Código Etico

15385327_1402319609779829_5162880195842303150_o

Esiximos a devolución do cobrado no Consello de Administración do Porto por aprobar a venda da Solana

Dez persoas recibiron 747,88 euros brutos por cabeza por aprobar unha medida especulativa que a cidadanía tivo que frear coas protestas na rúa

A Marea Atlántica esixe que as dez persoas —entre elas a hoxe presidenta do PP local, Beatriz Mato— que cobraron retribucións por asistir ao Consello de Administración da Autoridade Portuaria da Coruña do 22 de decembro de 2016 as devolvan canto antes. Nesta data aprobaron a venda dos terreos da Solana e o Hotel Finisterre con fins especulativos, unha medida que foi paralizada tras fortes protestas cidadás e da que a propia Xunta de Galicia renegou despois. Naquel encontro, a única persoa que votou contra a venda do patrimonio público é a mesma que renunciou a todas as dietas en canto tomou posesión en 2015, o concelleiro de Rexeneración Urbana do Concello da Coruña, Xiao Varela.

Os principios éticos máis elementais sinalan que as dez persoas que cobraron cada unha 747,88 euros brutos −con importes netos variables−, devolvan os cartos públicos que gañaron por apoiar unha operación contraria ao ben común e posteriormente anulada. Se ben a Marea Atlántica, como organización, defende a eliminación das dietas non xustificadas por asistencia a reunións, por ser un privilexio inxusto dos cargos públicos, neste caso concreto semella unha burla que algunhas persoas gañasen máis do salalario mínimo por ter tomado en dúas horas unha decisión inoperativa e inxusta.

A Autoridade Portuaria, institución opaca

Acabamos de coñecer nestes días o importe exacto destas retribucións, que a Autoridade Portuaria se negou a revelarlle a Xiao Varela en numerosas ocasións. Só un ditame do Consello Estatal de Transparencia e Bo Goberno, previa solicitude, obrigou a revelar esta información.

Aquela xuntanza do 22 de decembro de 2016 custoulle ao Porto da Coruña 7.478,80 euros en cartos públicos, unha cantidade esaxerada e innecesaria. Cobraron dietas varios altos cargos de gobernos do Partido Popular, como a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato; o delegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán; o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo; a secretaria xeral do Mar da Xunta de Galicia, María Isabel Concheiro; a delegada da Xunta na Coruña, Belén Docampo e o representante de Puertos del Estado, Álvaro Mora.

Compromiso ético coa desaparición das dietas

Como se recolle no noso Código Ético, a Marea Atlántica rexeita o cobro de dietas por asistir a xuntanzas ou comisións. Pensamos que este tipo de tarefas xa van no soldo dunha representante política, e resulta un despilfarro de cartos públicos retribuílas por duplicado.

De acordo con este principio ético, eliminamos as dietas no Concello da Coruña para todas as persoas con dedicación exclusiva –só algunhas representantes do PP continúan a cobralas, por recibir o seu salario, maior que o que percibirían no Concello, doutras institucións–. E renunciamos a elas en todos os demais ambitos. Así fan as nosas representantes na Deputación da Coruña e así fai Xiao Varela no Consello de Administración da Autoridade Portuaria.

*A imaxe que encabeza o artigo amosa a protesta da Comisión en Defensa do Común  ante a sede da Autoridade Portuaria, o día que se aprobou a venda da Solana.

Have your say