Saltar ao contido

O luns 19 de febreiro organizamos unha charla con Lolita Chávez, exiliada polo seu traballo contra os abusos das transacionais.  Será ás 20.00 horas na Librería O Fiandón.

Na conversa analizaranse as políticas da oligarquía latinoamericana para criminalizar a protesta social e extraer os recursos naturais a beneficio das minorías máis ricas.

 

A Marea Atlántica organiza o vindeiro luns, 19 de febreiro, unha charla sobre Transnacionais, oligarquía e criminalización da protesta social. O caso de Guatemala, que se celebrará ás 20.00 horas na Librería O Fiandón (rúa San Roque, 11). Nela participará a activista Lolita Chávez Ixcaquic, representante do Consejo de Pueblos K’iche’ de Guatemala, acompañada por Jesús González Pazos, da ONGD Mugarik Gabe; Noelia Darriba, da ONGD Implicadas no Desenvolvemento; e Patricia Ramos, consultora internacional e experta en dereitos indíxenas.

Lolita Chávez, activista indíxena e feminista impulsou directamente denuncias contra o Estado de Guatemala ante a Comisión Interamericana de Dereitos Humanos e contra diversas empresas transnacionais polos seus ataques aos dereitos dos pobos. Por iso, está a ser perseguida e ten que residir fóra do seu propio país.

Pola súa banda, Jesús González é responsable da Área de Pobos Indíxenas da organización de cooperación internacional Mugarik Gabe, e un dos principais autores dun completo informe sobre os abusos das transnacionais en Guatemala, que sinala directamente a empresas españolas como ACS e Hidralia.

Nin un recanto do mundo sen dereitos humanos

A sobrexplotación dos recursos naturais de América Latina, a desposesión das comunidades indíxenas en beneficio das empresas transnacionais e das maiorías ricas, e a criminalización das activistas que loitan contra estas inxustizas son cuestións de enorme importancia no panorama global que, por desgraza, non adoitan estar tan presentes como deberan no debate público e político.

Son inxustizas que nos afectan máis do que pensamos, e reflicten a deriva autoritaria e represiva que tamén estamos a ver no Estado español, e que en Guatemala sufriron especialmente.

Por iso, a Marea Atlántica considera interesante difundir o pensamento de Lolita Chávez e o informe elaborado pola ONGD vasca Mugarik Gabe. O acceso a esta charla é libre até completar aforo.

Recibimos a Lolita Chávez, representante das loitas indíxenas en Guatemala