Mareas

DSC_0320 (1)

crónica | II Marea da Mobilidade

POR MARCIAL BLANCO

II MAREA DA MOBILIDADE: TEIMANDO NA ACCESIBILIDADE

 

O martes 28 de outubro tiñamos unha nova cita na Marea da Mobilidade. Queriamos afondar nos problemas que se atopan para desprazarse as persoas con dificultades na mobilidade. Para iso previamente contactamos con un amplo número de asociacións defensoras dos dereitos destes colectivos, presentándolles a Marea Atlántica e a propia Marea da Mobilidade.

Puxemos unha data e pensamos en facer a reunión nun local, que nos permitise centrarnos e estar cómodas. A Cooperativa de Consumo Responsable Zocamiñoca cedeunos amablemente o seu local de reparto, polo que tan só faltaba lanzar a convocatoria.

E o noso querido e eficaz grupo de Comunicación pasou a acción, coa difusión polas redes sociais. Pola nosa parte, intentamos que estas asociacións invitasen ás súas integrantes a participar desta marea.

DSC_0322

E chegamos ao local de Zocamiñoca. O espazo estaba preparado e uns carteis na entrada anunciaban o evento. Finalmente a asistencia foi menor da esperada, acudindo as habituais integrantes da Marea de Mobilidade e algunha persoa que a título individual acudía específicamente a esta marea. En total unhas 15 asistentes. 

Empezamos presentando de novo a Marea Atlántica, e tamén por qué nós participamos dela. E continuamos por explicar a Marea da Mobilidade e as nosas motivacións para convocar esta marea específica.

As asistentes escoitaban con atención as explicacións, mentres pouco a pouco chegabamos ao tema central da reunión: identificación de problemas ao desprazarse das persoas coa mobilidade reducida e proposta de posibles medidas de actuación para mellorar a accesibilidade da cidade.

Beirarrúas sen a correspondente baixada ou construída de xeito deficiente, escaso tempo de tránsito para cruzar a rúa nalgúns semáforos, aparcamentos ilegais en zonas que taponan o acceso, dificultades no uso do autobús urbano, excesivo prezo dos taxis adaptados, lastras, rúas estreitas, terrazas ou marquesiñas que impiden o paso…

DSC_0320 (1)

Moito aprendemos… converténdose en indignación cando somos conscientes das grandes dificultades ás que se enfrontan día a día as persoas coa mobilidade reducida, á vez que comprendemos o pouco que se escoita a súa voz ou reclamacións.

E tamén aparecen cidades dignas de destacar, por ser referencia na accesibilidade, como Ávila ou Barakaldo. Haberá que investigar os plans levados a cabo por eses Concellos, xa que moito temos que aprender de quen fixo as cousas ben. 

E rematamos o evento, mais pola hora, que non porque nos faltaran as ideas para continuar debatendo.

Ofrecemos a posibilidade de seguir contribuíndo á Marea da Mobilidade ás asistentes, e imos pouco a pouco saíndo do local, conversando, compartindo. De regreso a casa… unhas en coche, outras en bici, en bus, camiñando ou en cadeira de rodas… porque todas nos desprazamos e todas temos dereito a chegar comodamente aos nosos destinos.

IMG_20141028_215601991

 

Have your say