Saltar ao contido

Xulio Ferreiro: “A renuncia de Julio Flores demostra que ata o PP recoñece que o seu mandato foi un fracaso”

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña cre que “Negreira debería seguir o camiño do seu tenente de alcalde xa que é o máximo responsable dos escándalos que sacudiron estes catro anos ao Concello” e observa “desánimo no PP ante a previsión dunha derrota nas urnas que xa só intenta remediar mediante marcas brancas”

 

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, asegurou este domingo que “a renuncia de Julio Flores a presentarse ás eleccións do 24 de maio demostra que ata o PP asume que a súa lexislatura en María Pita resultou un monumental fracaso”. “O tenente de alcalde do señor Negreira só aportou enchufes, imputacións e marrullería á política local. O seu anuncio proba que leva aferrado á poltrona meses, xa que hai moito tempo que debería ter abandonado o seu posto, polo menos desde que foi imputado polo Caso Pokémon, polo que está sendo investigada máis da metade da Xunta de Goberno Local, unha mancha para A Coruña que a cidadanía non merece”, engade o cabeza de lista da Marea, que lembra que o Código Ético da plataforma cidadá obriga a deixar o cargo a calquera persoa imputada “mentres que outras formacións, especialmente o PP, presentan á reelección en Galicia ata a 24 alcaldes con acusacións xudiciais”.

Así mesmo, Xulio Ferreiro considera que “o señor Negreira debería asumir as súas responsabilidades na nefasta lexislatura que vén de sufrir A Coruña e retirarse tamén, posto que el é o máximo responsable dos escándalos e fracasos deste últimos catro anos no Concello”.

“Ábrese un tempo novo, impulsado pola Marea Atlántica, no cal xa non hai sitio para o que representan persoas como Julio Flores, símbolo dun PP que se sabe superado e no que crece o desánimo ante a perspectiva dunha derrota o 24 de maio, que agora xa só intenta evitar mediante a utilización de marcas brancas nunha operación de maquillaxe que nin significa un cambio de rumbo nas lesivas políticas actuais nin afronta o fundamental: recuperar María Pita para a cidadanía e poñer o foco nas persoas e nas súas necesidades, como fai a Marea”, asegura o candidato da plataforma cidadá.

 

Cae Julio Flores