Código Etico

Código Ético. Proposta de consenso.

Proposta de consenso para a Marea Alta
subscrita polos seguintes equipos:

Descargar pdf

Sen nome

Alberto Lema (Grupo de Traballo de Relato), Antón Pérez (Grupo de Traballo de Produción, Loxística e Financiamento), Moncho Rodríguez (Grupo de Traballo de Produción, Loxística e Financiamento), Manuel González (Marea da Cidade Vella) e Alfonso Mascuñana (Grupo de Traballo de Relato e Grupo de Traballo de Mediación)

Pola Unidade Atlántica

Silvia Cameán Calvete (Grupo de Traballo de Produción, Loxística e Financiamento), René Gamborino Amaro (Grupo de Traballo de Relato e Análise), Alicia Alonso García (Marea de Feminismo), Juan Sebastián Pirola Lorenzo (Grupo de Traballo de Comunicación) e Alejandro Voces Teixeira (Marea de Mocidade)

Mar de Fondo

Benedito Álvarez García (Grupo de Traballo de Relato), Sandra García Rey (Grupo de Traballo de Comunicación), Rocío Fraga Sáenz (Marea Feminista), Miguel Garea Garea (Grupo de Traballo de Apertura), Aníbal Ledo Patão (Grupo de Traballo de Produción).

A Coruña, 4 de febreiro de 2015

Introdución

Entre os principios esenciais que configuran a acción política da Marea Atlántica ten un lugar sobranceiro a autoesixencia dun compromiso ético na acción institucional. Segundo tal declaración de principios, a Marea Atlántica persegue outra maneira de facer política, da xente e para a xente; de maneira limpa e transparente. Esta proposta de Código Ético pretende concretar os compromisos alí establecidos e asumidos por toda a Marea Atlántica.

Non cabe dúbida de que unha das razóns que nos levou a impulsar e a participar na Marea Atlántica foi a vaga de corrupción que asola as institucións do Réxime do 78, e que forma parte da súa estrutura e da súa forma de goberno. Fronte a este sistema corrupto e esclerotizado, do que xa nada podemos agardar, nós pretendemos demostrar que outra forma de facer política é posíbel. Unha forma de facer política que sitúa a acción institucional como un compromiso de servizo público sobre a base dos desexos compartidos. Non entendemos o acceso aos cargos de representación como unha carreira profesional nin como un xeito de vida. Cremos na cidadanía gobernándose a si mesma, e por isto a proposta de Código Ético que presenta o equipo Mar de Fondo recolle unha serie de medidas para evitar o afastamento entre representantes e representados/as, e para asegurar que as persoas que acceden aos cargos públicos o fan cunha profunda vocación de servizo e non para cubrir unicamente aspiracións persoais. Só un compromiso ético que minimice as posibilidades de corrupción asegurará que as institucións son postas ao servizo da cidadanía.

As medidas que propoñemos nesta proposta van nesa dirección. Por unha banda, tentamos evitar o distanciamento entre os responsábeis institucionais e o resto da cidadanía propoñendo unha limitación estrita de mandato e unha limitación salarial que supón máis dun terzo de rebaixa sobre as actuais retribucións establecidas no Concello da Coruña, ao que se acompaña a prohibición de recibir percepcións económicas máis alá do salario como representante. Ademais, a Marea Atlántica comprométese a rebaixar nun 50% o custo económico do goberno municipal, reducindo non só as retribucións dos cargos e persoal eventual senón tamén o seu número.

Establecemos tamén medidas preventivas da corrupción, como as relativas a evitar os conflitos de intereses e outras situacións que poden provocar o desvío dunha correcta actuación política, facendo especial fincapé nas relativas á transparencia, que lle permitirán á cidadanía controlar calquera exceso por parte dos representantes institucionais da Marea Atlántica.

Pretendemos, en definitiva, un exercicio humanizado da política, onde os nosos representantes e as nosas representantes se comporten e vivan como persoas normais, compatibilizando as súas vidas familiares e persoais coa acción política, e sen esquecer en ningún momento en defensa de quen están actuando: ao servizo das maiorías sociais, ao servizo do 99%.

1. Renovación

a. Permanencia no cargo1

Os cargos electos da Marea Atlántica, así como o persoal de confianza e cargos directivos, exercerán as súas responsabilidades durante un máximo de oito anos, o equivalente a dous mandatos completos. Dita limitación afecta aos mandatos tanto alternos como consecutivos2. Despois deste período deberán regresar á súa actividade profesional un mínimo de cinco anos. A Marea Atlántica e os cargos saíntes, sen remuneración engadida de ningún tipo, favorecerán a formación e facilitarán a transmisión de coñecementos para garantir a renovación. Ditos criterios son invariábeis, aínda acadando cotas de goberno3.

2. Transparencia

a. Datos públicos4

Os cargos electos da Marea Atlántica, así como o persoal de confianza remunerado con fondos públicos e os cargos directos de designación política, farán públicas cada ano, a comezar polo intre da súa toma de posesión, as súas declaracións de bens, renda e, no seu caso, de patrimonio. Este compromiso estenderase durante tres anos despois do abandono, calquera que fose a causa, das súas responsabilidades. No caso das declaracións de bens precisarase a porcentaxe de titularidade dos bens, así como a identidade das outras persoas cotitulares (con iniciais, no caso de non obter consentemento) e o réxime da relación con ditas persoas.

b. Datos públicos vinculados ao cargo5

Os ingresos dos cargos electos da Marea Atlántica, así como o persoal de confianza e cargos directivos, serán transparentes e accesibles. Calquera cidadán poderá, ademais, coñecer periodicamente todos os ingresos e gastos do Grupo Municipal da Marea Atlántica, estea na oposición ou teña responsabilidades de goberno.

Ademais, todos estes datos deben ser publicados anualmente. O balance de gastos e ingresos do Grupo Municipal, con carácter trimestral.6

3. Responsabilidade

a. Límites ao salario do grupo municipal7

A Marea Atlántica reducirá nun 50% do custo total das retribucións do goberno municipal, cargos directivos e persoal de confianza e nunha terceira parte a actual retribución do goberno municipal (un 40 % no caso da alcaldía).

As retribucións fixaranse en función do nivel de competencia e dedicación, sen que en ningún caso a retribución anual bruta supere os 40.000 euros, equivalente a uns 2.100 euros netos ao mes.

A Marea Atlántica, ademais, habilitará os mecanismos necesarios para erradicar o absentismo dos seus representantes.

b. Retribucións excluídas do salario8

Os cargos electos da Marea Atlántica, así como o persoal de confianza e cargos directivos, sempre que teñan réxime de dedicación, renunciarán a calquera tipo de privilexio derivado das súas responsabilidades, incluídas as primas por asistencia a outros órganos e o emprego inxustificado de vehículos oficiais, equiparándose en materia de dereitos e obrigas a calquera traballadora. Poderán recibir compensacións económicas, en todo caso, polos gastos en transporte —preferentemente público—, alimentación e aloxamento ocasionados pola súa actividade.

c. Outros criterios de responsabilidade9

Os cargos públicos da Marea Atlántica comprométense a render contas periodicamente —de maneira presencial e virtual— e a obedecer a vontade popular expresada nos espazos de participación democrática que se articulen, non só nos que existen na actualidade. Empregarán, ademais, o diálogo, a argumentación, a escoita activa e o debate de ideas, tanto en campaña electoral como no exercicio das súas responsabilidades públicas, para promover as súas propostas.

Os representantes da Marea Atlántica comprométense tamén a garantir a participación da cidadanía nas decisións relevantes ou que teñan un impacto significativo a nivel urbanístico, ambiental ou social. Así mesmo, impulsarán as iniciativas cidadás que se propoñan a través dos mecanismos contemplados na legalidade vixente ou aqueles outros que se implementen no futuro.

As axendas dos cargos públicos da Marea Atlántica, así como as ordes do día e os informes que dean conta do seu desenvolvemento, serán públicas e accesíbeis, aínda que por razóns de seguridade non sempre en tempo real.

A Marea Atlántica e os seus representantes reducirán de maneira significativa o gasto electoral, limitarán as doazóns privadas e procurarán xestionar os seus recursos a través de entidades de economía social e solidaria ou cun alto grao de responsabilidade social. Favorecerán, ademais, o micromecenado finalista, con obxectivos claros e transparentes.

Os ingresos institucionais da Marea Atántica deberán servir tamén para favorecer a auto-organización e o empoderamento cidadán e as loitas sociais, sempre que non se xere dependencia ou clientelismo.

Os cargos electos da Marea Atlántica, así como o persoal de confianza e cargos directivos, renunciarán a calquera regalo, privilexio ou trato de favor que reciban en función do seu cargo. Ademais de rexeitalos e devolvelos, no seu caso, a non aceptación destes regalos ou tratos de favor farase pública de maneira inmediata e explícita.

A Marea Atlántica fará públicos os criterios que avalen a contratación de cargos ou postos de libre designación.

Os representantes da Marea Atlántica comprométense a combater o despilfarro de recursos e fondos públicos no exercicio das súas funcións.

Os cargos electos e directivos da Marea Atlántica non disporán, en ningún caso, de contas bancarias ou intereses económicos en paraísos fiscais.

A Marea Atlántica comprométese a facilitar a conciliación da vida política e laboral dos seus cargos electos, así como do persoal de confianza e os cargos directivos, axudando no posíbel á súa reinserción na vida laboral unha vez abandonadas as súas responsabilidades, así como a facilitar a conciliación entre a vida familiar e a política.

Os cargos electos da Marea Atlántica, así como o persoal de confianza e cargos directivos, comprométense a promover a igualdade no exercicio das súas funcións, combatendo calquera forma de racismo, xenofobia ou discriminación por razón de xénero ou orientación sexual, así como a favorecer a participación política das mulleres e das persoas con diversidade cultural, funcional e afectivo-sexual.

Os cargos electos da Marea Atlántica, así como o persoal de confianza e cargos directivos, explicitarán calquera conflito de intereses no desempeño das súas funcións e absteranse de intervir en calquera deliberación ou toma de decisións cando concorran estas circunstancias.

Os cargos electos da Marea Atlántica, así como o persoal de confianza e cargos directivos, comprométense a non neutralizar nin debilitar as institucións ou a actividade dos movementos sociais e a cidadanía organizada.

Os cargos electos da Marea Atlántica comprométense a coñecer a lingua galega e a empregala de maneira preferente nas súas intervencións públicas.

4. Compatibilidades10

a. Réxime de incompatibilidades

Os representantes da Marea Atlántica non poderán ocupar máis dun cargo político na Administración, agás cando llelo esixan as súas responsabilidades como concelleiros/as. Cando así sexa, non acumularán remuneracións.

b. Incompatibilidade profesional11

Non poderán ser cargos electos ou de designación política da Marea Atlántica as persoas que incorran nun conflito de intereses entre as súas responsabilidades públicas e a súa actividade profesional, calquera que esta fose, respectando en todo caso a normativa legal de incompatibilidades.

c. Incompatibilidades políticas12

Os cargos electos da Marea Atlántica, así como o persoal de confianza e cargos directivos da Marea Atlántica son incompatibles co desempeño de cargos ou responsabilidades orgánicas nas organizacións políticas e sindicais.

d. Control das “portas xiratorias”13

Os cargos electos ou de designación política da Marea Atlántica comprométense a non prestar servizos para empresas contratistas ou concesionarias relacionadas coas funcións nas que exerceu no Concello da Coruña durante un prazo mínimo de tres anos desde o cesamento no cargo público. Así mesmo, comprométense a non acceder, durante un periodo de cinco anos, a cargos de responsabilidade en empresas creadas, reguladas ou supervisadas en virtude do seu cargo, e durante dez anos tampouco aos seus consellos de administración.

A Marea Atlántica publicitará a situación laboral e/ou profesional dos cargos, así como as súas declaracións da renda e, no seu caso, patrimonio, durante os tres anos posteriores ao abandono das súas responsabilidades.

5. Mandato

a. Mandato de permanencia14

Os cargos electos da Marea Atlántica comprométense a non abandonar as súas responsabilidades para concorrer a outra convocatoria electoral durante o mandato.

b. Motivos de renuncia15

Os cargos electos da Marea Atlántica, así como o persoal de confianza e cargos directivos, poderán ser revogados pola cidadanía ou polos órganos correspondentes da Marea Atlántica, seguindo os mecanismos que a tal fin se habiliten, no caso de violación deste Código Ético ou de incumprimento grave e non xustificado do programa electoral. Ademais, aqueles comprométense a renunciar de forma inmediata ante a imputación xudicial de delitos relacionados con corrupción, prevaricación, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno e malversación e apropiación de fondos públicos, sexa por interese propio ou para favorecer a terceiras persoas. Tamén no caso de imputación xudicial por delitos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia ou outros delitos ecolóxicos ou contra os dereitos humanos ou os dereitos das persoas traballadoras.

Entenderase por imputación xudicial a existencia dunha resolución motivada onde un xuíz estime a existencia de indicios racionais de delito.

Non será causa de dimisión ou cesamento a imputación resultado dunha actuación política expresa e previamente autorizada pola Marea Atlántica.

Cláusula de vixencia e actualización

Este Código Ético permanecerá vixente durante un mandato completo e non poderá ser alterado durante este periodo. Ao termo deste prazo, a asemblea xeral (Rede) poderá iniciar o procedemento correspondente para a súa actualización.


1Resposta á pregunta 1a do Guión-Marco.

2Resposta á pregunta 1b do Guión-Marco.

3Resposta á pregunta 1c do Guión-Marco.

4Resposta ás preguntas 2a e 2b do Guión-Marco.

5Resposta á pregunta 2c do Guión-Marco.

6Resposta á pregunta 2d do Guión-Marco.

7Resposta á pregunta 3a do Guión-Marco.

8Resposta á pregunta 3b do Guión-Marco.

9Resposta á pregunta 3c do Guión-Marco.

10Resposta á pregunta 4a do Guión-Marco.

11Resposta á pregunta 4b do Guión-Marco.

12Resposta á pregunta 4c do Guión-Marco.

13Resposta á pregunta 4d do Guión-Marco.

14Resposta á pregunta 5a do Guión-Marco.

15Resposta á pregunta 5b do Guión-Marco.

Have your say