Saltar ao contido

Unha conversa aberta entre Catarina Martins, voceira do Bloco de Esquerda de Portugal, a activista ecofeminista Yayo Herrero e Xulio Ferreiro pechou o proceso de renovación interna da Marea Atlántica

 

A Marea Viva 2017-2018 tivo un peche fermoso para semanas de debate, negociación e procura de consenso. Neste 26 de xaneiro, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, a activista ecofeminista Yayo Herrero e a voceira do Bloco de Esquerda portugués, Catarina Martíns,mantiveron unha conversa aberta ante máis de 250 persoas no auditorio da Escola de Náutica, e sementaron ideas e preguntas sobre a feminización da política, os méritos e os límites do traballo nas institucións, e a relación dos gobernos cos movementos sociais e a cidadanía. [Galería de imaxes]

Desde alí Xulio Ferreiro lembrou que “en 2015 deseñamos un espazo común para xente diversa. Para os compañeiros e as compañeiras de Anova, de Podemos, de Equo, de Esquerda Unida —todos eles representados no auditorio de Náutica—, pero tamén para un mundo de xente que non tiña carné nin o quería. E conseguímolo”. Desde entón, a veciñanza “confiou e nós e fíxonos unha encomenda para catro anos”. Agora, engadiu o alcalde,  “chega o momento de dobrar a aposta en 2019. Eu quero que lle botemos outro piso á casa común e lle metamos literas nos cuartos para que entre aínda máis xente diversa. E que a xente confíe aínda máis en nós e nos dea outros catro anos para ir máis alá. Eu voume dedicar a iso, sen deixar a ninguén atrás. Tendes a miña palabra”.

 

Do xesto da paridade ao refuxio dos espazos de coidados

SGR_20180126_marea_viva_G88B3777Unha parte importante da conversa centrouse na necesidade de feminizar a participación política para feminizar a sociedade, un feito que pasa polo reparto igualitario de postos e responsabilidades. Pero que non pode rematar aí.

Como sinalou Yayo Herrero, a feminización é tamén un xeito de comportarse, fuxindo da violencia e o conflito gratuíto: “Hai que crear espazos de participación política onde nos guste estar. Onde nos sintamos ben, coidadas. Espazos de confianza. Só así lograremos levar a participación ás persoas invisibilizadas na política tradicional”.

Pola súa banda, Catarina Martíns defendeu as listas paritarias como unha “ferramenta necesaria”, pero chamou a levar “moito máis alá o compromiso co feminismo, que debe ser transversal nas nosas organizacións”. E lembrou que o Bloco de Esquerda ten unhas fondas raíces no movemento feminista.

 

O papel dos movementos sociais e os límites da institución

A relación dos gobernos e institucións coa sociedade activa foi tamén un eixo central nesta conversa, na que Catarina Martíns lembrou que “o poder político non é suficiente para mudar as cousas, porque existen monopolios estratéxicos como o financeiro que se lle opoñen. Pero chegar as institucións é ter un instrumento para disputar o poder”. A voceira do Bloco de Esquerda considera imprescindible a alianza cos movementos sociais para “darlle capacidade transformadora a quen está no goberno. Todas nós temos que correr por fóra, pero tamén correr por dentro”.

Na mesma liña indiciu Yayo Herrero: “Chegar a gobernar non é abondo, non significa ter o poder. Hai que xerar un contrapoder no fóra para frear á apisonadora neoliberal”. E sinalou o necesario entendemento entre a rúa e os pazos de goberno, pois “quen está na institución non pode deixar de ser vulnerable e de escoitar á xente. E quen estamos fora, temos que coidar a quen está dentro, desde desde o afecto, o respecto e a empatía. Ten que haber un proceso de aprendizaxe mutua”. Tamén animou a “non confundir o público co gobernamental”, pois “a autoxestión é perfectamente compatible co público. Temos que descentralizar e revitalizar os barrios con iniciativas autónomas”.

 

Xulio Ferreiro: “Cando nos queren impoñer a derrota e a tristeza, desobedecer é unha obriga”

SGR_20180126_marea_viva_G88B3873Na súa intervención final, Xulio Ferreiro defendeu que o traballo realizado nestes anos polos gobernos do cambio mudou “institucións indiferentes en institucións próximas. Alí onde prendeu a marea do municipalismo, os concellos convertéronse en institucións de primeira necesidade e última esperanza, na primeira liña de defensa da vida”.

“Somos as mesmas que hai catro anos demos un paso adiante para volvernos protagonistas da nosa propia historia. E iso nin cambiou nin vai cambiar mentres esteamos xuntas”, sinalou o alcalde, para engadir que “as nosas decisións tomámolas nós, coas nosas propias mans. Acertaremos ou nos equivocaremos, pero ninguén vai escoller por nós”.

“Cando nos queren impoñer a derrota e a tristeza, desobedecer é unha obriga. Eu, con vós, escollo esperanza”, finalizou Xulio Ferreiro.

 Votación dos documentos da Marea Viva

SGR_20180126_marea_viva_G88B3666Ata mañá, sábado 27 de xaneiro, as persoas asinantes do Manifesto da Marea Atlántica poderán votar os novos documentos de Código Ético, Forma de Goberno, Programa Participativo, Primarias e Estrutura, que pasarán a definir as bases do funcionamento da organización. Poden consultarse publicamente desde o día 18 de xaneiro.

O proceso da Marea Viva comezou o 15 de decembro e, logo de mes e medio de debates, intercambios e traballo de consenso, cristalizou nos documentos que agora se someten a aprobación, e que nacen dun esforzo de mellora e entendemento entre todas as sensibilidades que conviven na plataforma cidadá.

A Marea Atlántica é unha organización viva e en movemento. As súas normas internas e procedementos non están escritas en pedra, senón en permanente fase de revisión e mellora, un proceso que cristaliza nesta Marea Viva. O que non mudan son os principios e os obxectivos, coa ética como guía para poñer as institucións ao servizo da maioría social.

A Marea Viva remata cun chamamento a reforzar a unidade e a confluencia en 2019