Novas da Marea

corrala

A Cidade Capitalista, escenario de todas as loitas

O local da Marea Atlántica acolleu a presentación do libro ‘Cartografía de la ciudad capitalista’ do Grupo de Estudios Antropolóxicos La Corrala

Juan Rodríguez: “A cidade é clave para os movementos sociais. Pero agora precisan ir máis alá da resistencia, cara a construción de alternativas. Aí están as candidaturas municipalistas”

 

“As cidades non só son edificios, non só son decorados, as cidades créanas as súas xentes e as formas de relacionarse entre elas. De aí nace a súa singularidade”, conta Juan Rodríguez, do Grupo de Estudios Antropolóxicos La Corrala, que o pasado 3 de xaneiro presentou o libro Cartografía de la ciudad capitalista no noso local. Na charla participaron tamén Iago Carro, do colectivo Ergosfera, e Xoán Mosquera, arquitecto e asesor da Concellaría de Rexeneración Urbana da Coruña.

photo_2017-01-11_13-29-38  Juan Rodríguez lembrou que nas última décadas o centro neurálxico do capitalismo deixou de ser o Estado para trasladarse á cidade, o espazo no que se concentran todos os procesos de acumulación de riqueza: “Vivimos disque en democracia, pero cada vez temos menos capacidade de decidir sobre os nosos barrios”.

Por iso, a cidade é tamén un lugar central para os movementos sociais, que a miúdo agroman como procesos de resistencia contra a especulación urbanística e a privatización do público. “Pero agora necesítase ir máis alá, proxectar esas loitas, non só resistir, senón tamén crear alternativas. E aí están agora todas as experiencias municipalistas, que foron e son unha aposta electoral, pero tamén unha aposta de organización social”.

 

Medran as alturas e a homoxeneidade

photo_2017-01-11_13-29-49Pola súa banda, Xoán Mosquera fixo un repaso ás prácticas urbanísticas desenvolvidas nas últimas décadas da Coruña. Non só desembocaron en denuncias e procesos xudiciais complexos –Someso, Conde de Fenosa– senón que alteraron e homoxeneizaron o espazo público. “Desde o PXOM de 1998 vimos un sistemático aumento de alturas na cidade, que levou a despersonalizar os barrios”.

O arquitecto tamén lembrou que, rematados os anos tolos da burbulla inmobiliaria, “vivimos hoxe unha tremenda presión especulativa para deixar certos terreos públicos en mans privadas. O exemplo máis recente é a Solana, pero tamén o vimos na Maestranza. Logo virán os terreos dos peiraos de Calvo Sotelo e Batería.

 

O Estado, empresario de si mesmo

photo_2017-01-11_13-29-59Na mesma liña, Iago Carro sinalou que “na Coruña son as institucións públicas as que especulan. En lugar de pensar no ben común, compórtanse coma inmobiliarias para sacar cartos dos terreos que posúen”. Aos exemplos citados sumou o do cárcere da Torre ou as trampas da Xunta para expropiar terreos no Ofimático. “Na cidade capitalista, o Estado é empresario de si mesmo”.

Carro fixo tamén unha reflexión sobre a imposición de criterios estéticos, que esconde intereses ben distintos aos que se declaran. “A estética manda. Critícase moito o feísmo polo seu impacto visual. Pero as casas feístas son as que se fan sen hipoteca, nas que a xente gasta o que pode e cando pode, sen atarse aos bancos”.

Se che interesa o tema, podes descargar aquí o libro Cartografía de la ciudad capitalista. Tamén recomendamos botarlle un ollo a esta web, na que se desenvolven novos contidos.

Have your say