Saltar ao contido

O PP emprega o goberno galego como arma política, sen ter en conta os intereses da cidadanía. A Xunta vai contra as cidades que non pode controlar.

Desde que o 24 de maio a Marea Atlántica gañou as eleccións municipais, a Xunta de Galicia non fixo nin un só investimento importante na Coruña. Ningún. Nada. Cero. Nestes dous anos, reduciron máis dun 15% o peso da nosa cidade nos Orzamentos da Xunta, e moitas das partidas que anuncian nas contas logo non chegan a executarse nunca. Nos orzamentos de 2018, A Coruña recibe 10 veces menos fondos autonómicos que Vigo, e tres veces menos que Ourense. O Estado segue a mesma tendencia, aínda con máis forza. No seu caso, a mingua foi do 60% entre 2016 e 2017.

O PP emprega as institucións como ariete político, sen un mínimo interese polo benestar da cidadanía. O Partido Popular posiciónase contra as cidades que non pode controlar, bloqueando investimentos e logo protestando pola súa parálise, nunha profecía autocumprida. En outubro de 2017 son moitas e variadas as contas pendentes da Xunta de Galicia coa Coruña. Deixémolas por escrito, para que ninguén as esqueza.

O colexio de Novo Mesoiro.

Novo Mesoiro é un dos barrios coa poboación máis nova da Coruña. Hai anos que a veciñanza reclama un colexio de ecucación infantil e primaria, que a Xunta sempre promete e nunca fai. O Concello cedeu xa en maio de 2016 unha parcela para construílo, pero as obras aínda nin comezaron. A resposta da Xunta foi reducir de 629.946 euros a 350.000 a partida orzamentaria para este centro educativo. Ao paso que van, remataremos o ano sen que se execute.

Atrasos nas obras dos centros escolares. 

O abandono cos colexios públicos non só se nota en Novo Mesoiro. A Xunta, quen ten as competencias, deixou gran cantidade de obras sen facer nos centros escolares da cidade. E foi o Concello quen as asumiu, con investimentos de ata un millón de euros ao ano. Aínda así, hai coles como o Manuel Murguía que levan desde 2007 agardando que a Xunta cumpra a súa promesa dun patio cuberto.

E mesmo cando o goberno galego fai algo, faino causando problemas, como no Ramón de la Sagra. Comezou as obras para mudar a cuberta durante o curso , expoñendo aos nenos e nenas ao amianto. E todo por non escoitará comunidade escolar.

Abandono dos centros de asistencia e educación especial.

As instalacións do antigo complexo Santiago Apóstol, nas Xubias, acollen a unhas 200 persoas con distinto grao de diversidade funcional, entre nenos e adultos. Son tres edificios, completamente abandonados pola Consellería de Política Social, como levan anos a denunciar os sindicatos.

Tamén se atopa nun estado “deplorable” o Colexio de Educación Especial María Mariño, segundo a Asociación de Nais e Pais do Alumnado. A falta de compromiso da Xunta con este centro da súa competencia é tal que nin os baños cumpren as esixencias mínimas de hixiene.

Perda de 100.000 euros ao mes pola reciclaxe de envases.

A Coruña é unha das cidades galegas que máis recicla. E o premio da Xunta a este esforzo da cidadanía foi reducir un 15% os ingresos do Concello por cada envase recuperado. Grazas ás “artes negociadoras” da Consellería de Medio Ambiente, A Coruña perdeu 100.000 euros ao mes, por mor do novo convenio asinado con Ecoembes en 2016. Houbo que agardar a decembro de 2017 para que unha reforma da planta de Nostián, impulsada e financiada polo Concello, permitira cubrir as perdas cunha maior capacidade de reciclaxe de envases.

Planta de residuos industriais en Santa Icía.

A Consellería de Medio Ambiente mirou para outro lado cando unha empresa privada quixo instalar unha planta de residuos industriais en Santa Icía. Presentou un proxecto ambiental incompleto, e prendendía facela nun lugar de especial protección forestal, a menos dun quilómetro de Feáns, Novo Mesoiro e a Urbanización Breogán. A obriga da Xunta era inadmitir o proxecto, pero non o fixo. Só a mobilización social conseguiu que recoñecese que a tramitación ambiental abreviada non era boa idea.

Planta de hidrocarburos en Oza.

Na mesma liña que a anterior, a Consellería de Medio Ambiente tampouco se quixo enterar de que unha empresa pretende instalar unha planta de pretratamento de hidrocarburos e aceites industriais en pleno peirao de Oza, poñendo en risco as praias e zonas marisqueiras da Ría do Burgo. O Pleno municipal xa se pronunciou en contra.

O esquecido saneamento da Ría do Burgo.

Aínda que se acaba de aprobar a declaración de impacto ambiental para o dragado da Ría do Burgo, falta moito para que se recupere de anos de contaminación e irresponsabilidade da Xunta e do Estado. Sanear a ría custará uns 48 millóns.  O goberno galego non destina nin un só euro nos Orzamentos 2017. E o executivo de Rajoy só ten un millón pantasma . Ano tras ano aparece anotado no papel, ano tras ano queda sen executar. Moita promesa, pouco compromiso.

Galicia, fóra da terceira convocatoria de fondos DUSI.

A Unión Europea vén de abrir a terceira convocatoria para os fondos europeos de estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible, e Galicia é unha das poucas comunidades que non está presente, polo desinterese da Xunta. o Concello da Coruña xa obtivo 15 millón de euros na segunda convocatoria, e non pode optar a máis. Pero outros municipios da área si tiñan a posibilidade que o goberno galego lles nega.

Espazo Natural de Interese Local nas Illas de San Pedro

Vai xa  máis dun ano da solicitude de protección para as Illas de San Pedro, declarándoas como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) . Outro papel perdido nos caixóns de Beatriz Mato.

A Intermodal que nunca chega.

A Xunta comprometérase a impulsar a construcción da estación Intermodal da Coruña en 2016.  Outra promesa ao caixón das incumpridas. Aínda que combinar tren e transporte por carretera é clave para unha mobilidade sostible, a Consellería de Infraestruturas fai proxectos que non garanten a intermodalidade. Non teñen claro nin o seu propio modelo.

Área Metropolitana.

Outra anotación no libro das promesas incumpridas. En febreiro, Feijóo deu a súa palabra de impulsar a Área Metropolitana da Coruña… E nunca máis se soubo.  A Xunta colaborou na creación da área de Vigo, pero bloquea a coruñesa. Terá medo do poder político que pode perder ante unha comarca unida?

Bordo Litoral.

A que agarda a Xunta para comprometerse coa defensa do borde litoral da Coruña? Está do lado do uso público ou da especulación inmobiliaria? Polo de agora, a única acción real da Xunta sobre os terreos portuarios da Coruña foi cando Beatriz Mato votou a favor de vender a Solana e o Hotel Finisterre. O resto, fume.

Foi a cidadanía da Coruña, co respaldo do Concello, quen parou a especulación na fachada marítima. Se pola Xunta fora…

Falta de compromiso no Consorcio da Música.

O Consorcio da Música é a entidade que financia a Orquestra Sinfónica de Galicia, entre outras cuestións. O Concello da Coruña e a Xunta de Galicia teñen un acordo para investir o mesmo todos os anos no seu financiamento. Pero desde que goberna a Marea Atlántica, este pacto incúmprese sistemáticamente.

Ano 2015: Concello 3, 1 millóns. Xunta, 2 millóns.
Ano 2016: Concello, 4 millóns. Xunta, 2 millóns.
Ano 2017; Concello, 3,3 millóns. Xunta, 2 millóns.

A Xunta ten 250 máis orzamento que o Concello da Coruña, pero négase irresponsablemente a cumprir co Consorcio e a Sinfónica.

Obras a medio facer na antiga Fábrica de Tabacos.

Cando a Xunta iniciou o proxecto de converter a antiga Tabacaleira da praza da Palloza nunha sede Xudicial, anunciou que lle reservaría un espazo de 3.000 metros cadrados ao Concello da Coruña. Claro que daquela gobernaba o PP en María Pita. 

Tras moitos atrasos nas obras, e moitas datas de inauguración incumpridas, chegou o momento de poñer a funcionar o edificio reformado. E resultou que xa non gobernaba o PP en María Pita. O espazo reservado para o municipio, que debera albergar as dependencias de Rexeneración Urbana, quedou a medio facer e repartido en dúas plantas sen conexión entre elas.

As (moitas) débedas da Xunta coa Coruña