Saltar ao contido

Esixímoslle ao PP e ao PSOE que rectifiquen, condenen as ameazas e insultos que se lanzaron no Pleno contra o alcalde da Coruña e se desmarquen das mentiras dos últimos días en relación á alfombra floral do Rosario

O acontecido este 8 de outubro no Pleno do Concello da Coruña non debera repetirse nunca. Escenas de odio e irracionalidade, ameazas e insultos cara a representantes públicos e negación do diálogo, nas antípodas dunha sociedade democrática. Desde a Coordinadora da Marea Atlántica trasladamos todo o noso apoio ao alcalde e ao goberno municipal ante estes ataques, celebrados con risos desde a bancada do Partido Popular e alentados publicamente por destacados militantes do PSOE con feroces difamacións. No peor dos momentos, unha muller, a berros, aseguraba deixar “flores para a tumba” do alcalde.

 

O acontecido coa retirada da alfombra floral do Rosario foi un lamentable erro do servizo de limpeza, que non merecían as persoas que traballaron nela con agarimo, nin a veciñanza da Cidade Vella, nin a da Coruña. Pero foi un erro asumido pola empresa concesionaria no mesmo 7 de outubro, nun comunicado que di literalmente: “Ferrovial Servicios en ningún momento recibió indicaciones por parte del Ayuntamiento de A Coruña para retirar la alfombra”. Por este erro o alcalde, a concelleira de Medio Ambiente e o goberno municipal no seu conxunto xa pediron desculpas, a pesar de non ser responsabilidade directa súa.

A situación está moi clara, pero houbo quen se empeñou en enlamala. Desde o 7 de outubro asistimos a unha (outra) campaña de incitación do odio, centrada en acusar a Xulio Ferreiro de mentir e ser o cerebro maligno que ordenou a destrución da alfombra. A mesma alfombra que foi sufragada polo Concello como parte dun convenio de colaboración coa asociación que a realiza, Faro de Monte Alto.

A difusión da mentira

O argumento, que non resiste un mínimo contraste coa lóxica, foi repetido e fomentado por certos medios de comunicación e por representantes políticos do PP e do PSOE. Coa única intención de poñer en problemas ao goberno da Coruña, sen importar a verdade e sen medir as consecuencias. Unha vez máis, vertéronse acusacións gravísimas cunha lixeireza que asusta, e cunha irresponsabilidade impropia de representantes políticos.

Instamos, polo tanto, á portavoz do Partido Popular, Rosa Gallego, e sobre todo ao voceiro do PSOE, José Manuel García, a rectificar aos seus compañeiros e a desmarcarse dos insultos e ameazas lanzados onte contra o alcalde. Polo ben da convivencia na Coruña, pregámoslles que poñan fin a este lume de odio e crispación que tan alegremente axudaron a prender unicamente con fins electoralistas.

Desde que en maio de 2015 se abriu á cidadanía, o Salón de Plenos de María Pita acolleu reivindicacións de toda clase de colectivos, desde a Policía Nacional ao Movemento en Defensa das Pensións, desde asociacións veciñais a Stop Desafiuzamentos. Nunca se vivira o nivel de violencia e ameazas que tivo lugar onte, e nunca debera repetirse.

A Marea Atlántica respalda ao goberno da Coruña fronte á campaña de odio e crispación lanzada pola oposición