Saltar ao contido

Representantes dos concellos de Barcelona, Valencia, Madrid, Santiago, Ferrol, Zaragoza, Cádiz, Oviedo, Pamplona, Badalona e A Coruña participaron nunha concentración contra o terrorismo, a islamofobia e os conflictos bélicos

Xulio Ferreiro deu lectura ao manifesto No en nuestro nombre, contra a guerra, a islamofobia e o terrorismo

As cidades do cambio deixaron hoxe claro na Coruña a súa aposta pola paz, contra a islamofobia e o terrorismo. Os representantes dos gobernos que acudiron ao encontro de Cidades Polo Ben Común, participaron nunha concentración na Praza de María Pita para reclamar que a guerra e os bombardeos non sexan a resposta aos atentados terroristas que sufriron hai pouco París e outras cidades do mundo. Xunto a varios centos de persoas, os alcaldes de alcaldesas da Coruña, Xulio Ferreiro; Barcelona, Ada Colau; Valencia, Joán Ribó; Santiago de Compostela, Martiño Noriega; Ferrol, Jorge Suárez; e Zaragoza, Pedro Santisteve, tomaron parte nesta concentración na que tamén estiveron representados Oviedo, Badalona, Pamplona e Cádiz.

CidadesBenComún4Neste acto, Xulio Ferreiro deu lectura ao manifesto No en nuestro nombre, no que se lembra que “se a resposta á barbarie pasa por suspender dereitos, recortar liberdades e encerrarnos en casa, a vitoria do terrorismo será total”. O alcalde da Coruña, un dos primeiros asinantes deste manifesto, prestou a súa voz para reclamar “que a democracia, os Dereitos Humanos e a aspiración a unha paz con xustiza non son un camiño nin unha moeda de cambio para nada, senón que constitúen en si mesmos o camiño e o horizonte, ademais da mellor resposta contra quen queren acabar con eles. Por iso opómonos drasticamente a calquera resposta ao odio que implique máis odio, máis intolerancia, máis mortes de inocentes e menos dereitos e liberdades”.

Para Joán Ribó, alcalde de Valencia, a concentración valeu para “manifestar o noso rexeitamento aos aires de guerra que volvemos percibir en Europa. A guerra non amaña os problemas do terrorismo, e xa o comprobamos no pasado. É necesario abordar outras respostas, como cortar os mecanismos de financiamento dos grupos terroristas e apostar pola multiculturalidade nas nosas cidades”

Pola súa banda, Pedro Santisteve lembrou que as reclamacións da convocatoria de hoxe xa estaban presentes no manifesto das Cidades Refuxio, asinado tamén pola Coruña. “Vivimos unha situación de emerxencia humanitaria, causada por unhas guerras alumeadas polos intereses de ver quen controla o petróleo. Nós, en lugar de gastar millóns en valados e blindaxe das fronteiras, preferimos atender ás refuxiadas. Encarnamos outra visión, na que destaca a solidariedade entre os pobos”.

A da Coruña foi unha das moitas concentracións que se celebraron hoxe en todo o Estado, nas que milleiros de persoas manifestaron o seu rexeitamento a calquera conflito armado. Contra as súas guerras, contra o terrorismo e a islamofobia.

Concentración contra as súas guerras. Non no noso nome