Deputación

Dicorunaç

Cláusulas sociais nos contratos da Deputación: Insuficientes

As deputadas da Marea abstivéronse na votación da proposta. “Non vai lonxe abondo, e desatende cuestións como o coidado dos dereitos laborais”, asegurou Daniel Díaz Grandío

A plataforma cidadá tamén presentou unha moción para reclamar a retransmisión dos plenos da institución provincial, que foi aprobada

No pleno da Deputación da Coruña, celebrado o 30 de decembro, as tres deputadas da Marea Atlántica abstivéronse na votación do proxecto de inclusión de cláusulas sociais nos contratos da institución provincial, por considerar que, aínda que supoñen un avance, son insuficientes para o momento de emerxencia social que estamos a vivir. Hai que lembrar que este borrador, aprobado hoxe cos votos da maioría do pleno, desenvolveuse grazas a unha moción presentada pola Marea o 5 de novembro, instando ao goberno a mellorar o clausulado social nos contratos públicos tal e como fixo o Concello da Coruña.

Porén, o proxecto que finalmente se presentou foi pouco ambicioso. A Marea Atlántica propuxo varias emendas na liña da moción inicial, que foron rexeitadas. Nelas establecíase que a contratación de persoas desempregadas e o respecto dos convenios colectivos sexan criterios a ter en conta nas ofertas presentadas polas empresas para facerse un contrato público .

Ademais, as emendas ampliaban o requirimento de xustificar os prezos das ofertas presentadas -que xa estaba incluído no borrador do goberno provincial- para penalizar a aqueles candidatos que abaraten custos mediante a redución dos salarios dos traballadores por baixo do convenio.

Daniel Díaz Grandío, voceiro da Marea Atlántica na Deputación, criticou que “o goberno do PSOE e o BNG non vai lonxe abondo coa súa proposta, especialmente no que se refire ao coidado dos dereitos laborais. As nosas mocións ao respecto foron desatendidas, así que non podemos darlle o noso apoio a este proxecto”.

Retransmisión dos plenos

Doutra banda, a Marea Atlántica presentou unha moción para reclamar a emisión en directo dos plenos da Deputación a través de internet, que foi aprobada cos votos a favor de todos os grupos do pleno agás o PP, que optou pola abstención pese a que o seu portavoz, Carlos Negreira, apoiou a medida na súa intervención oral.

No texto, insta ao goberno provincial a fornecer os medios técnicos necesarios para ofrecer vídeo en streaming das sesións plenarias e a darlles cobertura aos plenos a través das redes sociais, narrando as intervencións dos e das deputadas.

Tamén se solicita a publicación na páxina web da Deputación da orde do día dos plenos, e a habilitación dun espazo para aloxar as gravacións dos plenos, para que a cidadanía poida consultalas en diferido.

Como explicou a deputada Claudia Delso, “a transparencia é un principio que nos achega a unha política máis ética, eficiente e inclusiva. Nesta institución tomamos decisións que afectan aos 93 concellos desta provincia e á súa cidadanía, polo que deberíamos facilitarlles o acceso ao noso traballo. As novas tecnoloxías ofrécennos a posibilidade de facelo sen necesidade de grandes investimentos, polo que é a nosa responsabilidade aproveitalas”.

Have your say