Candidatura

Cabeza de lista

Xulio Ferreiro

Xulio Ferreiro Baamonde

Profesor de Dereito Procesual na Universidade da Coruña, deportivista e coruñés do barrio dos Mallos dende 1974.

Nacín en 1974 no barrio dos Mallos, aínda que agora vivo na Gaiteira coa miña compañeira e os nosos dous cativos. Son doutor en Dereito e dende hai oito anos profesor na facultade onde me formei, aquí na Coruña. Até que decidín dar este paso, animado polas compañeiras e os compañeiros da Marea Atlántica, era tamén maxistrado suplente na Audiencia Provincial de Lugo. Non milito en ningún partido e son socio do Deportivo dende 1993.


Listas abertas

Rocio Fraga

Rocío Fraga Saénz

Socióloga experta en xénero, emprego e participación cidadá. Activista feminista e de diversos movementos sociais da cidade e do país.

Nacida na Coruña hai 39 anos. Socióloga.

Profesionalmente vinculada case sempre ao terceiro sector nas áreas de emprego, formación e igualdade de oportunidades. Precaria en xeral e desempregada o resto do tempo.

Ampla traxectoria como activista social, desde os movementos estudantil, ecoloxista e antimilitarista, derivou no feminismo como vía para abranguer todas as loitas por unha sociedade mais xusta.

Participou na Marea Atlántica desde o inicio como parte non adscrita a organizacións políticas.


Xiao Varela

Xiao Varela Gómez

Pai. Arquitecto. Socio da Cooperativa Habitat Social. Adicado á construción natural, ao urbanismo participativo e á intervención comunitaria.

Nacín na Coruña hai 36 anos.

Adícome á Arquitectura, ao Urbanismo e á Intervención comunitaria dende a Cooperativa Hábitat Social, da que son socio fundador.

Estou ocupado en loitar por un mundo mellor, colaborando e non competindo.

Formo parte da Marea Atlántica dende o seu nacemento, aportando e aprendendo a partes iguais, neste espazo ilusionante e profundamente transformador onde cabemos tódalas persoas que desexamos unha Coruña máis xusta.


Silvia Cameán

Silvia Cameán Calvete

Nacín no ano 87 no seo dunha familia obreira galega. Feminista e avogada. Son porque antes outras foron e loito porque mañá outras sexan.

Fai uns anos, cansa de librar batallas contra os continuos abusos ós que nos intentan someter, entendín a necesidade de organizarme. Esta determinación levoume a participar en EU.

Co tempo cheguei ó feminismo e nel descubrín unha forma alternativa de entender e vivir unha vida propia e auténtica.

Nestes 27 anos de paseo pola vida aprendín que o colectivo é o que nos conforma, que a rebelión é o primeiro paso cara unha vida máis digna e que a única lóxica capaz de impoñerse é a do ben común.


José Manuel Sande

J. Manuel Sande García

Programador do CGAI-Filmoteca de Galicia. Escritor cinematográfico. Parte de Luzes e Galiza Ano Cero. Xestión e coñecemento do sector público.

Nacido en A Coruña hai 42 anos. Traballa como persoal laboral na Xunta de Galicia.

Activo dende que ten uso de razón, posúe ampla experiencia en xestión, difusión e creación. Para iso escrebe, escoita ou fala polas ondas.

Mareante dende o primeiro día, carece de adscrición partidaria e, cre que a liberación ou autenticidade dunha sociedade so é posible mediante a participación e implicación real dos cidadáns. Pelexa dende hai anos contra os mecanismos que impiden unha vida digna para todas.


Eugenia Vieito

M. Eugenia Vieito Blanco

Persoal de Administración e Servizos da Universidade da Coruña. Licenciada en Dereito. Mestrado en Xestión de Políticas Públicas pendente da tese. Membro da xunta de persoal de PAS da UDC. Pero sobre todo, mareanta.

Nacida na Coruña, PAS da Universidade da Coruña, Licenciada en Dereito.

Traballo como persoal de administración e servizos na Universidade da Coruña. Son Licenciada en Dereito e actualmente finalizando o Mestrado en Xestión de Políticas Públicas na fase da tese.

Actualmente formo parte da Xunta de Persoal de PAS da UDC, en representación dunha candidatura de persoal funcionario de carácter asembleario que nos xuntamos como canle de participación de xente que non se sentía representada polos sindicatos actuais.

Baixo esa mesma idea, embarqueime como mareanta en Marea Atlántica porque… sen mar non hai marea.


Alberto Lema

Alberto Lema Suárez

Nacín en Vimianzo no 75. Dende a Marea queremos unha Coruña dende abaixo, máis democrática, máis galega e que asegure o dereito a unha vida digna.

Licenciado en Filoloxía inglesa, nacín en Vimianzo en 1975 e empecei a participar en política no movemento estudantil universitario de signo nacionalista.

Son escritor, teño cinco libros publicados e tamén colaborei en medios como El Pais, Luzes, Tempos Novos, Praza.gal ou Novas da Galiza.

Son covoceiro de Anova na Coruña e membro da Executiva Nacional da CUT, e da Executiva Local coruñesa do mesmo sindicato.

A Marea Atlántica debe ser a ferramenta política dos de abaixo para construir unha Coruña máis democrática, máis galega e para asegurar o seu dereito a unha vida digna.


Claudia Delso

Claudia Delso Carreira

Mediadora cultural. Mestra de psicomotricidade e teatro. Autoxestión e prácticas colaborativas. Artes Escénicas. Políticas do corpo.

Son veciña de Peruleiro. Fai 10 anos que marchei da Coruña sen vontade de voltar.

Teño 28 anos e xa vivín fóra, xa falei outras linguas e xa traballei do meu e do de máis alá. Día a día fago o posible por quedarme, por traballar aquí, por facer que ocurran cousas nesta cidade, nesta periferia atlántica na que nacín. Adícome a moitas cousas relacionadas coas persoas, a cultura e o corpo.

Son mareanta porque non podo non selo, porque son unha inconformista e creo no pensamento crítico. Porque a Marea Atlántica forma parte dun proceso constituínte que está cambiando a orde das cousas.

Abrir a mirada, e vernos xuntas é algo emocionante #HaiMarea e #HaiVontade.


Daniel Diaz

Daniel Díaz Grandío

Pai formado en enxeñaría civil e estudos do territorio, apaixoado polo transporte público e mobilidade sustentable.

Nacido e vivido no barrio de Eirís, barrio traballador periurbano.

Formeime no ámbito da topografía, urbanismo, enxeñaría civil e xestión e análise do territorio.

Non cesarei de insistir na necesidade de convertir ó transporte público na primeira opción na cidade e na área metropolitana, na bicicleta como ferramenta de cambio e pacificación das rúas e no peón como centro das políticas na cidade.


María García

María García Gómez

Técnica de medio ambiente, activista sen dogmas. Emigrante retornada, con ilusión por construir colectivamente unha cidade máis amable.

36 anos, retornada a Coruña despois dun longo periplo.

Interesada no medio ambiente como oportunidade de desenvolvemento, emprego e participación.

Como técnico municipal durante o Prestige descubre a forza da cidadanía organizada. Activa en proxectos de autoxestión colectiva nos eidos da vivenda, a cultura e a ecoloxía de Berlín.

Membro da Marea de Medio Ambiente, co desexo de facer da Coruña unha cidade con maior calidade de vida para a xente.


Alfonso Mascuñana

Alfonso Mascuñana Bordas

Nado en Vigo, no 43. As xentes e as loitas do barrio fixéronme camiñar cunha segunda pel. A Marea, por suposto, tamén forma parte desa pel.

Vivo en Palavea dende 1974. As xentes e as loitas do barrio, así como a vida e loita obreiras nos centros de traballo (case un ano nos varaderos do Parrote, 8 anos en Mafriesa,…) configuraron unha forma de ver e vivir. Dende entón camiño permanentemente cunha segunda pel: “echar mi suerte con los pobres de la tierra”.

Voluntario e internacionalista en Honduras e Nicaragua, Concelleiro en O Barco de Valdeorras, Membro do Comité de Ética en Fiare…

Calquera tipo de actividade social na que me inserto, a da A Marea Atlántica tamén, por suposto, forma parte desa pel.


Begona Romero

Begoña Romero Quintela

Administrativa en paro despois de 37 anos na mesma empresa. Implicada no cambio por una sociedade mais xusta dende os 16 anos. Agora mareanta.

Nacida en Bilbao fai 59 anos vive na Coruña no barrio da Agra do Orzán dende fai 48 anos. Nai de 2 fillos.

Dende moza implicada en movementos e loitas por una sociedade mais xusta, traballando para conquerilo a distintos niveis e dende distintos campos, como moza na Mocedade galega Revolucionaria, como veciña do barrio colaborando na formación da primeira AAVV, como muller na Asociación Galega da Muller, como traballadora nas CCOO, como nai na ANPA do Masculino e agora dende a Marea para tentar botar a cacicada do Concello.


Antón Fernández

Antón Fernández de Rota

Nacín na Coruña vai 35 anos. Crieime nos Mallos, son veciño de Monte Alto. Adícome á investigación en políticas públicas e á docencia universitaria.

Sociólogo. Doutor en Antropoloxía. Fun profesor da Universidade de Valladolid, e investigador na UC Berkeley, ademáis de en Chile e Portugal.

No 2013 e 2014 traballei no Ecuador da “Revolución Ciudadana”, contratado polo think tank do Estado para dirixir un equipo de investigación en políticas sociais.

Na década que levo na investigación fixen estudos de governabilidade, movementos sociais, sobre as políticas da débeda e, finalmente, no eido da “economías do coñecemento” en relación coa cidade.


Sonia Sainz

María Sonia Sainz Suárez

A Coruña 1964. Empresaria. Dende 1993 dirixo unha empresa adicada as TIC, con implantación en todo o territorio español e México DF. Traballo e vivo no distrito Picasso.

Participo na Marea Atlántica, porque a considero o millor xeito aquí e agora, de facer política social e económica, práctica e sen prexuizos.

A miña actividade ofréceme diariamente experiencia na resolución de problemas, na toma de decisións e na xestión de recursos e grupos.

As miñas ocupacións sempre as completei participando activamente en movementos cidadans (Nunca Mais Lira), culturais (CRMH de A Coruña) ou políticos.

Considero a transparencia carta de presentación indispensable. Creo nas persoas.


Santiago Lamelo

Santiago Lamelo Fagilde

Non podo permanecer tranquilo como se nada pasase, cando hai unha elite económica e antidemocrática que está a gobernar o mundo. Non quero.

Son Santiago Lamelo, candidato ás primarias da Marea Atlántica.

Activista social dende que tiña pelo, sei que non hai outro xeito de cambiar as cousas que non pase pola unidade social fronte ás inxustizas.

Por eso participo dende o comenzo na Marea Atlántica, porque creo que esa unidade tamén é necesaria para recuperar as institucións que nos roubou o poder económico, e este é o espazo preciso para logralo.

Non podemos deixar que o Concello de A Coruña actúe de costas á cidadanía.


Alicia Alonso

Alicia Alonso García

Nacín fai 21 anos no Barco. Dende fai 3, estudo e vivo na Coruña, cas ganas de inundala de feminismo dende abaixo, dende dentro e cara fora.

Nacín en Valdeorras hai xa 21 anos.

Sempre fun unha rapaza curiosa, inquieta. Hai xa uns anos decidín poñerme as gafas lilas e comezar a observar o mundo doutro xeito. Entendín outras formas de facer, de construir e de crear. Comprendín que “a realidade é transformable” e que nós, as mozas, temos a oportunidade de mudala, de crear unha sociedade máis xusta, de cargarnos o heteropatriarcado e de tecer as redes de apoio precisas para camiñar cara a igualdade real.

Hoxe estudo Comunicación Audiovisual na Universidade da Coruña.


Pablo Leira

Pablo Leira Canedo

Enxeñeiro informático. Activista ecoloxista centrado últimamente na mobilidade sostible. Integrado en movementos de economía social.

Coruñés nacido fai 31 anos do barrio de San Roque, onde reside na actualidade co seu fillo e a sua compañeira.

A súa carreira profesional está ligada ao desarrollo do software nunha empresa galega.

Socialmente activo e implicado na cidade e no país, participa en movementos ecoloxistas coa asociación ADEGA, en temas de mobilidade sostible e en proxectos de economía social como a banca ética Fiare ou a cooperativa Zocaminhoca.

Participa na Marea para construir unha cidade para todas as persoas.


Victoria Mejuto

María Victoria Mejuto Vilas

Nacín na Coruña, no 60 e confío en que a Marea siga a ser un instrumento transformador da sociedade, que se extenda polos barrios e centros de traballo.

Son unha persoa privilexiada: son muller, nai, compañeira dun home bo e xeneroso. Teño Pan, Traballo e Teito e a inmensa sorte de estar sempre do lado das persoas que loitan e se manteñen fieis aos seus principios. Con elas participei nas AAVV, na solidariedade con América Latina e na loita sindical e política.

Formo parte desta candidatura co desexo de que a Marea chegue ó goberno pero sobre todo, máis alá de Maráa Pita, que a Marea siga a ser un instrumento transformador da sociedade, que se extenda polos barrios e centros de traballo.


Nicanor Acosta

Nicanor Acosta Alonso

74 anos vendo o frío que acolle a tantas persoas excluídas do dereito a vivir, as súas voces son a dignidade que escoitarase en cada rúa.

Levo 74 anos na Coruña. Dende moi cedo coñecín esa cidade real, esa cidade que arremete con violencia sobre as que menos teñen pero na que se albisca esperanza. Un compromiso que levoume a descubrir a crueza da represión antes e despois da democracia.

De alí a esta parte sigo dende o barrio da Agra mantendo a mesma convicción política xunto a Stop Desafiuzamentos, Foro de Inmigración, Plataforma de Preferentistas, no Fórum Própolis e tantos outros.

Xa basta de tanta barbarie, temos que botalos!


Iria López

Iria López Iglesias

Coruñesa, mestra especialidade audición e linguaxe, escritora, diplomada en empresariais especialidade finanzas, de Podemos, crítica-constructivista.

Traballo como especialista de audición e linguaxe e traballei de coidadora de discapacitados en educación.

Tamén son diplomada en empresariais. Teño estudos de inglés, italiano e carpintería como humanista. Conto con publicacións para docentes. Son voluntaria en distintas ONGs.

Dende a ilusión e responsabilidade quero formar parte deste proxecto de política limpa, solidaria, social que pretende devolverlle as decisións da cidade ós que a vertebran contando coa voz das profesionais para lexislar.


Marcos Sampedro

Marcos Sampedro Vidal

Mestre de primaria e Psicopedagogo. Activista centrado no consumo consciente e na mobilidade. Integrado en proxectos de economía social. Mareante que adora o mar.

Veciño de Monelos de 34 anos que dende hai 4 anos goza de ser pai dunha filla.

A súa carreira profesional transcorre ligada ao ensino público na cidade da Coruña.

Ten participado en todas as mobilizacións en defensa do ensino público e pola renovación pedagóxica. Asimesmo é membro da cooperativa de consumo Zocaminhoca e dunha cooperativa de produción e comercialización de enerxías renovables.

Participa na Marea Atlántica porque cree na honestidade e valía das persoas que a compoñen, pensan e soñan unha Coruña máis amable, xusta e habitable.


MJose Duran

María José Durán Domínguez

De formación informática pero de corazón defensora do medio ambiente. Membro do grupo promotor de Nosa Enerxía S. Coop.

Estudei informática na universidade e co tempo vin que o medio ambiente ten que ser algo transversal a aplicar en todas as políticas.

Con esta premisa e como cidadá da Coruña quero aportar a miña ilusión e o meu traballo para lograr unha cidade máis solidaria e sostible.

Defendo unha cidade na que nos sintamos orgullosas de vivir, onde se cree máis emprego de calidade mediante un cambio do modelo produtivo coa economía verde como medio.

O fin é facer da Coruña unha cidade para un bo vivir.


Sergio Irigoyen

Sergio Irigoyen Vázquez

Xornalista e divulgador científico. Traballei en medios de comunicación e empresas do terceiro sector. Creo na protesta cidadá como vixiancia democrática.

Nacín en Madrid, medrei en Ribadeo e vivo e sinto A Coruña.

Xornalista e divulgador científico, traballei en diversos medios de comunicación e empresas do terceiro sector en Galicia.

Interesado na política desde neno, nunca crín na disciplina de partido porque sempre pensei que cada un de nós somos intelixentes dabondo como para tomar decisións, incluído as políticas.

Desde o punto de vista activista, creo que a protesta cidadá é unha das mellores ferramentas para vixíar e transmitir democracia.