Mareas

Crónica | Chove sobre mollado

Por DIEGO JIMÉNEZ MIRAYO

Marea da Economía Local e Social

 

Chove… sobre mollado. E vai frío. O nordés anda a facer das súas, e a noite – ás oito e media xa é moita noite-, convida máis a recluírse na casa, que a andar a debater e compartir ideas sobre a economía que precisa a nosa cidade. Ou mellor, a que precisamos todas e todos nós: unha economía social e local.

_MG_9569

Logo dalgunhas dúbidas momentáneas, a Marea comeza a medrar como o fan as mareas: sen présas, mais con determinación. Pode que animada polo preto que temos o noso particular “Palacio de Inverno”… o edificio do Concello que vemos ao final da rúa, ese que ocuparemos nuns poucos meses.

Esta Marea ten algo de clandestino, ou polo menos, parécemo. Talvez pola imaxe que compomos unhas ducias de persoas tomando -con nocturnidade e aleivosía- o portal dun mercado ferido de morte e invadido por un supermercado. Talvez porque, en poucos metros ao redor, hai outras dúas xuntanzas de xentes falando tamén de transformar esta realidade que nos toca vivir.

Moitas mentes anónimas conspirando ao tempo: non podemos perder.

_MG_9706

 

 

 

 

Smart City?

Se o pensamos un anaco, o que pedimos non é tanto: apenas unha economía ao servizo das persoas, e non do capital, na que poidamos participar as xentes do común. Pero claro, vimos dun xeito de facer política -no pasado, e no presente- que camiña polo camiño contrario, animando os grandes proxectos do gran capital, para facer unha grande smart city. Unha cidade viva, wapa e moderna. 

Unha cidade tola, na que temos un macrocentro comercial por cada 20.000 habitantes. Unha cidade escaparate cun tranvía morto, cun Millenium morto, cun Paseo do Parrote morto. Unha cidade colapsada cada pouco polos grandes eventos. Unha cidade que segue na lama da “cultura do pelotazo”, esa que serve para garantir os beneficios dos menos.

Entrementres, as tendas dos barrios e os mercados tradicionais afogan, as cooperativas non poden terminar de nacer, e millares de veciños e veciñas teñen que traballar en precario, ou fuxir na procura de cidades verdadeiramente grandes.

_MG_9613sec2

 

O pequeno é fermoso

E se non queremos ser grandes? “O pequeno é fermoso”, di Alfonso.

E agroman nas voces mareantes unha chea de propostas como pingas de choiva: das xentes pequenas para as xentes pequenas. Remunicipalizar servizos; auditar as contratas públicas desde a sociedade; recuperar os mercados; pór en marcha un código ético para as compras públicas; dar vida a feiras de produtos locais e ecolóxicos; apoiar as cooperativas; dinamizar a economía dos barrios e non a dos centros comerciais; banca ética; orzamentos participativos; renda básica...

 

Agora si chove a cachón. Sobre mollado.

Marchamos, tan lentamente como chegamos -si, como as mareas- e coa cabeza ben cargadiña de soños deses dos que se poden cumprir. E eu non paro de pensar naquela frase de Galeano… como era?

Ah, si. “Moita xente pequena, de lugares pequenos, pode cambiar o mundo”.

 

_MG_9707

Have your say