Saltar ao contido

Marea da Mobilidade

Por SANTIAGO LAMELO

Marea da Mobilidade

Inverno, son as dez da noite e chove de lado cun vento que conxela os miolos. Estou nunha parada do bus en Monelos, agardando a que chegue o número 1, que me levará para a casa despois dunha longa xornada de traballo. Nin sei o tempo que levo a agardar, co frío o cerebro xa non carbura ben. Cando xa estou a piques de renderme e chamar o 112 para que envíen o helicóptero de Salvamento Marítimo para rescatarme, vexo ao lonxe un prisma de cor vermella que se achega moi rápido. Leva unha luz coa forma do número 1 que é para min coma un faro na treboada.

—Velaí a miña salvación.

Mollado coma un pito, incorpórome como podo e cando xa está a piques de pasar o bus, o condutor, sen parar, berra e fai xestos:

—Vou pa’ cocheiras!

E o prisma vermello, o meu faro na tempestade, liscou tan rápido coma o vento levando tras de si unha morea de blasfemias e improperios que se foron perdendo na distancia.

Quen non viviu unha escena semellante na Coruña? Unha desas coñas que circulan polas redes sociais di que non es da Coruña se non quedaches colgado algunha vez por culpa dun bus que vai para cocheiras, e esta situación tráxicómica é un bo exemplo do que pasa coa mobilidade nesta cidade deseñada para que a xente non se mova, unha cidade onde o público se pon ao servizo do privado, ao servizo dos amiguiños, como é o caso da Compañía de Tranvías. Unha cidade deseñada para os coches, sen un plan serio e real de mobilidade, pero que vai cambiar se cremos nas nosas posibilidades e seguimos a traballar con ilusión.

Para ver cal é o sentir popular coa mobilidade na Coruña, a Marea Atlántica organizou a Marea de Mobilidade, un tema que nos afecta a todas as persoas dun xeito importante. A mobilidade inflúe na nosa capacidade para desprazarnos comodamente na nosa contorna, e calquera proxecto municipalista ten que afrontala con seriedade. Foi convocada na Praza de Santa Caterina, a carón da rúa San Andrés, a rúa na que Negreira eliminou o carril bus deixando claras cales son as súas intencións no que respecta á mobilidade. Un lugar simbólico polo nome, e tamén polos problemas ligados co comercio local e o estado de abandono da zona.

Mentres me achegaba miraba a cola interminable de coches que ían dende o Orzán ata a Praza de Pontevedra, unha pingueira incesante de CO2 e decibelios que non paraba en todo o traxecto que fixen a pé. Alí atopeime unha vez máis coa marabillosa árbore do quiosco da rúa Santa Caterina, unha das que sobreviviu ás numerosas talas do noso alcalde. Cada ano nos agasalla coas súas flores de cor… de cor… Ben, dunha cor que mola, que eu non sei de cores máis aló do azul e o vermello. Alguén deixou a súa sinatura na codia para indicar que quería moito a non sei quen, deixando claro que non era á árbore.

Marea da Mobilidade

Chego á praza e alí está Neptuno presidindo, ollando con desidia a marea de coches que ten por diante. Á súa beira, camaradas da Marea Atlántica traballando para que todo saia ben. Temos un bo equipo que medra coma o mar. Síntome a gusto e esquezo os coches, o ruído e as árbores danadas. Hai camaradas doutros movementos, expectantes a ver o que acontece na asemblea. Xente da rúa que se achega curiosa para ver que estamos a facer, que é iso da Marea Atlántica, e agardan a que comece o acto. Estamos na rúa, na praza, que é onde hai que estar para sentir a calor da xente.

Saúdos, apertas fraternais, algún comentario con camaradas de loita e un ambiente do máis amigable entre todas as persoas que estamos alí. Unha morea de bicis enche o aparcadoiro da praza, un cadelo atado a unha árbore que mira con interese os preparativos, un neno que chora cando me achego e sae correndo a abrazar o cadelo, que mira para min e bota a ladrar ameazadoramente. Todo ben, últimos retoques das camaradas, non chove, a luz case outonal e con case quince minutos de demora comeza Marta, con paso firme, a falar do que é Marea Atlántica.

A xente escoita con atención e Cheché toma o micro para comece o bombardeo de preguntas sobre a Marea Atlántica. As poucas dúbidas que hai son resoltas con dilixencia por Xulio, e para que a cousa non fose demasiado ben tamén intervín eu e compensei o bo facer do compañeiro. A Marea da Mobilidade realmente comeza nese momento e a xente prepárase para participar, que é do que se trata. Confeso que non sabía moi ben como ía resultar todo, nunca tes a certeza de que unha asemblea aberta vaia saír ben e tiña certa inquedanza, pero cando comezaron as intervencións as dúbidas desapareceron. O bombardeo de ideas comeza con forza, a xente anímase a participar e faino con criterio, con intervencións áxiles e concretando os temas. Saen moitas propostas e queixas que demostran que as persoas desta cidade sabemos moi ben o que queremos, algo que non parecen entender os que infestaron o Concello durante décadas. Se non gobernas para a xente, se non fas caso do que pide o pobo, non tes lexitimidade.

Saen mencións ao transporte público, ao exceso de coches nas rúas e tamén nas beirarrúas, ao abuso que supón que a Compañía de Tranvías teña os beneficios garantidos polo Concello cun contrato estraño que ninguén entende, á falla de espazos para as bicicletas, á incomprensible carencia dun tren de proximidade, cando xa están as estruturas feitas, aos excesos municipais en actos como o da Volta Ciclista, a ausencia dun plan público de mobilidade real, e non o paripé no que gastou medio millón de euros a Administración local. Saen tamén moitas queixas polo servizo de buses urbanos e interurbanos e os horarios. Xente nova, xente maior, mesmo un compañeiro que viña dende Aragón e nos contou a súa odisea para moverse en Galicia usando o transporte público. Todo marcha imparable. A xente quere cambiar as cousas, quere facer política dende a rúa.

Mural da Marea da Mobilidade

Marcos apunta no taboleiro todas as propostas e queixas da cidadanía, parece un porteiro de balonmán parando centos de lanzamentos. As follas do esquema caen coma se estivesen xa pendentes do outono que está a piques de entrar e as letras, que parecen cadros abstractos, conteñen política real, a política da xente. A asemblea avanza con forza e dinamismo, xente que asinte e aproba, outra que non parece moi de acordo, prodúcese algún que outro debate e a Marea cada vez ten máis forza, unha forza que pode derrubar moitos muros. Marcos, canso, fai as conclusións, e Cheché e Marta conclúen facendo un chamado a colaborar na Marea da Mobilidade, que ten como resposta a presenza de varias persoas na mesa de sinaturas. Aplausos e logo recunchos onde se comenta a xogada e se fan plans de futuro.

Gustoume esta marea. Gustáronme todas, pero esta especialmente. Houbo moitas e boas intervencións e saíron moreas de ideas para construir unha cidade mellor. Todo saiu ben e cada vez temos máis ilusión. Estamos nunha situación de emerxencia porque nos están a roubar os poucos dereitos que temos para que o poder económico teña máis beneficios. Pero teño esperanza porque hai moita xente que, coma min, está farta e quere cambiar as cousas. Na cidade non imos cambiar o mundo, pero podemos cambiar a nosa contorna máis próxima, o que máis nos afecta. Pode ser o primeiro paso dun cambio global, e temos que esforzarnos para que así sexa. Queda moito camiño por recorrer e imos camiñando con forza. Medre a marea, medre o mar!

Crónica | Vou pa’ cocheiras