Saltar ao contido

Marea-da-Cultura

Por MARIANO FERNÁNDEZ CABARCOS

Cando onte, a iso das dez, a preamar da Marea da Cultura se retiraba dos soportais do Teatro Rosalía, deixaba unha praia nova. Unha praia que non estaba debaixo dos lastros, senón dentro da veciñanza da Coruña, unha praia de ideas escintilantes.

Dúas horas antes a Marea remansara nese lugar disposta a facer o seu traballo, recuperar o terreo gañado ao mar a base de formigón e impostura, e onda tras onda, as xentes da Coruña foron deseñando os primeiros trazos dun novo futuro no eido da cultura.

Unhas 200 persoas ateigaron a rúa, e despois dos prolegómenos de rigor, comezou o debate, que se desenvolveu con forza, claridade e fluidez. A diagnose da situación pasou pola reivindicación dos infrautilizados espazos públicos para a cultura de base, pola crítica a unha política de contedores culturais sen contidos para alimentalos e darlles vida, pola insatisfacción ante programas de festas superficiais, alleos ao sentir popular… E como non, Pikachu deu unha voltiña polo teatro Rosalía entre peticións de trasparencia na xestión. Pikachu is back, seica.

Moito escaparate, pero pouca trastenda”. Resumindo moito esa podería ser a impresión xeralizada da política cultural do concello.

A fase propositiva foi intensa. Moitas e moi boas ideas agromaron fronte ao Teatro Rosalía de Castro, sen dúbida un lugar ben acaído.

Falouse da recuperación do patrimonio da cidade para a cidade, dende a recuperación das igrexas para o uso cívico, ate a dos centros cívicos para a cultura de base, feita pola propia veciñanza e as súas organizacións. Falouse de apostar pola cultura local, pola creación propia. Somos unha cidade de artistas, é imperativo poñer iso en valor, porque é riqueza, emprego, benestar. Falouse de integrar a cultura coa educación dende as idades máis temperás, a través das actividades extraescolares, nas que o Concello ten unha grande incidencia.

Falouse de proxectos, de cohesión, de empoderamento, de recuperar para a xente o que é da xente. De darlle prioridade ás persoas. De construír unha cultura real para unha cidade mellor.

Esa foi a praia que a marea deixou onte a carón da mesma María Pita, unha praia de futuro.

Diagrama da Marea da Cultura

Crónica | Unha praia de futuro