Mareas

Intermodal

O alcalde pídelle á conselleira de Infaestruturas que asine o acordo para axilizar as obras da Intermodal

Xulio Ferreiro envioulle unha carta a Ethel Vázquez na que tamén lle solicita “que faga un esforzo á hora de ofrecer información aos e ás usuarias do transporte interurbano”.

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, enviou hoxe unha carta á conselleira de Infraestruturas da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez, na que lle pìde que asine o acordo marco proposto polo Concello ao goberno autonómico e ao Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), para axilizar as obras da estación intermodal de San Cristóbal. Hai dúas semanas que prometera facelo na xuntanza que as tres administracións mantiveron en Santiago de Compostela.

Na misiva,  Ferreiro deixa claro que o executivo municipal “non ten ningún problema en aceptar as matizacións propostas” pola Xunta, xa que “non afectan en ningún caso ás melloras introducidas polo Concello o pasado mes de abril” nesta infraestrutura, vital para a futura mobilidade metropolitana.

Na reunión en Compostela,  e no que ten que ver coa mobilidade en autobús, a Consellería de Infraestruturas asumiu as propostas de mellora do proxecto formuladas polo Concello da Coruña, reiteradas e sinaladas por escrito xa dende o pasado mes de abril. “Pola nosa parte, o acordo estaría listo para ser asinado esta mesma semana, evitando así máis demoras innecesarias nun proxecto tan importante para a cidade”, apunta o primeiro edil coruñés na carta.

Un convenio para adaltar á Intermodal á Coruña de hoxe

Apunta que unha vez selado o convenio marco, e conforme aos compromisos adquiridos na xuntanza do pasado 18 de outubro, “o Concello presentará un borrador de convenio, para que sexa consensuado e asinado polas tres partes interesadas, Xunta, ADIF e Concello”. O citado convenio substituirá ao que actualmente está en vigor, que data do ano 2009, e se axustará “á realidade actual da cidade”, xa que, por exemplo, é necesario adaptar un novo ordenamento para dar o encaixe urbanístico conveniente á intermodal.

Da mesma maneira, o alcalde require á titular autonómica de Infraestuturas datos da actual  rede  de transporte metropolitano, relativos ás xeografías dos trazados das rutas e ubicación das paradas de transporte público interurbano, ademais de información sobre os tipos de vehículos e capacidade. “O deseño da futura política de mobilidade da nosa área metropolitana está en marcha. Contamos coa colaboración da prestixiosa Axencia de Ecoloxía urbana de Barcelona”, fai notar no escrito o rexedor, que recorda que para eses traballos “son necesarios” os datos dos que dispón a consellería, que xa lle foron requiridos o pasado mes de xullo, “e cuxa urxencia reiteramos formalmente en setembro e outubro”.

 

Todas as alcaldías da área metropolitana reclaman máis información á veciñanza sobre os buses interurbanos.

Noutra orde de asuntos, o responsable municipal tamén recorda á conselleira a necesidade, tal e como se pactou no seu momento, “de fixar unha data para a xuntanza bilateral co conxunto dos alcaldes e alcaldesa da área metropolitana da Coruña”. Por último, o alcalde da Coruña tamén solicita a Vázquez, de cara á penetración do transporte interurbano na cidade, prevista para o 6 de novembro, “que a Xunta mellore o grao de información das persoas usuarias, tanto de forma directa, como a través dos concellos”. O mandatario local indica que se trata “dun rogo compartido polas alcaldías da área metropolitana da Coruña e moitos veciños e veciñas da contorna”.

Have your say