Saltar ao contido

Os concellos da Coruña, Santiago de Compostela, Zaragoza, Madrid, Barcelona, Alacante e Badalona asinaron Declaración de Zaragoza sobre autonomía municipal e financiamento local, na que lle reclaman ao Goberno central unha reforma de todo o sistema tributario das administracións locais. Este é o seu texto íntegro

Os concellos son as institucións máis achegadas á cidadanía, e as que máis competencias asumen. A pesar disto, son as administracións que menos asegurado teñen o seu financiamento, no marco dun sistema inxusto, discriminatorio e insuficiente que nin sequera permite a progresividade fiscal. Dependen, basicamente, de impostos que non poden vincularse coa riqueza real e que, polo tanto, non son xustos na súa aplicación.

As administracións locais deben asegurar servizos públicos de calidade, redistribuír a riqueza, atender ás necesidades básicas da poboación, xerar espazos públicos urbanos sostibles e inclusivos. Deben contribuír a novas formas de ocupación, produción e consumo que coiden das persoas e o medio ambiente. Os concellos deben asegurar o ben común, pero están a ser condenados a perpetuar a falsa idea de que privatizar o público e xestionar desde o privado é mellor para a sustentabilidade económica.

A Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local racha co principio de autonomía municipal, que segue a ser unha causa pendente da democracia. Hoxe, esta circunstancia legal asfixia aos concellos. Numerosas leis merman a captación de recursos municipais en beneficio de organizacións privadas ou relixiosas. A lei mencionada fai un auténtico exercicio de ilusionismo xurídico para facer desaparecer, a partir do 1 de xaneiro de 2016, as competencias de carácter social que viñan prestando os concellos e que pasarán a ser das comunidades autónomas.

Neste marco lexislativo, nin o superávit da administración local garantiría beneficios sociais á poboación, senón que o mesmo deberá estar destinado a seguir saciando aos posuidores da débeda. É dicir, aínda que un consistorio consiga cumprir coa amortización de toda a súa débeda e, ademais, xere superávit, non poderá investir eses cartos en políticas sociais.  A Lei de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira no seu artigo 12 sobre a Regra de Gasto esixe que se empreguen para adiantar pago de débeda.

Neste sentido, é esencial o papel frustrante e desigualador do art. 135 da Constitución, imposto por poderes non elixidos e que confrontan coas necesidades básicas da maioría. Os concellos sofren sistemas tributarios e marcos legais esgotados, non dan para máis. Necesitamos crear as liñas básicas dun novo sistema de financiamento local do século XXI.

Os concellos das cidades asinantes, esiximos ao Goberno Central que de modo inmediato aborde a reforma de todo o sistema tributario das administracións locais para garantir:

  • Unha Lei de Financiamento dos Concellos suficiente e sustentábel con criterios de progresividade e xustiza social e sustentabilidade ambiental.
  • A modificación da  Lei de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira, para que as necesidades sociais non fiquen subordinadas a plans económico-financeiros de re-equilibrio previstos na devandita norma.

Estas cidades colaborarán mutuamente por volta destes criterios esenciais como obxectivos e no impulso dunha nova maioría social para a mudanza.

Ayuntamiento de Madrid

Ajuntament de Barcelona

Ayuntamiento de Zaragoza

Ayuntamiento de Alicante

Concello de Santiago

Concello da Coruña

Ajuntament de Badalona

Declaración de Zaragoza