Saltar ao contido

por María García

photo_2014-12-06_14-38-06

Na rúa soa Salitre, de Xabier Díaz, como querendo anticipar a marea que se aveciña.

E pouco a pouco vaise dando cita a xente: a que se interesa polo ambiente, pola educación, polas economías locais, pola mobilidade, polo consumo. Porque a sustentabilidade é obxectivo compartido de quen actúa hoxe pensando no mañá, global e local, querendo menos pero mellor.

A xuntanza comeza cun AVISO IMPORTANTE: o petróleo acábase. Mais ao contrario de moitas Cidades en Transición de todo o mundo, que xa preparan a súa vida cotiá para este radical cambio, A Coruña camiña na direción oposta, obviando o evidente.

Se é por falta de ideas, que lle pregunten á xente.

photo_2014-12-06_14-38-14

Hai quen propón recuperar da memoria a estación de tren de San Diego, que conectaría o centro da cidade cos municipios da área metropolitana, e o transporte en barco ao outro lado da ría, para poder deixar – por fin – o coche na casa.

De maneira recorrente xorde o desexo compartido, cada vez máis alto e máis claro: ¡Menos cemento e máis árbores! Menos obras custosas que asfaltan as rúas e as prazas privándonos da vexetación, da sombra, dos froitos, das cores. Queremos redescubrir as estacións. Queremos reivindicar o outono.

Tamén hai voces que suxiren usar mellor os recursos que xa temos e remunicipalizar o tratamento do lixo, asfixiado pola deixadez e a apatía. Auditar o consumo enerxético das instalacións municipais, e reducilo ao máximo. Mellorar o tratamento da auga, e pagar o seu precio xusto. Abordar o saneamento da ría do Burgo para devolverlle a súa salubridade … e a súa dignidade.

Conservar os últimos espazos naturais e rurais que quedan na cidade, relictos de biodiversidade sobre fondo gris, como patrimonio da cidadanía, como son o entorno da Torre de Hércules, o Monte de San Pedro ou San Pedro de Visma, este último no punto de mira dos vampiros urbanizadores.

E finalmente, considerar a educación ambiental como vía de participación veciñal onde buscar solución, de maneira colectiva, a problemáticas que nos afectan a todas e todos.

E diso vai, precisamente, a Marea Atlántica.

 

 

 

photo_2014-12-06_14-38-18

 

photo_2014-12-06_14-38-11

Crónica | Marea de Medio Ambiente e Sustentabilidade