Saltar ao contido

Por XIAO VARELA

Marea por outro Urbanismo, «A cidade por e para quen a habita».

_MG_3509

A imaxe era potente: máis dun cento de persoas reunidas para falar doutra cidade, de como facela xuntas. Na explanada da Dársena, ao carón da Casa do Concello, xuntas ao redor dun punto azul que representaba naquel momento e de maneira exemplar, o verdadeiro espazo da soberanía popular.

Cando Serafín, unha persoa que ronda os 90 anos colleu o micro para recordar que pisábamos os antigos varadeiros do Parrote, sabía o que dicía, sabía que ese espazo que compartiamos simbolizaba a deriva desta cidade das últimas décadas. A dunha cidade de espazos deseñados para o turismo e o consumo onde a historia non é memoria viva, senón unha caricatura de si mesma.

Abríu o debate Iago Carro, debullando a cidade que vivimos, os seus horrores e as súas esperanzas, horrores que falan dunha cidade de xestión corrupta, atenta ao negocio dos intereses privados, que esquece a súa historia e destrúe o seu patrimonio natural e arquitectónico, unha cidade insolidaria que saca ás persoas das súas vivendas cando alberga miles delas baleiras; unha cidade que aínda así abriga esperanzas baseadas en experiencias exitosas sustentadas pola iniciativa cidadá, dende a economía social e o consumo consciente practicado polas xentes da cooperativa Zocaminhoca á defensa da memoria e o patrimonio do Proxecto Cárcere, pasando por iniciativas de soberanía alimentar e desenvolvemento rural como o das Hortas Urbanas do Val de Feáns, ou o compromiso e solidariedade das persoas que loitan por unha Cidade libre de desafiuzamentos.

_MG_3547

O debate animouse despois con distintas intervencións que tocaron moitos temas con voces diversas, falaban de como facer máis permeable a xestión da cidade á participación social, de como elevar ao ámbito Municipal o poder popular, pero sobre todo falaban dunha cidade onde as persoas teñan a posibilidade de opinar e decidir.

Palpábase a ilusión, o desexo de cidade, notábase a sensación de que o momento é propicio, de que o contexto sociopolítico pode permitir, a través da responsabilidade das persoas que compartimos esta Cidade e que pensamos no ben común, que recuperemos e melloremos aquelo que non se debería de ter perdido.

parrote

Crónica | A cidade por e para quen a habita