Autonómicas

photo_2016-04-10_13-49-24

As Mareas En Común acordan un momento constituínte para a confluencia nas autonómicas

Ese momento constituínte servirá para abrir o proceso á cidadanía e a outros axentes sociais e políticos, e decidir cuestións coma a fórmula para celebrar primarias, o modelo organizativo e o código ético dos cargos electos

Na xuntanza celebrada onte en Marín, máis de 40 plataformas municipalistas representadas por unhas 150 persoas, aprobaron tamén os principios básicos que guiarán o proceso e unha organización interna baseada na participación individual

Unhas 150 persoas de 43 candidaturas municipalistas de toda Galicia -entre elas, a Marea Atlántica- reuníronse onte en Marín, na Casa da Cultura de Santo Tomé de Piñeiro, no quinto encontro das Mareas En Común. Alí, decidiron poñer en marcha un momento constituínte que, de xeito público e participativo, permita impulsar a confluencia de todas as forzas do cambio de cara ás eleccións autonómicas.

O proceso, chamado provisionalmente Marea Viva, fomentará a participación individual de todas as persoas interesadas en levar ás institucións galegas unha opción política que defenda os intereses do 99%, con ou sen adscrición partidaria. Servirá para deseñar, en común e entre todas, un proceso de primarias, un código ético para os cargos electos, un modelo organizativo e unha forma de goberno.

Para decidir os detalles concretos, coma o regulamento deste  momento constituínte, os seus prazos e o xeito de participar nel, creouse un grupo de traballo que xa está a funcionar nestes momentos. Presentarán os resultados do seu esforzo nunha vindeira xuntanza das Mareas En Común, que se celebrará en Sada en próximas datas, e na que se pechará definitivamente esta nova metodoloxía.

1d34151b-218c-40ae-8582-09c6a7c661f3Ademais, o plenario das Mareas En Común aprobou o documento que reflicte os seus principios básicos, e que foi elaborado coas achegas de máis dun cento de persoas e de diversas mareas municipalistas. Baséanse na defensa dos dereitos humanos, na radicalidade democrática, na transparencia e na loita contra a corrupción. Tamén avogan pola feminización da política e o rexeitamento de calquera tipo de discriminación, e fan unha aposta por un modelo económico máis xusto. Inciden na defensa da lingua e a cultura galega, do ambiente e o benestar animal, e na xestión eficaz dos recursos públicos para conservar o ben común. Finalmente, o documento aprobado reclama máis autogoberno para Galicia e unha mellor vertebración territorial.

Radicalidade democrática

Na xuntanza de Marín tamén foi aprobado o modelo de Organización Interna das Mareas en Común, baseado na participación individual e cunha estrutura simple e en rede, na que as persoas están no centro. A organización descansa en dous niveis, o local, no municipalismo que deu impulso a este proceso, e o nacional, onde se toman as decisións que afectan a toda Galicia, representado por plenarios coma o celebrado onte. Nun punto intermedio, ábrese a posibilidade de crear encontros comarcais aló onde sexa preciso, como lugares de colaboración, impulso territorial e elaboración de achegas propositivas, non de toma de decisións. A participación en calquera destes espazos será sempre individual, seguindo o principio de unha persoa, un voto.

O proceso das Mareas En Común saíu de Marín reforzado e con ilusión para seguir adiante e configurar unha opción de confluencia, que defenda os intereses da xente do común fronte ás políticas antisociais do Partido Popular. Desde a transparencia e  a colaboración, desde a radicalidade democrática, as plataformas municipalistas animan a todas as persoas e organizacións interesadas en recuperar as institucións galegas para a cidadanía a sumarse a esta iniciativa.

1 comment

  1. Pingback: Anova i les Marees dibuixen la confluència que aspira a desallotjar el PP del govern de Galícia | CATzona

Have your say