Saltar ao contido

O alcalde, Xulio Ferreiro, e a concelleira Silvia Cameán participaron nunha concentración de Stop Desafizamentos, contra esta execución hipotecaria forzosa

O ano que vén porase en marcha un ambicioso plan para aumentar o parque municipal de vivenda, e ter máis pisos de aloxamento temporal para persoas en situación de vulnerabilidade

 

Esta mañá, fronte a Audiencia Provincial da Coruña, o colectivo Stop Desafiuzamentos convocou unha concentración para denunciar o caso de Sandra, unha veciña da nosa cidade á que o xulgado deixa desamparada ao mandar seguir adiante coa execución da súa hipoteca, nunha sentenza contraria á xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da UE. A pesar de recoñecer que o seu contrato contén unha cláusula abusiva, o xuíz decide que “lo más beneficioso” para Sandra é quedar na rúa. Ante esta inxustiza, que contradí a doutrina que aplican a maioría dos tribunais do Estado, a Marea Atlántica sumouse a convocatoria para denunciar o caso.

Na concentración participaron o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e a concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán. Tamén estiveron presentes os deputados de En Marea Antón Sánchez, do Parlamento de Galicia, e Antón Gómez-Reino, do Congreso.

photo_2016-11-18_15-31-11Como lembrou Xulio Ferreiro, o goberno municipal da Coruña traballa activamente para evitar desafiuzamentos forzosos na cidade. De feito, o de Sandra é o primeiro deste tipo que se produce en 2016, xa que “os demais dos que tivemos noticia foron sempre logo dun acordo entre a persoa afectada e a entidade bancaria”.

Tamén explicou que “este Goberno comprometeuse a que non se levaría a cabo ningún lanzamento que sexa responsabilidade municipal, e así o estamos cumprindo. Ademais, o Concello mantén contactos coas entidades financeiras para frear as execucións hipotecarias, e grazas a iso esta mesma semana puidemos evitar unha e estamos a mediar para lograr unha solución negociada”.

O goberno local tamén lle ofrece aloxamento temporal ás familias que o precisan, mentres se resolve a súa situación. “Por iso queremos comezar xa este ano a aumentar o parque de vivenda municipal, e reforzar a aposta en 2017, xa cos novos orzamentos, para poder axudar ao máximo número de persoas en situación de vulnerabilidade”, afirmou Ferreiro.

Necesidade de mellorar o protocolo de alerta nos xulgados

photo_2016-11-18_15-31-15Nesta liña, o alcalde lembrou que existe un protocolo establecido pola Xunta, a FEMP e os xulgados para previr os desafiuzamentos, pero que non está a funcionar todo o ben que debería. Non se está a alertar aos servizos sociais de todas as situacións de emerxencia, e temos que rachar ese silencio.

Finalmente, Xulio Ferreiro sinalou que “a Audiencia Provincial da Coruña está a seguir unha liña de xurisprudencia que non e a mesma que se aplica noutros xulgados de Galicia e do Estado. A pesar de que o Tribunal de Xustiza da UE ditaminou o carácter nulo das cláusulas abusivas, seguen a ordenarse desafiuzamentos. Agardo que a miña presenza aquí axude a chamar a atención sobre o problema”.

Un xulgado da Coruña aproba unha execución hipotecaria contra o criterio da UE