Saltar ao contido

Xulio Ferreiro: “O Concello da Coruña ten pendentes de pago máis de 21 millóns de euros, o que supón un ataque frontal aos sectores que máis emprego poden xerar”

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, denuncia que o goberno de Negreira “abandona as economías pequenas e medianas namentres baña en ouro ás grandes empresas amigas do Partido Popular”

 

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, criticou que na actualidade “o Concello da Coruña ten 21,16 millóns de euros pendentes de pagamento, o que supón un ataque frontal por exemplo a provedores e, desde logo, a moitos dos sectores que máis emprego poden xerar”.

“Segundo datos oficiais do mes de febreiro, os últimos dispoñibles, eses 21,16 millóns de euros pendentes de pago supoñen unha cifra moi superior á doutros concellos das cidades galegas. Constitúe un descrédito para A Coruña que as súas facturas paralizadas sexan cinco veces superiores ás de Vigo ou catro ás de Santiago. Pero iso, sendo grave, non é o peor. O máis terrible deste asunto é que detrás desas débedas está o abandono do goberno local das economías pequenas e medianas namentres baña en ouro ás grandes empresas amigas do PP”, indica Ferreiro. “Éncheselle a boca ao señor Negreira e os seus falando de apoio ao emprendemento, ou sexa ao autoemprego, pero á hora de cumprir, todas esas palabras quedan esquecidas no ateigado curruncho dos incumprimentos”, critica o candidato á alcaldía da Marea, que engade que “a nosa aposta é a de axudar ás pequenas e medianas empresas ou autónomos, que en moitos casos ven perigar a continuidade dos seus negocios polos continuos atrasos. Recoñecer as débedas e pagar canto antes supón un deber ético e moral, por exemplo cos provedores, e tamén o primeiro xeito de favorecer o emprego e a actividade económica na cidade”.

Así mesmo, Xulio Ferreiro recordou que “ademais do enorme volume de obrigas pendentes de pago, existe outra práctica sistemática do goberno do señor Negreira á que a Marea quere poñerlle fin, como é a de rematar o ano con facturas no caixón, pendentes de imputación orzamentaria”. “A xestión económica do señor Negreira é simplemente desastrosa, ademais de estar inzada de grandes zonas de escuridade sobre ás que intenta deitar luz a Xustiza, ante a opacidade do PP”, conclúe o candidato da Marea.

 

MOCIÓN SOBRE TRANSPARENCIA

Por outra parte, mediante o grupo municipal de Esquerda Unida-Os Verdes -forza que apoia e participa da candidatura da Marea Atlántica ás eleccións locais do 24 de maio- a Marea impulsará unha moción no Pleno do próximo luns na que ante “un goberno municipal no que a súa maioría está sendo investigado nun proceso penal que pon de manifesto que as corruptelas e o enchufismo eran a práctica habitual, amparada na falla de transparencia”, ínstase ao goberno local a “facer públicas as adxudicacións de todos os contratos, incluíndo os menores” e “solicitar ás e aos concelleiros e concelleiras e cargos directivos do Concello e sociedades municipais a presentación de copia da súa declaración do IRPF dos exercicios 2011 e 2014 e das declaracións de bens e actividades, con omisión dos datos persoais protexidos, aos efectos da súa publicación na web do Concello”.Neste sentido, a Marea recorda que o seu candidato, Xulio Ferreiro, xa publicou a declaración do IRPF e bens e actividades no seu blog, malia non ter obriga legal de facelo pero como demostración de transparencia.

As contas pendentes do Concello