoas por diante de calquera outra cousa. E compartimos as ferramentas, compartimos o traballo, compartimos o código das políticas que queremos pór en marcha nos próximos catro años.

photo_2015-09-04_23-22-59Somos marea de cambio, pero aínda nos queda moito para a preamar. Temos entre mans a construción dunha rede de cidades participativas e participadas. Cidades capaces de gobernarse a si mesmas con transparencia. Cidades dignas de ser vividas, sen exclusións nin fendas de desigualdade que unha vez pareceron insalvables. Cidades refuxio, como aquelas do outro lado do Atlántico que acolleron aos nosos avós cando a barbarie os privou de pan e de futuro.

Cabalgamos un paradoxo. Entramos como intrusos nunha institución que nos roubaran e agora temos unha dobre misión alí dentro: conseguir que a xente común deixe de sentirse intrusa no seu propio concello ao tempo que nós conservamos esa mesma condición de intrusos. Se perdemos a capacidade para indignarnos, se perdemos a capacidade para emocionarnos, se esquecemos o que eramos antes da vitoria de maio, se deixamos, en definitiva, de ser intrusos, teremos perdido algo moito máis valioso que unhas eleccións ou un concello. Perderíamos á xente. E a xente é a única razón pola que estamos aquí.

Moitas grazas.

Barcelona, 4 de setembro de 2015

Palabras de Xulio Ferreiro no Encontro das Cidades polo Ben Común