Saltar ao contido

O grupo confederal Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea presentou unha proposición de lei para derrogar esta norma, recuperar a autonomía municipal e rematar coas privatizacións forzosas

A Marea Atlántica, xunto a iniciativas municipalistas de todo o Estado, presta o seu apoio a esta iniciativa para construír unha administración local máis próxima á xente

Esta mañá, no Congreso dos Deputados, o Grupo Parlamentario Confederal Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea presenta unha Proposición de Lei para solicitar a derrogación inmediata da Lei Montoro (Lei 27/2013, de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local). Tal e como explicou o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presente hoxe en Madrid, “trátase de poñer de manifesto as barreiras que ten a administración para prestarlle servizos á cidadanía. Non podemos contratar a dez persoas para servizos sociais, pero si externalizar a xestión por ducias de millóns de euros. Non ten sentido”.

A proposta vai máis alá da derrogación da Lei Montoro, e senta as bases para abrir un proceso participativo onde os concellos e a sociedade traballen xuntos por unha nova municipalidade: con novas competencias, cun novo financiamento e con garantías para salvagardar os dereitos da cidadanía.

A proposición de lei presentouse publicamente nunha rolda de prensa na que participaron a deputada Auxiladora Honorato, impulsora da iniciativa, os alcaldes da Coruña e Zaragoza, Xulio Ferreiro e Pedro Santisteve; as voceiras dos concellos de Madrid e Barcelona, Rita Maestre e Gerardo Pisarello; e o concelleiro de Facenda de Cádiz, David Navarro.

Tres anos coa autonomía secuestrada

Como explicou Auxiliadora Honorato, “a Lei Montoro leva tres anos secuestrando a autonomía dos concellos. É tempo de poñerlle freo. Coa nosa proposición de Lei, queremos darlle a volta a tres condicións perversas desta lei: devolver as competencias municipais subtraídas, recuperar o consenso na defensa da autonomía local, e rematar coas privatizacións forzosas que levan a malgastar os cartos públicos”. Segundo o Tribunal de Contas, a externalización de servizos municipais supón un incremento medio do 22% no caso da auga, e do 71% na limpeza.

29479825353_e5e41b02b5_kXulio Ferreiro quixo “poñer de manifesto as barreiras que ten a administración para prestarlle servizos á cidadanía. Hai medidas que nos demanda a veciñanza, pero que non podemos poñer en marcha porque o impide a lei”. E sinalou que “a teima co control do gasto municipal carece de sentido. Os municipios son responsables dunha ínfima parte do déficit público, e os casos máis graves están moi concentrados en concellos que estaban gobernados polo PP, como Madrid”.

Por mor da Lei Montoro, engadiu Ferreiro, “estamos obrigadas a xestionar os concellos e as empresas públicas coa lóxica perversa do beneficio, en lugar de poder centrarnos en garantir os dereitos da cidadanía”. De aí que xurda esta iniciativa para recuperar o consenso sobre a autonomía local e comezar a construír unha administración local máis pegada á cidadanía, un proceso no que tamén deberíamos repensar o papel das deputacións”.

Gerardo Pisarello lembrou que a Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local, en realidade, “foi unha lei de asfixia municipal e demolición dos servizos públicos. En nome do principio de estabilidade financeira, forzou privatizacións contrarias ao interese xeral, impediu a contratación de persoal para manter servizos tan básicos coma as escolas infantís ou as axudas de vivenda”. Sinalou, tamén que o Tribunal Constitucional ten derrogado xa partes da Lei Montoro por violar a autonomía municipal, e que máis de 3.000 concellos declaráronse contrarios a esta norma -o da Coruña entre eles-.

Pola súa banda, Pedro Santisteve sinalou que “Os concellos do cambio estamos demostrando que somos quen de unirnos para defender os dereitos sociais, e estámolo facendo cunha eficiente xestión dos concellos, pese á situación de asfixia económica que nos atopamos. Non imos consentir chantaxes por vía da lexislación do Goberno central”.

Xestionar para a xente, e a pesar da lei

Na mesma liña, Rita Maestre lembrou que A Coruña, Valencia, Santiago de Compostela, Cádiz, Zaragoza, Madrid ou Barcelona, “entre outras cidades gobernadas por candidaturas cidadás, foron quen nun ano de reducir a débeda herdada, xestionar eficazmente e aumentar o investimento en políticas sociais. E fixémolo a pesar dun marco lexislativo hostil. Xa é hora de ter unha lexislación estatal que poña no centro as necesidades da cidadanía, e iso é o que presentamos hoxe”.

Finalmente, David Navarro, denunciou que “se o PP xa nos deu unha Lei Mordaza, o que estamos a denunciar hoxe é unha Lei Grilletes, que ata aos concellos de pés e mans. Hoxe denunciamos esa situación de completo bloqueo, na que os municipios cada día asumen máis competencias pero teñen menos recursos e menos capacidade de decisións sobre como investilos. É hora dun cambio de rumbo”.

29812015190_7dbd0886e2_k

Previamente, tivo lugar un encontro no Congreso, no que estiveron presentes Pablo Iglesias, secretario Xeral de Podemos, Íñigo Errejón, portavoz parlamentario de Unidos Podemos; Xavier Domènech, portavoz de En Comú Podem; Alexandra Fernández, portavoz de En Marea; Alberto Garzón, portavoz de Izquierda Unida; Xulio Ferreiro, alcalde de A Coruña; Pedro Santisteve, alcalde de Zaragoza; Enric Pla Vall, alcalde de Vinaròs; Gerardo Pisarello, primeiro tenente de alcalde do Concello de Barcelona; Rita Maestre, portavoz do Concello de Madrid; David Navarro Vela, concelleiro de Facenda de Cádiz, Carlos Sánchez Mato, concelleiro de Facenda de Madrid, Armando Cuenca Pina, concelleiro de Pamplona, María Oliver, concelleira de Vivenda de Valencia e Fernando Meirelles, concelleiro de Facenda de Zaragoza.

Cidades con dereitos fronte á Lei Montoro