Saltar ao contido

Saíu adiante a moción da Marea Atlántica en apoio ao concelleiro José Manuel Sande, que o vindeiro luns terá que ir declarar ao xulgado por un cartel de Entroido

Tamén se aprobaron tres mocións que rexeitan os Orzamentos do Estado polo seu baixísimo investimento na Coruña. O PP quedou só na defensa das contas da vergoña

 

O Pleno do Concello da Coruña aprobou onte unha moción da Marea Atlántica, en defensa do dereito á irreverencia, da liberdade de expresión e do carácter propio do Entroido. E tamén para amosar o apoio da corporación ao concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, que o vindeiro luns terá que ir a declarar ao xulgado a causa dun cartaz.

A moción saíu adiante coa abstención do PP e o apoio dos restantes grupos. Supón unha defensa das persoas e entidades cuestionadas no seu dereito á liberdade de expresión. O texto lembra os reiterados episodios de condenas e denuncias que se veñen detectando nos últimos tempos, como os de Cassandra, Cesar Strawberry e Dani Mateo,  aposta por garantir o exercicio efectivo do dereito á liberdade de expresión. A moción tamén se refire á liberdade dos creadores en xeral e en particular do autor dos cartaces do pasado entroido.

O 17 de abril, vémonos no xulgado

1490359026_558837_1490362802_noticia_normalComo é sabido, un xulgado admitiu a trámite a denuncia que vai obrigar ao concelleiro de culturas, José Manuel Sande, a comparecer e dar explicacións este luns ás 12.30 nos Novos Xulgados (rúa Monforte). Pero farao co apoio de moitas persoas e colectivos, como as propias comparsas e ademais co do propio pleno municipal. O vindeiro luns, convidamos a todas as persoas que o desexen a estar na porta do xulgado para defender o dereito á irreverencia.

Aínda que estamos cansos de dicilo: os cartaces de Alberto Guitián non pretenden ofender persoas nin ideas nin sentimentos. Buscan captar e conségueno os alicerces dunha festa irreverente, lúdica e transgresora e moi viva a pesar de que o franquismo intentou desnaturalizala. A un goberno democrático non lle queda máis remedio que respectar a crítica.

 

Os Orzamentos do Estado son os Orzamentos da Vergoña

10-04-17 Foto Pleno A Marea Atlántica, o PSOE e o BNG presentaron tres mocións nas que piden a retirada dos proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para este ano, presentado polo goberno de Mariano Rajoy. Todas elas foron aprobadas, co único voto en contra do PP, que queda só na defensa destes Orzamentos da vergoña, que reducen un 32% o investimento en Galicia e preto dun 60% na Coruña.

Como explicou a concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, o goberno central destina “cantidades irrisorias” a proxectos clave para a Coruña. Por exemplo, a conexión ferroviaria ao Porto Exterior recibe 31.620€, cando o seu custo será de máis de 10 millóns de euros. E o saneamento da Ría do Burgo recibe tan só un millón de euros, o mesmo que o ano pasado, e o anterior, e o outro… É un millón eterno, que sempre se pon por escrito e nunca se executa.

Outros proxectos como a ampliación de Alfonso Molina, a estación Intermodal, o tren a Ferrol ou o desenvolvemento dos Plans Estatais de Vivenda tamén reciben cantidades insuficientes e demoras inxustificadas. En contrapartida, “medran o gasto militar e a débeda pública, mentres diminúen as partidas da Seguridade Social, Cultura ou Investigación, así como a loita contra as violencias machistas, e mentres se reduce o poder adquisitivo do funcionariado e as persoas pensionistas”, asegurou Eugenia Vieito.

Ademais, nestes Orzamentos introdúcese pola porta de atrás unha manobra para limitar as remunicipalizacións de servizos públicos, ao poñer obstáculos á que os concellos contraten ao persoal das empresas concesionarias. O PP quere blindar as privatizacións, aínda a custa de darlle servizos peores e máis caros á cidadanía. A súa lealdade está co IBEX 35.

 

O Pleno da Coruña defende o dereito á irreverencia